Sue Taylor Grafton, nada en Louisville, Kentucky, o 24 de abril de 1940 e finada en Santa Barbara, California, o 28 de decembro de 2018, foi unha escritora de novelas de detectives estadounidense. É coñecida por ser a autora da "serie do alfabeto" ("A" Is for Alibi etc.) protagonizadas pola investigadora privada Kinsey Millhone na cidade ficticia de Santa Teresa, California. Antes do éxito da serie, escribiu guións para telefilmes.
Traxectoria Primeiros anos Sue Grafton era filla de C. W. Grafton (1909-1982) e Vivian Harnsberger, ambos os dous fillos de misioneiros presbiterianos.
O seu pai era avogado municipal e tamén escribía novelas de misterio e a súa nai fora profesora de química nun instituto. O seu pai alistouse no exército durante a segunda guerra mundial cando ela tiña tres anos e volveu cando tiña cinco, tralo cal a súa vida comezou a derrubarse. Ambos os proxenitores caeron no alcoholismo e Grafton dixo que "dende os cinco anos de idade, fun abandonada á miña propia crianza".
Grafton e a súa irmá máis vella Ann creceron en Louisville, onde acudiu ao Atherton High School. Asistiu á Universidade de Louisville (primeiro ano) e ao Western Kentucky State Teachers College (actualmente Western Kentucky University) nos seus seguintes anos antes de graduarse na Universidade de Louisville en 1961 cun grao en literatura inglesa e minors en humanidades e belas artes. Foi membro de Pi Beta Phi.
Despois de graduarse, Grafton traballou no mostrador de admisións dun hospital, como caixeira e como secretaria médica en Santa Monica e Santa Barbara.
A nai de Grafton suicidouse en 1960 despois de volver a casa tras unha operación para eliminar un cancro de esófago que sufriu tras anos de beber e fumar. O seu fai faleceu en 1982, poucos meses antes da publicación de "A" Is for Alibi.
Carreira O pai de Grafton estaba namorado da ficción detectivesca e escribía polas noites. El ensinou a Grafton o proceso de escritura e edición e preparouna para escribir cando tiña dezaoito anos, finalizando a súa primeira novela catro anos máis tarde. Continuou a escribir e completou outras seis novelas. Só dúas delas (Keziah Dane e The Lolly-Madonna War) foron publicadas. Grafton destruíu máis adiante os manuscritos das súas cinco primeiras novelas inéditas.
Incapaz de atopar éxito coas súas novelas, Grafton converteuse en guionista. Traballou os seguintes quince anos escribindo guións para telefilmes, incluídos Sex and the Single Parent, Mark, I Love You e Nurse. Graton vendeu os dereitos de The Lolly-Madonna War e coescribiu o guión do filme. A adaptación, estreada en 1973 como Lolly-Madonna XXX, foi protagonizada por Rod Steiger e Jeff Bridges. O seu guión para Walking Through the Fire gañou un premio Christopher en 1979. En colaboración co seu marido Steven Humphrey, tamén adaptou as novelas de Agatha Christie A Caribbean Mystery e Sparkling Cyanide para a televisión e coescribiu Asasino da familia e Love on the Run. Está acreditada polo argumento en que se baseou o telefilme Svengali (1983).
A súa experiencia como guionista ensinoulle o básico da estrutura dunha historia, escritura de diálogos e creación de secuencias de acción. Grafton sentiu entón que estaba lista para volver a escribir ficción. Mentres atravesaba un "amargo divorcio e unha batalla pola custodia que durous seis longos anos", Grafton imaxinaba formas de matar ou mutilar o seu exmarido. As súas fantasías eran tan reais que decidiu poñelas por escrito.
Serie do alfabeto Grafton estaba fascinada polas series de misterio con títulos relacionados como a serie de John D. MacDonald sobre Travis McGee, que incluía en cada título unha cor, e a serie de Harry Kemelman sobre Rabbi Small, que incluía un día da semana nos títulos. Mentres lía The Gashlycrumb Tinies de Edward Gorey, un libro ilustrado cunha listaxe alfabética de formas de morreren os nenos, Grafton decidiu escribir unha serie de novelas con títulos que seguisen o alfabeto. Inmediatamente sentou e fixo unha listaxe de todas as palabras que coñecía relacionadas cos delitos.
Estas convertéronse na serie coñecida como "novelas do alfabeto", protagonizadas pola investigadora privada Kinsey Millhone. A serie está ambientada en Santa Teresa, versión ficcionalizada de Santa Barbara. Grafton seguiu a estela de Ross Macdonald, que creara a versión ficticia da cidade. Grafton describiu a Kinsey Millhone como a súa alter ego, "a persoa que eu puiden ser se non casase tan nova e tivese fillos".
Vida privada Grafton casou por primeira de 1959 aos dezaoito anos con James L. Flood, co que tivo un fillo e unha filla. Divorciáronse na época en que Grafton se graduou da universidade en 1961. O seu segundo matrimonio foi con Al Schmidt en 1962 mais acabou cun longo divorcio e proceso de custodia da súa filla.
CAsou co seu terceiro marido, Steven F. Humphrey, en 1978. Dividiron o seu tempo entre Santa Barbara, California, e Louisville, Kentucky; Humphrey deu clases nas universidades das dúas cidades. En 2000, a parella comprou e restaurou Lincliff, unha propiedade de 28 acres en Louisville que pertencera a William Richardson Belknap.
Grafton faleceu no Cottage Hospital de Santa Barbara o 28 de decembro de 2017, despois dunha batalla de dous anos contra o cancro.
Obras Keziah Dane (1967) The Lolly-Madonna War (1969) – filmado como Lolly-Madonna XXX (1973) Serie "Alphabet Mystery"
Notas
Véxase tamén Bibliografía Blakesley Lindsay, Elizabeth. (2007) Great Women Mystery Writers. "Sue Grafton". pp 95–8. Westport Connecticut: Greenwood Press.
Ligazóns externas Páxina oficial
Categoría:Nados en Louisville, Kentucky Categoría:Nados en 1940 Categoría:Finados en 2017 Categoría:Escritores dos Estados Unidos de América Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Finados por cancro Categoría:Guionistas dos Estados Unidos de América