Rosa Conde Gutiérrez del Álamo, nada en Ronda (Málaga) o 7 de setembro de 1947, é unha socióloga e política española. En 1987-88 foi directora do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). En 1988 foi nomeada ministra portavoz do Goberno converténdose nunha das dúas mulleres (xunto a Matilde Fernández) en formar parte dun executivo socialista tras seis anos de gobernos de Felipe González en que todos os ministros foron homes. Foi deputada no Congreso de 1989 a 2004 e posteriormente e ata 2012 directora da Fundación Carolina.

Traxectoria Conde naceu en Ronda (Málaga) e pasou a súa nenez e adolescencia en Xaén.

Licenciouse en Ciencias Políticas pola Universidade Complutense de Madrid en 1971 e de 1971 a 1984 foi profesora de Estrutura Social Contemporánea e Socioloxía da Familia na Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía de Madrid.

Na administración pública ingresou no corpo especial de Economistas da AISS prestando servizo en distintos departamentos do Ministerio de Traballo e do Ministerio da Presidencia (1971-1983).

En 1978 incorporouse ao gabinete de estudos sociolóxicos da secretaría xeral técnica do Ministerio de Traballo.

Especialista en temas electorais, en 1980 comezou a traballar no Centro de Investigacións Sociolóxicas como asesora do gabinete técnico. En 1983 foi nomeada xefa do gabinete e o 11 de marzo de 1987 asumiu a dirección sucedendo no cargo a Julián Santamaría e converténdose na primeira muller á fronte do CIS.

Traxectoria institucional e política O 12 de xullo de 1988 Felipe González chamouna para que asumise o cargo de Ministra Portavoz do Goberno na III Lexislatura. Ela e Matilde Fernández foron as dúas primeiras mulleres en pertencer a un goberno socialista de España. Era o cuarto goberno, un avance ante a ausencia de mulleres nos tres gobernos de Felipe González previos, mais lonxe da cota do 25 por cento que acababa de aprobar o XXXI Congreso en xaneiro de 1988. Cando asumiu o ministerio, Conde non estaba afiliada ao PSOE aínda que a súa vida de estudante e profesional estaba ligada á esquerda. Afiliouse en 1990.

No libro Yo fui ministra Conde explicou que o seu valedor para o cargo foi o entón vicepresidente Alfonso Guerra. Co tempo converteuse nunha das colaboradoras máis estreitas do Presidente Felipe González.

En xullo de 1993 abandonou o goberno e ata 1996 ocupou a Secretaría Xeral da Presidencia do Goberno.

Foi elixida deputada nas listas do PSOE por Xaén nas lexislaturas IV e V e por Madrid nas lexislaturas VI e VII (1989-2004).

Na súa actividade privada foi directora xeral de Noxa Consulting (2001-2004), empresa especializada na realización de estudos de opinión e sondaxes electorais e membro do Advisory Board de Accenture.

De 2004 ata marzo de 2012 asumiu a dirección da Fundación Carolina, unha organización financiada con diñeiro público e entidades privadas, dedicada á promoción de relacións culturais e cooperación en materia educativa e científica entre España e Iberoamérica.

Debate sobre as cotas O feito de que Rosa Conde fose unha das dúas primeiras mulleres que formaron parte dun goberno socialista situouna de cheo no debate que algunhas feministas do PSOE forzaron no interior do partido sobre a ausencia de mulleres nos espazos de representación política e nas institucións. Naquel momento Conde situouse en contra das cotas publicamente fronte a Matilde Fernández, que tamén se incorporou ao gabinete de González, unha das promotoras da campaña feminista interna do PSOE que logrou que en 1990 o 32 Congreso Federal do PSOE non só aprobase a creación dunha cota de participación forzosa dun 25% de mulleres nos cargos orgánicos e institucionais, senón que se crease tamén unha secretaría da área da muller.

Anos máis tarde, con todo, Rosa Conde rectificou a súa posición e participou en numerosos actos defendendo publicamente a cota.

Publicacións Iberoamérica en la hora de la igualdad (2010). Rosa Conde, Isabel Martínez, Amelia Valcárcel (eds.) El momento político de América Latina (2011). Enrique V. Iglesias, Rosa Conde e Gustavo Suárez Pertierra (eds) Cambio político, desafección y elecciones en América Latina (2015) Rosa Conde e Isabel Wences (eds.) ISBN 978-84-259-1682-3. Centro de Estudios Políticos y Constitucionales.

Notas

Categoría:Nados en Ronda Categoría:Nados en 1947 Categoría:Políticos do PSOE Categoría:Sociólogos de España Categoría:Ministros de España Categoría:Deputados do Congreso dos Deputados polo PSOE Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (IV Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (V Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (VI Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (VII Lexislatura)