Antonio Luis Baena Tocón, nado en 1915 e finado en 1998, foi un militar e funcionario español que nos anos posteriores á guerra civil española formou parte de varios tribunais militares do Franquismo.
Traxectoria
Entre 1939 e 1943, coa graduación de alférez, Baena Tocón foi destinado ó Xulgado Especial de Prensa, encargado de perseguir e depurar a aqueles que escribiran en medios de comunicación durante a República. Baixo as ordes do xuíz instrutor encargouse de investigar a Hemeroteca Municipal de Madrid, anotando os nomes de escritores e xornalistas xunto con comentarios sobre o carácter dos presuntos delitos que estes terían cometido nos seus escritos literarios.
Foi tamén membro de varios consellos de guerra relacionados co Xulgado Especial de Prensa, entre eles o instruído contra o poeta Miguel Hernández, condenado a morte en marzo de 1940, pena posteriormente conmutada por 30 anos de prisión. Baena Tocón figurou como secretario deste consello, malia non posuír a titulación necesaria para este posto por non ter finalizado a carreira de Dereito.
En xuño de 1966 foi nomeado interventor do concello de Córdoba, posto que desempeñou ata a súa xubilación. Anteriormente fora habilitado como viceinterventor da Deputación Provincial de Córdoba.
Polémica
En xuño de 2019 a Universidade de Alacante, tras unha solicitude do fillo de Baena Tocón, borrou dos seus arquivos dixitais toda referencia á participación de Antonio Luis Baena Tocón no xuízo de Miguel Hernández. Isto provocou un efecto Streisand, e o nome de Baena Tocón pasou a ser trending topic nesa data.
Notas
Categoría:Nados en 1915 Categoría:Finados en 1998 Categoría:Militares de España Categoría:Personalidades sen imaxes Categoría:Franquismo