César Arias Rodríguez, nado en San Clodio, Ribas de Sil en 1931 e finado en Madrid no mes de Nadal de 2020, foi un activista cultural galego e un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto.
Traxectoria
Administrativo de profesión, desenvolveu a súa vida laboral en Madrid, aínda que mantivo sempre unha fonda ligazón coa súa vila natal, San Clodio, onde descansan os seus restos.
Durante a súa mocidade en Ourense formou parte do grupo poético-cultural Xente Nova, onde coincidiu con Xosé Fernández Ferreiro, Víctor Campio Pereira, Pura Vázquez ou Serafín Gómez Pato, e entrou en contacto co galeguismo intelectual representado por Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Xesús Ferro Couselo e Vicente Risco.
En 1958, xa en Madrid e após unha breve estadía en Zaragoza, integrouse no grupo de mozos galegos formado por Bautista Álvarez, Xosé Alexandre Cribeiro, Xosé Fernández Ferreiro, Bernardino Graña, Ramón Lourenzo, Xosé Luís Méndez Ferrín e Reimundo Patiño, cos que fundou o grupo Brais Pinto na capital do Estado español. O grupo, cuxa sede estaba no Centro Galego de Madrid, combinou actividade cultural e política galeguista, e editou obras fundamentais da poesía galega contemporánea. Arias foi o principal responsable da organización e coordinación da súa editorial, que publicou títulos como Bocarribeira de Ramón Otero Pedrayo, Poema do home que quixo vivir de Bernardino Graña ou A noite de Xosé Fernández Ferreiro.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Categoría:Activistas de Galicia Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes