O río Landro é un espazo natural galego catalogado como zona especial de conservación (ZEC) que inclúe parte das ribeiras do río Landro, desde case o seu comezo ata o interior do esteiro da ría de Viveiro, e do seu afluente o rego de Bravos. Esta área de conservación ocupa 127,19 ha. da mariña occidental lucense nos concellos de Ourol e Viveiro, comezando desde Bravos e Xerdiz e Miñotos e indo ata Vieiro e Magazos. Destaca pola presenza do salmón e polos hábitats de xunqueiras na marisma.
Parte deste espazo cadra co monumento natural do Souto da Retorta, e nel están os eucaliptais de Chavín.
Fauna e flora Flora Os hábitats cos que conta a vexetación deste espazo van desde aqueles dos esteiro e as lameiras que o rodean, os prados e pasteiros, as matogueiras, os queirogais, así como os bosques de ribeira, tanto de monte como das abas das ribeiras.
Nos bosques do río Landro teñen presenza os soutos e carballeiras de Quercus robur e Quercus pyrenaica, así como os bosques de ribeira de abeneiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus excelsior).
As especies da flora catalogadas como especies silvestres en réxime de protección especial ou presentes no catalogo galego de especies ameazadas son:
Especie Narcissus asturiensis Narcissus cyclamineus
Fauna Entre a fauna compre destacar os mamíferos acuáticos, como as londras, e as ameixas perlíferas de río. Tamén, a presenza de 9 taxóns de aves con interese de protección, como o picapeixe (Alcedo athis) e a papuxa do mato (Sylvia undata).
As especies de fauna catalogadas como especies silvestres en réxime de protección especial ou presentes no catalogo galego de especies ameazadas son:
Grupo Especie Invertebrados Coenagrion mercuriale Invertebrados Lucanus cervus Invertebrados Ameixa perlífera de río (Margaritifera margaritifera) Peixes Chondrostoma polylepis Peixes Petromyzon marinus Peixes Salmo salar Anfibios Chioglossa lusitanica Anfibios Discoglossus galganoi Anfibios Lacerta monticola Anfibios Lacerta schreiberi Mamíferos Galemys pyrenaicus Mamíferos Lutra lutra Mamíferos Myotis myotis Mamíferos Rhinolophus ferrumequinum Mamíferos Rhinolophus hipposideros
Lexislación O río Landro foi declarado como lugar de importancia comunitaria (LIC) en decembro de 2004 e ascendeu a zona especial de conservación (ZEC) en marzo de 2014. O espazo natural ten unha parte dentro de: O Monumento natural “Souto da Retorta”, de 3,19 ha.
Galería de imaxes
Notas
Río Landro