Xosé Manuel García Crego, nado en Vigo o 9 de xaneiro de 1950, é un editor, tradutor, sindicalista e político galego.

Traxectoria Enxeñeiro Técnico Industrial, traballou en Citroën nos anos 1973 a 1975; foi director de produción e de edición en Edicións Xerais de Galicia desde 1983 até a súa xubilación en 2015.

Militante da UPG e membro dos cumios Executivo e Central, foi secretario de organización nos anos 1971-1976. Logo da caída da organización en agosto de 1975 estivo fuxido en Porto. Foi detido en xuño de 1976, ingresando na cadea da Coruña. Abandonou a UPG en novembro dese ano en desacordo coa expulsión de Xosé González Martínez.

Integrante do núcleo fundador de Galicia Ceibe (OLN) e do Partido Galego do Proletariado, codirixiu con X. L. Méndez Ferrín os periódicos Espiral e Sempre en Galicia (do PGP).

No terreo sindical pertenceu á CSG (Confederación Sindical Galega), á INTG, á CXTG (Confederación Xeral de Traballadores Galegos) -de cuxo periódico Adiante foi coordinador-, e á CIG, causando baixa nesta central sindical en 2016 pola súa submisión ao BNG.

Para a CXTG editou a serie de libros Sede Central Relatos. Foi membro do Clube Cultural Adiante, editando o libro do I Congreso da Lingua e a Cultura galegas en Asturias, León e Zamora.

Militou na FPG até novembro de 2009, abandonando esta organización por causa da indecisión sobre o proceso de confluencia co Encontro Irmandiño e co Movemento pola Base, que daría pé ao Proxecto Común e a Anova, que había abrir un novo xeito de entender a política da esquerda en Galicia, coa creación de AGE e de En Marea.

É membro da Asociación de Amizade Galego-Cubana "Francisco Villamil", da que foi presidente no tempo do período especial cubano, nos primeiros anos da década de 1990.

Alentou e formou parte das Redes Escarlata.

Conformou o núcleo inicial e a xunta directiva da organización de defensa medioambiental Salvemos Monteferro. Foi membro do Instituto de Estudos Miñoráns.

Entre 2010 e 2018 foi presidente do Coro galego Cantares do Brión, con sede no Val Miñor.

Traducións "Mensaxe ó cumio da Terra", de Fidel Castro. Fuxidos, de Juan Noya, 1996. "Petite Bohême", de Koldo Izagirre, en Sede Central Relatos, 1988. Fidel Castro. A miña vida, de Ignacio Ramonet, 2007. Da vendima á zafra. Crónica dun emigrante galego en Cuba, de Emilio Comas Paret (en colaboración con Gustavo Luca de Tena), 2008. Presenza galega en Cuba, de Xosé Neira Vilas, 2010.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Ficha en Edicións Xerais

Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Políticos da UPG Categoría:Editores de Galicia Categoría:Tradutores de Galicia Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1950