José Antonio Rodríguez Estévez, alcumado "Peitos", nado en Ourense, é un expiloto galego de rally.

Foi un dos principais pilotos galegos dos anos 70 e 80, logrando varias vitorias no Campionato de España e no Campionato de Galicia, do que foi subcampión en 1982 e 1983. Foi o último ourensán en gañar o Rally de Ourense, en 1982.

Traxectoria

Inicios Naceu no ourensán barrio do Couto e estudou en varios colexios, sendo expulsado en varias ocasións. Mentres facía o servizo militar, destinado en Ourense, mercou o seu primeiro coche, un Alpine. Con este vehículo disputou a súa primeira competición, a Subida a Pereiro de Aguiar, pero non foi ata catro anos despois que comezou a competir con asiduidade. En 1976 gañou o Rally da Coruña, conducindo un Seat 1430 e con Antonio Colemán como copiloto. Disputou varias probas máis ese ano como o Rally San Martiño, a Subida á Estrada ou a Subida á Saleta, onde rematou terceiro por detrás de Beny Fernández e Antonio Freire "Ventura".

En 1977 disputou numerosas probas logrando bos resultados, como o terceiro posto na Subida a Manzaneda, terceiro no Rally dos Pazos, a vitoria entre os carrozados na Subida ao Barreiro, e na Subida ao Aloia ou o cuarto posto no Rally de Ferrol, con Pérez de copiloto. Correu tamén con Pérez e co Seat 1430 o Rally de Ourense, rematando en sexta posición. Tería sido cuarto se non fora por unha penalización de medio minuto por arrincar un pouco antes de tempo nun dos treitos. Na seguinte tempada quedou segundo xunto a Colemán no Rally do Lacón, por detrás de Pío Alonso, cuarto no primeiro Rally San Froilán e logrou a terceira posición na Subida a Almofrei, mentres que sufriu abandonos no Rally San Telmo, no Rally de Ourense e no Rally Rías Baixas. Rematou en quinta posición na clasificación final do Campionato de Galicia de Automobilismo.

En 1979, sobre un Seat 124, quedou segundo no Rally do Lacón, repetindo o resultado do ano anterior, e na edición de 1981, xa co Ford Escort RS 1600 MKI, quedou segundo de novo, nas dúas últimas ocasións por detrás de Carlos Piñeiro. Tamén en 1981 quedou segundo no Rally de Ferrol, cuarto no Rally de Ourense, e tivo que abandonar no Rías Baixas, despois de ser o único piloto capaz de gañarlle nun treito a Beny Fernández, que foi o máis rápido en todos os demais, e tamén no Rally da Coruña. Pechou a tempada coa vitoria no Rally San Martiño, coa que rematou en terceira posición no Campionato de Galicia de Rally, por detrás de Carlos Piñeiro e Luis Barrio. Tamén disputou varias subidas de montaña, destacando o segundo lugar entre os turismos na Subida ás Pontes e o primeiro na Subida a San Antoniño.

Subcampión de Galicia Na tempada 1982 non se presentou á primeira proba, o Rally dos Pazos, mentres que tivo que abandonar na segunda, o Rally do Condado. A continuación logrou a vitoria no Rally do Lacón, tras un duro duelo con Carlos Piñeiro. O mesmo duelo repetiuse no 13º Rally de Ferrol ata o abandono de Peitos nunha saída da estrada durante o treito Somozas-Moeche. En xuño disputou o Rally de Ourense con Paco Facas de copiloto, logrando a vitoria por diante de Piñeiro e Cleherc II, e aproveitando os abandonos de Beny Fernández e Marc Etchebers. Foi o último ourensán que conseguiu gañar dito rally. A continuación quedou cuarto no Rías Baixas, e abandonou no San Froilán e na Coruña. Por último venceu no I Rally de Porriño, rematando a tempada como subcampión galego, por detrás de Piñeiro. Participou tamén ese ano en rallys do Campionato de España, sufrindo un abandono no Critérium de La Rioja e subindo ao podio en terceira posición no Critérium Luis de Baviera de Madrid.

En 1983 comezou competindo cun Porsche 911, co que gañou por segunda vez consecutiva o Rally do Lacón, quedou segundo no Rally de Ourense e venceu no Critérium Mora Renault da Coruña. A continuación gañou o 14º Rally de Ferrol, utilizando un Renault 5 Turbo que xa estreara un mes antes na Subida a Chantada, onde quedara 14º. Coa vitoria en Ferrol foi proclamado por algúns medios de comunicación como novo campión galego. Con todo, esta información era incorrecta. A continuación sufriu dous abandonos, no Rally Rías Baixas e no San Froilán, a pesar do cal a prensa volveuno proclamar erroneamente como campión galego. Finalmente non participou na derradeira proba da tempada, o Rally da Coruña, onde a vitoria foi para Luis Barrio, que deste xeito logrou o título de campión de Galicia con 520 puntos, por diante dos 480 de Peitos, subcampión por segundo ano consecutivo.

Alfa Romeo Adquiriu un Alfa Romeo Alfetta GTV6, que estreou no Rali Sopete de 1985, en Portugal, con resultado de abandono. A continuación quedou sexto na primeira edición do Rally Botafumeiro, logrou o terceiro posto no Rally do Lacón, abandonou en Ourense e quedou segundo en Ferrol. En novembro gañou o 15º Rally da Coruña e en decembro abandonou no Rally de Pontevedra. Rematou a tempada do campionato galego en novena posición. miniatura|Peitos no Rally de Galicia Histórico de 2012. En 1986 correu de novo co Alfa, co que abandonou no 2º Rally Botafumeiro, pero co que logrou a súa terceira vitoria no Rally do Lacón, esta vez con Marquina como copiloto. Sufriu varios abandonos máis durante a tempada e rematou cuarto no Rally de Ourense, puntuable para a Copa de España. Na seguinte edición do rally ourensán volveu subir ao podio, na terceira posición por detrás de Marc Etchebers e Carlos Piñeiro.

Citroën AX Sport e retirada Despois de máis de dous anos sen competir reapareceu para disputar cun Citroën AX Sport preparado por Chumbo a tempada 1989 do Campionato de Galicia, encadrado dentro da Copa Citroën. Comezou no Rally do Lacón, onde quedou quinto, sendo segundo entre os Citroën, por detrás de Arturo Rial. En xuño abandonou no Rally de Ourense e en xullo foi o primeiro entre os Citroën e cuarto na xeral no Rally Cidade de Cristal, onde mantivo un duelo nocturno con Sergio Vallejo nos treitos finais, despois de sufrir unha saída de pista no tramo Campolongo-Doroña, e estar a piques de ser alcanzado polo piloto lucense. Con todo, o vencedor final da Copa Citroën foi Rial.

Na tempada 1990, de novo co Citroën AX Sport, logrou mellores resultados (4º no Botafumeiro, 5º no Rías Baixas, 6º no Cidade de Cristal e 4º no San Froilán) e proclamouse vencedor da Challenge Citroën, quedando ademais terceiro na clasificación absoluta, a só 60 puntos do subcampión, Antonio Garrido, aínda que a máis de 300 do vencedor, Germán Castrillón. Ademais rematou a Copa de España de Rally en sexta posición. Ao ano seguinte competiu no Rally do Lacón, onde tivo que abandonar despois de romper, e a continuación retirouse dos rallys. Con todo, reapareceu para disputar o Rally do Lacón de 1998, onde conduciu un Seat 124 Burgueño, e en 2011 e 2012 correu no Campionato de España de Rally para Vehículos Históricos, cos antigos Ford Escort reconstruídos por Chumbo (o seu mecánico daquela época e dono dos coches), mais sen conseguir finalizar ningún rally.

Notas

Véxase tamén

Categoría:Nados en Ourense Categoría:Pilotos de rally de Galicia Categoría:Nados en ano descoñecido