Dame Ninette de Valois, nada como Edris Stannus en Blessington (Irlanda) o 6 de xuño de 1898 e finada en Londres o 8 de marzo de 2001, foi unha bailarina, profesora, coreógrafa e directora de ballet clásico británica de orixe irlandesa. Bailou profesionalmente cos Ballets Russes de Serge Diaghileve posteriormente estableceu o Royal Ballet, unha das compañías máis destacadas do século XX. Tamén estableceu a Royal Ballet School e a compañía que se converteu no Birmingham Royal Ballet. Está recoñecida como unha das figuras máis influentes da historia do ballet e como a "madriña" do ballet inglés e irlandés.

Traxectoria Comezou a bailar en 1908, con dez anos, e axiña adquiriu unha gran reputación en Inglaterra a causa dos seus graciosos movementos. En 1921 cambiou legalmente o seu nome a Ninette de Valois. Bailou cos Ballets Rusos de Sergei Diagilev, aínda que non chegou a ser unha estrela con eles.

Retirouse como bailarina en 1926, con vinte e oito anos, para promover o ballet clásico por toda Europa. En 1928 convenceu a Lilian Baylis para que o Sadler's Wells Theatre puidese ser sede da súa compañía. Baixo a súa dirección a compañía creceu e converteuse na Wells Royal Ballet Company, que máis adiante se dividiu entre a Birmingham Royal Ballet e a Covent Garden's Royal Ballet. Tamén fundou a Royal Ballet School.

De Valois, case sen axuda, foi responsable de crear o ballet clásico británico. Deseñou a súa compañía segundo o exemplo dos Ballets Imperiais Rusos, aínda que programando unha mestura de ballet clásico e obras contemporáneas. Pouco a pouco foi atraendo persoas de talento, e invitou a Frederick Ashton que fora o principal coreógrafo da súa compañía. Co tempo, a compañía chegou a ser unha das máis soadas do mundo, con bailaríns como Margot Fonteyn, Gillian Lynne, Robert Helpmann, Moira Shearer, Beryl Grey e Michael Somes. En 1949 o Sadler Wells Ballet causou sensación cando viaxaron aos Estados Unidos e Margot Fonteyn converteuse inmediatamente nunha celebridade internacional. A comezos da década de 1950, de Valois contribuíu a fundar o Ballet e Ópera Estatal Turco, en Istanbul.

Ocupouse de que a súa compañía tivese unha fonte constante de talento e nos anos seguintes a compañía contou con estrelas como Svetlana Beriosova, Antoinette Sibley, Nadia Nerina, Lynn Seymour, e coa máis sensacional posible no momento, Rudolf Nureyev. De Valois tamén invitou a coreógrafos como Kenneth MacMillan e George Balanchine a que traballasen coa compañía. Retirouse formalmente en 1964 e foi nomeada Life Governor of the Royal Ballet, deixando sentir a súa presenza na compañía. Era moi severa, e quizais por esa razón, déuselle o alcume de "Madam" (Señora). O alcume callou e dende entón en artigos e entrevistas formais chamárona Madam; ela aceptouno con naturalidade e comezou a asinar así a súa correspondencia.

Continuou con aparicións públicas ata a súa morte aos 102 anos.

Honras Foille concedida a Lexión de Honra francesa en 1950 e nomeada Dame Commander of the Order of the British Empire en 1951, e posteriormente, en 1982, Companion of Honour. En 1992 recibiu a Orde do Mérito.

En 1974 tamén se lle outorgou o prestixioso Premio Erasmus, conxuntamente co coreógrafo Maurice Béjart.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Dame Ninette de Valois obituary, The Independent London Ballet Circle website, londonballetcircle.co.uk Profile, pcah.us Profile , ballerinagallery.com Ninette de Valois profile, peopleplayuk.org.uk Ninette de Valois, Royal Ballet Founder, Dies at 102, nytimes.com Kathrine Sorley Walker, "The Festival and the Abbey: Ninette de Valois' Early Choreography, 1925-1934, Part One", Dance Chronicle, Vol. 7, No. 4 (1984 - 1985), pp. 379-412 Ninette de Valois profile; arquivado o 1 de novembro de 2009 Biography: Ninette de Valois, answers.com "Call Her 'Madame'", encyclopedia.com Ninette de Valois profile, Ricorso.net Dame Ninette de Valois' appearance on This Is Your Life, bigredbook.info

Categoría:Nados no condado de Wicklow Categoría:Nados en 1898 Categoría:Finados en 2001 Categoría:Bailaríns de ballet Categoría:Mestres de ballet Categoría:Coreógrafos de ballet Categoría:Premio Erasmus