A Peroxa é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Ourense e parte da Ribeira Sacra. Segundo o IGE en 2022 tiña 1.805 habitantes.

Xeografía O concello, situado na comarca de Ourense, ten 54,5 km². O seu relevo está estruturado en tres zonas: unha de montaña baixa (entre 600 e 800 m), que abrangue as parroquias do Souto, Mirallos, Toubes, Armental e parte de Celaguantes. A topografía é bastante accidentada, formada por numerosas lombas desgastadas pola erosión.

Entre os 400 e 600 metros de altitude están as parroquias de Gueral, Vilarrubín e A Peroxa. Esta zona, coñecida como Os Chaos, é máis chaira.

A terceira unidade xeográfica está formada polas terras de val situadas a carón do río Miño e do seu afluente o río Barra, que xunto co río Búbal e o rego de Lentomil, configuran a rede fluvial do concello.

O clima é oceánico con matices meridionais, o que propicia unha vexetación variada, predominando as especies arbóreas autóctonas (piñeiros, carballos, castiñeiros e abeneiros nos vales), mentres que na zona de monte predominan os matos.

Poboación

Censo total 1.902 (2017) Menores de 15 anos 83 (4.36 %) Entre 15 e 64 anos 1.047 (55.05 %) Maiores de 65 anos 772 (40.59 %)

Historia Atopáronse restos arqueolóxicos paleolíticos, e existen restos de poboados castrexos. Coa romanización de Galicia, construíuse a vía entre Aquas Flavias e Lugo, que posibilitou a formación de novos núcleos de poboación.

Durante a Idade Media foi significativa a presenza do Conde de Ribadavia, que chegou a dominar a maior parte das parroquias que integran o municipio. Tamén foi importante o señorío exercido pola diocese de Ourense, que administrou Vilarrubín e Toubes, mentres que a parroquia de Armental pertenceu ao señorío de Pedro Losada e a de Beacán ao mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

Xa na Idade Contemporánea, por mor das excesivas cargas fiscais ás que estaba sometido o campesiñado da zona, creáronse nas parroquias de Graíces e O Souto organizacións agrarias de carácter revolucionario (agrarismo), coa finalidade de rematar co sistema feudal e combater os abusos dos señoríos, que mantiveron os seus privilexios a través do cobro de cuantiosas rendas en especies até finais da década de 1920.

Patrimonio Entre o seu patrimonio arquitectónico destaca o castelo da Peroxa, destruído no século XX para construír a nova igrexa parroquial.

A igrexa de San Xinés conta cunha torre barroca con dupla balconada. No retablo da igrexa de Graíces, do século XVII, traballou o escultor ourensán Alonso López.

Entre os pazos e casas grandes destaca a casa da Torre (Graíces), as de Souto e Cinconogueiras e os Pazos de Turbisquedo (convertido nunha casa de turismo rural), Redondelle (Sano Equis), Ansariz (Armental) e o de Láncara.

Festas Na Peroxa ten lugar a feira os días 13 e 27 de cada mes. Se estes días caeren en domingo, a feira pasa ao sábado anterior (días 12 e 26). Entre a súa gastronomía destaca a carne de vitela ao caldeiro.

A romaría da Virxe das Neves (Graíces) celébrase a primeira semana de agosto. A romaría da Virxe do Santo Amparo (Carracedo) celébrase o segundo domingo de setembro, nunha pequena capela no Campo do Amparo. A romaría da Virxe da Saúde (Mirallos) celébrase o terceiro domingo de setembro, nunha ermida no monte de San Nicolás. A romaría da Virxe do Rosario (Vilarrubín) celébrase o primeiro domingo de outubro.

Galería de imaxes

Parroquias

Lugares da Peroxa Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Peroxa vexa: Lugares da Peroxa.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas www.aperoxa.es

Categoría:A Peroxa