Giuseppe Bertello, nado en Foglizzo (provincia de Turín) o 1 de outubro de 1942, é un cardeal italiano da Igrexa católica, presidente da Comisión Pontificia para o Estado da Cidade do Vaticano e presidente da Gobernación do Estado da Cidade do Vaticano dende outubro de 2011. Traballou no servizo diplomático da Santa Sé de 1971 a 2011, converteuse en arcebispo en 1987, ostentou o cargo de Nuncio en varios países como Ruanda, México, e Italia, e foi o representante da Santa Sé ante varias organizacións internacionais.
Traxectoria Bertello foi ordenado sacerdote o 29 de xuño de 1966 polo bispo Albino Mensa. Licenciouse en teoloxía pastoral e obtivo un doutoramento en lei canónica. Estudou diplomacia na Academia Eclesiástica Pontificia.
Servizo diplomático Entrou no servizo diplomático da Santa Sé en 1971, e traballou até 1973 na nunciatura no Sudán, que era tamén a delegación apostólica para a rexión do Mar Vermello. Dende 1973 a 1976, foi secretario da nunciatura en Turquía, converténdose en Capelán da Súa Santidade o 9 de febreiro de 1976. Foi secretario da nunciatura en Venezuela de 1976 a 1981, e exerceu o rango de auditor da Oficina da Organización das Nacións Unidas en Xenebra de 1981 a 1987. En 1987, encabezou a delegación de observadores da Santa Sé na Conferencia de Ministros Estranxeiros do Movemento de Países Non Aliñados en Pyongyang, onde foi o primeiro sacerdote católico en visitar a pequena comunidade católica daquel país, illada dende a Guerra de Corea.
O 17 de outubro de 1987, o Papa Xoán Paulo II nomeouno Arcebispo Titular de Urbs Salvia e nomeouno nuncio apostólico en Ghana, Togo e Benín. Foi consagrado o 28 de novembro polo cardeal Agostino Casaroli, cos bispos Albino Mensa e Luigi Bettazzi como principais co-consagradores. O 12 de xaneiro de 1990, foi transferido a Ruanda, onde apoiou organizacións de dereitos humanos e animou a bispos católicos a se unir aos que avogaban polo fin da guerra civil. Ficou no seu posto e viaxou por rexións perigosas onde foi testemuña do xenocidio tutsi en 1994. En marzo de 1995, Xoán Paulo II nomeouno Observador Permanente da Santa Sé ante as Nacións Unidas en Xenebra e coa mesma función na Organización Mundial do Comercio. En 1997 Bertello negociou o status da Santa Sé como observador permanente na Organización Mundial do Comercio, converténdose no seu primeiro representante aquel ano.
O 27 de decembro de 2000, Xoán Paulo nomeouno nuncio apostólico en México. O 30 de xullo de 2002, recibiu ao Papa que relizou unha visita apostólica ao país para a canonización de Juan Diego Cuauhtlatoatzin. O 11 de xaneiro de 2006, Bertello foi nomeado Nuncio Apostólico en Italia e a República de San Marino polo papa Bieito XVI.
En 2007, Bertello recibiu a Cruz Espléndida da Orde Mexicana da Aguia Azteca e o 4 de outubro de 2008 otorgóuselle a Gran Cruz de Cabaleiro da Orde do Mérito da República Italiana.
Traballo na curia O 3 de setembro de 2011, Bieito XVI nomeou a Bertello Presidente da Comisión Pontificia para o Estado da Cidade do Vaticano e Presidente da Gobernación do Estado da Cidade do Vaticano, nomeamento que se fixo efectivo o 1 de outubro de 2011, no seu 69 aniversario. O 6 de xaneiro de 2012, o papa Bieito anunciou que Bertello sería ordenado cardeal. Foi nomeado cardeal-diácono de Santi Vito, Modesto e Crescenzia o 18 de febreiro. O 21 de abril Bieito nomeouno para un mandato de cinco anos como membro da Congregación para a Evanxelización dos Pobos, a Congregación de Bispos, e o Consello Pontificio para a Xustiza e a Paz.
Foi un dos cardeais electores que participaron no conclave papal de 2013 que elixiu o papa Francisco.
O 13 de abril de 2013 foi asignado ao Consello de Asesores Cardeais estabelecido por Francisco para aconsellarlle un plan para reestruturar a Curia Romana. Francis fíxoo membro da Administración do Patrimonio da Sé Apostólica o 10 de novembro de 2014 e membro da Congregación para as Causas dos Santos o 3 de decembro de 2016. Francisco tamén renovou o seu nomeamento na Comisión Pontificia para o Estado da Cidade do Vaticano ata 2021.
Notas
Categoría:Cardeais de Italia Categoría:Alumnos da Pontificia Academia Eclesiástica Categoría:Cardeais creados por Bieito XVI Categoría:Nados en 1942 Categoría:Nados na provincia de Turín