Pedro Nolasco Gaite Sancho, nado en Pontevedra o 16 de outubro de 1879 e finado en Poio o 12 de xaneiro de 1949, foi un relixioso e escritor galego.
Traxectoria Fillo do catedrático e escritor Antonio Gaite Núñez e de Esperanza Sancho Méndez-Núñez. Estudou o bacharelato no instituto de Pontevedra e comezou os estudos de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela, que abandonou para ingresar no convento de San Xoán de Poio o 26 de outubro de 1896.
Logo do noviciado e a primeira profesión, que recibiu no mosteiro da Magdalena de Sarria o 21 de decembro de 1897, cursou os estudos eclesiásticos en Poio.
Foi ordenado sacerdote a finais de 1902. Dentro da orde dos Mercedarios, foi nomeado secretario de provincia de 1906 a 1907, comendador do convento da Magdalena de Sarria entre 1907 e 1914, e despois encabezou o regreso da comunidade a Madrid en 1914. No verán de 1918 foi destinado a Ferrol xunto co padre Alberto Barros.
En 1918, coincidindo co sétimo centenario da fundación da orde, fundou en Ferrol a revista La Merced. Deu clase no colexio La Merced (actual colexio Tirso de Molina), onde tivo como alumno a Gonzalo Torrente Ballester. En 1920 foi designado para ler a oración fúnebre de Concepción Arenal.
Permaneceu como comendador en Ferrol até 1924, se ben durante os veráns ía a Donostia para ser capelán da Familia Real. Nese ano regresou a Poio, onde foi nomeado mestre de coristas (formador de seminaristas maiores mercedarios) entre 1924 e 1927, e deputado ao capítulo xeral entre 1927 e 1930. O 24 de decembro de 1927 recibiu o título de predicador xeral, e foi definidor provincial de 1937 a 1942.
Obras Concepción Arenal. Oración fúnebre predicada en la iglesia de San Julián de Ferrol el 31 de enero de 1920 (Ferrol, 1920) Novena en honor de la Virgen de la Barca, cuya milagrosa imagen se venera en su famoso santuario de Mugía (Santiago de Compostela, 1926) Novena a San José de la Montaña Meditaciones (1945; tomo I; obra de piedade)
Notas
Categoría:Nados en Pontevedra Categoría:Nados en 1879 Categoría:Finados en 1949 Categoría:Sacerdotes católicos de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Mercedarios de España