"Winter Is Coming" é o episodio piloto da serie de televisión de fantasía medieval da HBO Game of Thrones. É o primeiro episodio da primeira tempada, e foi escrito polos creadores da serie David Benioff e D. B. Weiss, nunha adaptación fiel dos primeiros capítulos do libro de George R. R. Martin A Game of Thrones. O episodio foi dirixido por Tim Van Patten, refacendo o traballo feito polo director Tom McCarthy no episodio piloto sen estrear.

Como primeiro episodio da serie, introduce o mundo e os personaxes principais da serie. O episodio céntrase na familia Stark, e en como o seu señor, Eddard "Ned" Stark, se ve involucrado na política logo de que o rei o escolla para substituír o seu administrador ("Hand of the King") que morreu recentemente. O episodio recibiu valoracións moi positivas, e foi visto inicialmente por 2,2 millóns de espectadores nos Estados Unidos. Unha semana antes da estrea do episodio, HBO fixo que os 15 primeiros minutos da serie estiveran dispoñibles para velos en liña.

O título do episodio é o lema da Casa Stark, que é mencionado numerosas veces no episodio e ó longo da serie.

Sinopse Alén do Muro No continente de Westeros, os membros da Night's Watch rastrexan os movementos dos salvaxes alén do gran Muro, a enorme barreira de xeo que hai no norte, e descobren Camiñantes Brancos demoníacos e a salvaxes convertidos en non mortos. Namentres, o único supervivente da expedición marcha cara ó sur.

En King's Landing Velando o corpo de Jon Arryn, a Man do Rei, Jaime Lannister asegura á súa irmá xemelga, a raíña Cersei Lannister, que se Arryn lle tivese dito a alguén sobre eles, xa terían sido executados.

En Pentos O príncipe exiliado Viserys Targaryen artella reclamar o trono do seu pai das mans do rei Robert Baratheon, a arranxa un casamento entre a súa irmá Daenerys e señor da guerra dothraki Khal Drogo. Como agasallos de voda, Daenerys recibe libros sobre os Sete Reinos de Ser Jorah Mormont, un cabaleiro exiliado leal ós Targaryen, e tres ovos petrificados de dragón do Maxister Illyrio Mopatis, quen axudou a arranxar a voda.

No Norte Introdúcense os Stark de Winterfell: Lord Eddard "Ned" Stark, a súa muller Lady Catelyn, os seus fillos, o herdeiro Robb, a filla máis vella Sansa, a filla máis nova Arya, o fillo de dez anos Bran, e o fillo máis novo, Rickon, así como o bastardo de Ned Jon Snow e o seu pupilo Theon Greyjoy.

Ned leva ós seus fillos a presenciar a execución do desertor Will. Ignorando as advertencias de Will sobre os Camiñantes Brancos, Ned decapítao, insistindo en que os Camiñantes están extintos dende antigo. Os Stark atopan un cervo morto, símbolo da Casa Baratheon, e un loba prehistórica morta, símbolo dos Stark, cuxos cadelos son adoptados polos nenos Stark.

Chegan novas sobre a morte de Lord Arryn, amigo de Eddard e cuñado de Catelyn. Winterfell recibe a corte real, incluíndo o rei Robert, a súa muller a raíña Cersei, os seus fillos, o príncipe herdeiro Joffrey, a princesa Myrcella e o príncipe Tommen, así como Jaime, membro da Garda Real, e o irmán máis novo de Cersei e Jaime, Tyrion Lannister, un anano coñecido como "The Imp". Robert presenta os seus respectos a Lyanna Stark, a súa prometida morta e irmá de Ned, nomea a Ned como nova Man do Rei e suxire un compromiso entre Sansa e Joffrey. Catelyn recibe unha mensaxe da súa irmá Lysa, a viúva de Arryn, que sospeita que o seu marido foi asasinado polos Lannister. Ned acepta a regañadentes a posición de Man do Rei.

Bran rube por unha torre abandonada e descobre a Cersei e a Jaime tendo sexo. Para manter a relación incestuosa en segredo, Jaime empurra a Bran pola fiestra abaixo.

Produción Concepto e desenvolvemento Algúns estudios de Hollywood contactaran con George R. R. Martin sobre a posibilidade de adaptar a súa serie de libros A Song of Ice and Fire nun filme. Porén, Martin declarou que os libros non podían ser adaptados nun filme porque tería que eliminarse moito do seu contido, mais que si poderían ser convertidos nunha serie de televisión. En xaneiro de 2006, David Benioff contactou co axente literario de Martin, quen lle enviou os primeiros catro libros de A Song of Ice and Fire. Benioff levou uns poucos centos de páxinas do primeiro libro, A Game of Thrones, chamou a D. B. Weiss e díxolle: "Se cadra estou tolo, pero non me divertira tanto lendo algo en aproximadamente 20 anos. Así que bota unha ollada porque creo que podería ser unha gran serie de HBO". Weiss, que leu o primeiro libro en dous días, estivo moi entusiasmado sobre un posible proxecto televisivo baseado nos libros. Arranxaron un encontro con Martin, que lles preguntou se sabían quen era a verdadeira nai de Jon Snow, e estivo satisfeito coas súas respostas.

En marzo de 2006, unhas poucas semanas despois do encontro con Martin, Benioff e Weiss presentaron a idea a Showtime e despois a Carolyn Strauss de HBO, aceptando Strauss a proposta. HBO adquiriu os dereitos das novelas para convertelas nunha serie de televisión, con Benioff e Weiss como guionistas e produtores executivos da serie. A serie comezou a fase de desenvolvemento en xaneiro de 2007. A serie comezou co primeiro libro da serie "A Game of Thrones", escrito en 1996, coa intención de cada novela da serie formaría a base para os episodios dunha tempada. Porén, Benioff e Weiss tiveron que volver presentar unha proposta despois de que Carolyn Strauss renunciase á presidencia de HBO en 2008. Os primeiros dous borradores do guión piloto, escritos por Benioff e Weiss, foron presentados en agosto de 2007 e xuño de 2008 respectivamente. Se ben HBO encontrou os dous borradores do seu gusto, o piloto non aprobado até novembro de 2008.

Guionización miniatura|Os cocreadores da serie, David Benioff e D. B. Weiss, escribiron o guión do episodio. Escrito polos creadores da serie David Benioff e D. B. Weiss, o primeiro episodio inclúe o argumento dos capítulos 1–9 e 12 (Prologue, Bran I, Catelyn I, Daenerys I, Eddard I, Jon I, Catelyn II, parte de Arya I, Bran II, Daenerys II). Algúns cambios na adaptación inclúen a secuencia dos eventos no prólogo (nos libros, é Gared e non Will quen sobrevive á expedición e Eddard decapítao despois, e o material de Arya aparece antes da chegada da familia real), novas escenas que amosan a perspectiva dos xemelgos Lannister, e a noite de vodas de Daenerys amosa a Drogo que non espera o consentimento dela para ter sexo.

Rodaxe miniatura|Sean Bean interpreta a Ned Stark na serie. Tom McCarthy foi escollido para dirixir o piloto, rodado entre o 24 de outubro e o 19 de novembro de 2009 en localizacións de Irlanda do Norte, Escocia e Marrocos. Porén, o piloto foi considerado insatisfactorio e tivo que ser rodado de novo.

O novo episodio piloto foi rodado en 2010 polo novo director Tim Van Patten, e varios dos actores que aparecían no piloto orixinal non regresaron á serie. Tamzin Merchant foi substituída no papel de Daenerys Targaryen por Emilia Clarke, e Jennifer Ehle foi substituída no papel Catelyn Stark por Michelle Fairley. Ademais, Ian McNeice foi substituído no papel de Illyrio por Roger Allam, Richard Ridings no papel de Gared por Dermot Keaney, e Jamie Campbell Bower no papel de Ser Waymar Royce por Rob Ostlere.

Outra diferenza é que o piloto orixinal contén escenas rodadas en Escocia, e escenas de Pentos rodadas en Marrocos, mais no episodio estreado, Winterfell foi filmado nunha combinación de localizacións en Irlanda do Norte, mentres que as escenas de Pentos foron rodadas en Malta. O castelo de Doune, en Escocia, foi usado orixinalmente para recrear Winterfell, e o seu gran salón foi empregado para algunhas tomas do interior. Algunhas escenas sobreviviron, pero non foi práctico regresar a Escocia para a nova rodaxe, e unha réplica do gran salón do Castelo de Doune foi recreado en Belfast para a serie. O castelo de Ward en Irlanda do Norte foi empregado para a nova rodaxe para filmar a entrada do rei Robert no castelo de Winterfell. O aparcadoiro serviu como patio central do castelo, e a bodega serviu como cripta da familia Stark. O parque forestal de Tollymore foi usado para escena de inicio onde se produciu o encontro cos Camiñantes Brancos.

Tódalas escenas rodadas en Marrocos foron rodadas de novo en Malta. O piloto orixinal reutilizou os escenarios de Kingdom of Heaven en Marrocos para recrear Pentos e o lugar da voda de Drogo e Daenerys. En Malta, o Palacio Verdala, o palacio de verán do século XVI do presidente de Malta, foi usado para as escenas de exterior da mansión de Illyrio. A Xanela Azul foi utilizada como escenario para a voda. Porén, a rodaxe na Xanela Azul xerou certa controversia cando un ecosistema protexido foi danado por un subcontratista.

Na escena de sexo, a daquela embarazada Lena Headey foi substituída por dobre de corpo; o equipo de produción agochou o seu embarazo durante o resto da tempada. Na escena na que os Stark atopan un cervo asasinado por un lobo prehistórico cando regresaban da execución, utilizouse un animal real e non unha recreación. Como o cervo levaba morto durante dous días, fedía tanto que os actores tiveron que ter conta que non se vise reflectido nas súas caras. Algunhas escenas rodadas nunca foron estreadas, como un flashback da morte do irmán de Eddard Stark, e a morte de Jon Arryn.

Piloto orixinal O piloto orixinal de 2009 tivo unha acollida moi pobre nunha proxección privada con amigos, un dos cales, Craig Mazin, dixo a Benioff e Weiss, "Vós rapaces tedes un problema masivo", e dixo que debían "cambiar todo" cando lle preguntaron por ideas. Foi tan rexeitado que Kit Harington bromeou que cando amolaba a Benioff e Weiss, eles ameazaban con estrear o episodio en YouTube. Weiss dixo sobre a proxección: "Observalos vendo o piloto foi unha experiencia dolorosa e profundamente humillante, porque son persoas moi intelixentes e claramente non estaba funcionando para ningún deles a un nivel moi básico". Por exemplo, nunca se especificou que dous dos principais personaxes, Jaime e Cersei Lannister, eran de feito irmán e irmá, un punto principal no argumento da serie.

HBO non tomou ningunha decisión durante catro meses despois de que o piloto fose presentado. En marzo de 2010, anunciouse a decisión de HBO de dar luz verde á serie, coa produción da serie programada para comezar en xuño de 2010. Porén, HBO esixiu unha nova rodaxe do piloto, e quixo que tódalas escenas de Marrocos foran eliminadas. Un cameo de George RR Martin como un nobre pentoshi na voda de Daenerys tamén foi eliminado. Arredor do 90% do piloto foi rodado de novo en 2010, con algúns cambios de actores e un director diferente.

Episodio estreado O piloto orixinal permaneceu sen estrear, aínda que unhas poucas escenas foron rescatadas para o primeiro episodio emitido. Isto inclúe as escenas de Sansa con Catelyn (as imaxes de Michelle Fairley como Catelyn foron inseridas sobre a interpretación de Jennifer Ehle), A cabalgada de Will polo bosque (mantida aínda que interpretada cun actor diferente), a maioría do festín en Winterfell, e a escena de Ned e Robert na cripta. Esa escena foi unha das poucas que foron rodadas en 35 mm, e como consecuencia pode verse un certo gran de filme na versión HD do episodio. Citando o material extra da versión Blu-ray da tempada 1.

Acollida Preestrea O 3 de abril de 2011, dúas semanas antes da estrea da serie, os primeiros 15 minutos de "Winter Is Coming" foron estreados como un avance exclusivo da páxina web da HBO. Dave Banks da revista Wired considerou a preestrea "moito mellor do agardado". Scott Stinson do National Post de Toronto declarou "sabes que non estás a ver un drama de televisión cando hai dúas decapitacións nos primeiros 15 minutos."

Audiencia