Millepora alcicornis é unha especie de cnidario hidrozoo da subclase dos hidroidolinos, orde dos antoatecados, suborde dos capitados, o tipo da familia dos milepóridos.Millepora alcicornis Linnaeus, 1758 no WoRMS. Consultada o 1 de setembro de 2020.
É unha especie de coral de fogo colonial con esqueleto calcario que se encontra en arrecifes de coral en augas pouco profundas no océano Atlántico tropical occidental, no mar Caribe e o golfo de México. Mostra unha variedade de morfoloxías diferentes dependendo da súa situación. Aliméntase de plancto e completa parte das súas necesidades enerxéticas coas microalgas simbiontes que se atopan nos seus tecidos. É un membro importante da comunidade de arrecifes e está suxeita ás mesmas ameazas que outros corais. Pode provocar picadas dolorosas aos mergulladores incautos.
Taxonomía Descrición A especie foi descrita en 1758 por Linneo no volume 1º do seu Systema Naturae.
Etimoloxía Para o xénero véxase Millepora.
O epíteto específico, alcicornis, está formado polos elementos do latín científico alci- e -cornis. O primeiro deriva do latín alcīs, xenitivo singular de alcēs, "alce", e o segundo do latín cornis, de cornūs, -ūs, "corno". Literalmente: "de cornos de alce".
Sinónimos Ademais do protónimo, creado por Linneo, a especie coñeceuse tamén polos sinónimos:
Millepora candida Duchassaing & Michelotti, 1864 Millepora carthaginiensis Duchassaing & Michelotti, 1864 Millepora crista-galli Duchassaing & Michelotti, 1864 Millepora delicatula Duchassaing & Michelotti, 1864 Millepora digitata Duchassaing & Michelotti, 1864 Millepora esperi Duchassaing & Michelotti, 1864 Millepora fenestrata Duchassaing & Michelotti, 1864 Millepora forskali Milne Edwards, 1860 Millepora gothica Duchassaing & Michelotti, 1860 Millepora moniliformis Dana, 1848 Millepora pumila Dana, 1848 Millepora schrammi Duchassaing & Michelotti, 1864 Millepora trinitatis Duchassaing & Michelotti, 1864 Palmipora fasciculata Duchassaing, 1850 Palmipora parasitica Duchassaing, 1850
Características A morfoloxía de Millepora alcicornis é moi variábel. A maioría das colonias probabelmente comece como formas incrustantes e van adoptando unha estrutura ramificada cando van medrando. As incrustacións poden amosar unha variedade de estruturas, non só nos arrecifes de coral e sobra as rochas, senón tamén sobre corais mortos e cascos de barcos afundidos. Nunha fase de desenvolvemento máis avanzada adopta a forma de placas en hábitats con augas axitadas, tales como os bordos exteriores dos arrecifes. En augas máis tranquilas, como en lagoas profundas ou partes máis protexidas dos arrecifes, desenvolve unha estrutura ramificada vertical, que pode alcanzar unha altura de 50 cm. As ramas cilíndricas xeralmente crecen nun mesmo plano e son de cor crema, amarelada ou parda clara coas puntas pálidas.Fire Coral (Millepora alcicornis) Marine Invertebrates of Bermuda. Consultado o 2 de setembro de 2020.Branching fire coral (Millepora alcicornis) Marine Species Identification Portal. Consultado o 2 de setembro de 2020.
Como todos os milepóridos, Millepora alcicormis ten tres clases de diminutos pólipos, con funcións especializadas: os gastrozoides procesan e dixiren os alimentos capturados polos dactilozoides que se agrupan en torno a eles. Os gastrozoides son pequenos e repoludos, e estenden de catro até seis grupos de tentáculos a través dos seus poros, gastróporos, pero son polo demais invisíbeis. Os dactilozoides teñen tentáculos moi finos, semellantes a pelos, cubertos de cnidoblastos, que liberan cnidocitos cando as presas se encontran moi cerca. As picadas dos cnidocitos inmobilizan a presa, e os tentáculos diríxena cara á boca dun gastrozoide adxacente, desde onde pasa á cavidade gastrovascular para a súa dixestión. E os pólipos gonozoides, que se encontran en cámaras incrustadas no esqueleto calcario de aragonita do animal, o cenósteo,cenósteo, en Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Coruha: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-8730-512-1, p. 88. son os encargados da reprodución. Todos estes pólipos conéctanse internamente entre si por medio dun sistema de canais e están ocultos detrás dos poros do esqueleto, os dactilóporos e os gastróporos dos datilozoides e gastrozoides, respectivamente. A superficie do esqueleto é suave e carece de coralitos, que son característicos dos verdadeiros corais pétreos (que son antozoos, e non hidrozoos).
Normalmente, os tentáculos dos dactilozoides esténdense todo o tempo, retraéndose cando un obxecto se move cerca do coral, despois do cal é posible tocar a especie sen experimentar as dolorosas picadas causadas polos cnidocitos.Venomous Corals: The Fire Corals en Coralmania. Consultada o 2 de setembro de 2020.
Os pólipos tamén son os encargados de segregaren carbonato cálcico, o material que forma o esqueleto.
Hábitat e distribución Hábitat Millepora alcicormis vive ancorada a rochas e corais en arrecifes, en colonias que se estenden varios metros. Normalmente prefire augas turbias interiores dos arrecifes, exhibindo gran tolerancia á sedimentación.
Vive a unha profundidade de até os 40 m, e é a única especie do xénero Millepora que frecuentemente habita a profundidades duns 10 m. Porén, pode encontrarse entre os 0 e os 109,37 m de profundidade, e nun rango de temperaturas entre os 19,81 e os 28,06 °C.Millepora alcicornis Linnaeus, 1758 no Sistema de Información Biogeoxráfica Oceánica (OBIS).
Distribución A súa área de distribución inclúe as costas do mar Caribe, o suroeste dogolfo de México,Tunnell, J. W. Jr. (1988): "Regional comparison of southwestern Gulf of Mexico to Caribbean Sea coral reefs". Proceedings of the 6th International Coral Reef Symposium 3: 303-308. a Florida,Humann, P. & DeLoach, N. (2006): Reef coral identification, Florida, Caribbean, Bahamas. Jacksonville. Florida, USA: New World Publications, Inc. ISBN 978-1-8783-4854-8. e se estende ao longo da costa caribeña de América Central, chegando cara ao sur, até o sur do Brasil,Hetzel, B., Castro, C. B. & Leão, Z. M. (1994): Corals of southern Bahia. Rio de Janeiro, Brasil: Editora Nova Fronteira. e até o leste até as costas das illas de Cabo Verde.Laborel, J. (1974): "West African Reef corals an hypothesis on their origin". Proc. 2nd Int. Coral Reef Symposium 1: 425-443.
Tamén se encontrou nas Bermudas, pero a súa morfoloxía nese lugar é tan diferente da do resto da súa área que quizais pode tratarse dunha especie diferente.Christiane Schoepfer-Sterrer (Wolfgang E. Sterrer, editor) (1986): Marine Fauna and Flora of Bermuda. A Systematic Guide to the Identification of Marine Organisms. Hoboken, New Jersey, USA: John Wiley & Sons, Inc., ISBN 978-0-4718-2336-0, p. 134.
Bioloxía Nutrición O cenénquima, ou tecido colonial común, e os pólipos, conteñen microalgas simbióticas mutalistas (ambos os organismos benefícianse da relación) dinoflaxelados do xénero Symbiodinium, coñecidas como zooxantelas. Estas algas, mediante a fotosíntese, subministran aos seus hospedeiros oxíxeno e enerxía (glícidos), que son aproveitados polos pólipos, e aliméntanse dos catabolitos dos corais (especialmente fósforo e nitróxeno).Debelius, Helmut & Hans A. Baensch (1998): Marine Atlas. Volume 2. Osnabrück, Baixa Saxonia, Alemaña: Mergus Verlag GmbH. ISBN 978-3-8824-4054-6. Isto lles subministra entre o 70 e o 95 % das súas necesidades alimenticias. O resto obtéñeno capturando plancto e materia orgánica dispersa na auga.
miniatura|200px|Colonia xove de M. alcicornis na illa San Salvador, Bahamas
Reprodución Millepora alcicornis reprodúcese tanto asexualmente mediante xemación, e sexualmente; os pólipos gonozoides expulsan medusas á auga desde unhas estruturas chamadas ampolas (cientificamente ampullae). As medusas conteñen as gónadas, que lanzan ao exterior os óvulos e os espermatozoides (polo tanto, a fecundación é externa).Fire corals (Millepora spp.) en ARKive. Consultada o 29 de agosto de 2020. Os ovos fecundados no exterior, forman parte do zooplancto, permanecendo á deriva arrastrados polas correntes varios días; máis tarde transfórmanse en larvas plánulas, que caen ao fondo, adhírese a el e comezan a súa vida sésil, segregando carbonato cálcico para conformaren un esqueleto individual denominado coralito; posteriormente os pólipos reprodúcense por xemación, dando orixe á colonia, e ao esqueleto colonial, denominado cenósteo. O conxunto do cenósteo e os coralitos coñécese como corallum.
Fragmentos do coral que se desprenden da colonia durante tormentas, poden terminar noutros lugares adecuados onde establecen novas colonias, que son xeneticamente idénticas á colonia orixinal (clons). Esta fragmentación é probabelmente o método de reprodución máis frecuente.
Ecoloxía Un bo número de especies de camaróns e peixes, aparentemente inmunes ao veleno, refúxianse entre as ramas de Millepora alcicornis. Os cirrítidos en particular, adoitan situarse enriba deste coral de fogo, talvez protexidos polas súas aletas pectorais que non teñen pel. Millepora alcicornis ten poucos depredadores. Hermodice carunculata, un poliqueto, ás veces pastorea nel, aínda que prefire outros corais. Algúns nudibranquios (lesmas de mar) do xénero Phyllidia sliméntanse de M. alcicornis, como o fan tamén os peixes da familia dos monacántidos.
Descubriuse que M. alcicornis se volve agresivo cando está situado nas proximidades dun abano de mar (gorgonia). Produce ramas que crecen horizontalmente, desenvolvéndose en estruturas semellantes a mans que rodean e asfixian ao abano de mar. Logo utilízao como un substrato para ampliar a colonia. Ás veces, este novo crecemento sepárase da colonia nai, e forma unha nova colonia, xeneticamente idéntica á orixinaria. Esta acción agresiva é unha resposta específica á presenza de gorgonias, e non sucede en resposta á presenza próxima a doutros corais vivos ou mortos, outros invertebrados sésiles ou auga libre. M. alcicornis parece ter a capacidade de detectar a presenza da gorgonia por medio da auga que flúe sobre as superficies de ambos os organismos.Wahle, Charles M. (1980): "Detection, Pursuit, and Overgrowth of Tropical Gorgonians by Milleporid Hydrocorals: Perseus and Medusa Revisited". Science 209 (4457): 689-691.
Relacións cos seres humanos Os cnidocitos de Millepora alcicornis son o suficientemente potentes como para penetraren na pel humana. Poden inxectar un veleno que causa unha dolorosa sensación de ardor, erupcións na pel, ampolas e cicatrices. A toxina contén unha proteína solúbel en auga, da cal 40 µg é a dose letal media (DL50) en ratos cun peso de 20 g.
Mantemento en acuarios A especie non ten usos comerciais, aínda que ás veces instálase en acuarios arrecifais. Os corais do xénero Millepora son os máis comúns nos acuarios. As especises de Millepora, na natureza, prefiren fortes correntes de auga e alta iluminación. Os acuariófilos que cultivan corais de fogo coñecen que o movemento da auga é o factor limitante no seu crecemento. En canto á iluminación, as especies de Millepora son bastante agradecidas a todas as combinacións e cores de luz que se utilizan en acuarios, sempre e cando a intensidade sexa suficiente. Pero incluso con apropiadas correntes de auga e luz, estes corais deben alimentarse para sobrevivir; os seus finos pólipos son moi urticantes e están ben situados para capturaren o plancto natural ou seus substitutos; por outra parte, unha poboación correcta en canto ao número de peixes o acuario, alimentados de forma adecuada, xerará por si soa a suficiente materia orgánica para que os corais de fogo completen a súa alimentación.Milleporidae, corales de fuego en Aquanovel, 9 de febreiro de 2013 . Consultado o 1 de setembro de 2020.