Jorge Pinto Mendonça, nado en Silva Jardím o 6 de xuño de 1954 e finado en Campinas o 17 de febreiro de 2006, foi un futbolista brasileiro. Hábil dianteiro e prolífico goleador, marcou máis de 400 goles ao longo da súa carreira, que transcorreu integramente no seu país.
Traxectoria Fluminense de Silva Jardim, debutou como futbolista profesional nas filas do Bangu en 1972. No seu primeiro partido, o 15 de xaneiro dese ano, marcou 2 goles ante o São Cristóvão, para o Torneio Romeu Dias Pinto. Marcou un total de 23 goles co equipo carioca.
Ao ano seguinte marchou a Pernambuco, estado no que xogou entre 1973 a 1975, vestindo a camiseta do Náutico. Alí converteuse nun dos máximos goleadores da historia do club e nun dos seus maiores ídolos. Gañou o Campionato Pernambucano en 1974, proclamándose máximo artilleiro, con 24 goles, e chegou a marcar oito goles nun mesmo partido do torneo, na vitoria por 8-0 sobre o Santo Amaro.
O seu gran rendemento en Pernambuco atraeu a atención dos directivos do Palmeiras, que o contrataron en 1976 como recambio de Ademir da Guia, que estaba a piques de se retirar. No equipo de São Paulo continuou con altas cifras goleadoras, marcando un total de 102 tantos en 217 partidos. Entre as súas dianas encóntrase o único gol da final do Campionato Paulista de 1976, que lle deu o título ao seu equipo fronte ao XV de Piracicaba.
Despois de participar nalgúns amigables non oficiais coa selección brasileira, foi convocado por Cláudio Coutinho para o Mundial de 1978. Debutou na Copa do Mundo substituíndo a Zico nos minutos finais do partido da primeira fase contra España e acabou xogando como titular case todos os restantes partidos, deixando no banco ao propio Zico. Disputou un total de 6 encontros no torneo, acompañando no ataque a xogadores como Gil e Roberto Dinamite, pero non conseguiu ningún gol. Nos seus 11 partidos coa camiseta amarela, obtivo sete vitorias e catro empates, ademais de dous goles.
Tras a competición, regresou ao Palmeiras, co que acadou a final do Campionato Paulista de 1978, perdendo ante o Guarani de Carlos Alberto Silva. Xogou no club ata 1980, sendo o responsable da súa saída o adestrador Telê Santana, co que mantiña unha mala relación que empeorou cando tras un partido ante o Flamengo no Río de Xaneiro, o centrocampista abandonou o campo de adestramento para gozar da vida nocturna carioca. A continuación xogou brevemente no Vasco da Gama, onde foi contratado para cubrir a ausencia do ídolo Roberto Dinamite, sen demasiado éxito.
En xuño de 1980 fichou polo Guarani e acabou por converterse nun dos mellores xogadores da historia do club. O 27 de marzo de 1981 gañou a Taça de Prata da Serie B, liderando o ataque xunto a Careca, e foi o máximo goleador do torneo. Ese mesmo ano fixo historia no Campionato Paulista, no que anotou 38 goles, a terceira cifra máis alta en tódalas edicións do campionato, superada só por Feitiço e Pelé. Converteuse ademais no primeiro xogador en marcar nunha mesma tempada contra os catro grandes equipos de São Paulo (São Paulo, Corinthians, Palmeiras e Santos).
A pesar do seu gran momento de forma, quedou fóra da convocatoria para o Mundial de 1982, por decisión do seleccionador e antigo adestrador seu no Palmeiras, Telê Santana. Tras deixar o Guarani, defendeu a camiseta do maior rival histórico deste, o Ponte Preta, no que xogou entre 1983 e 1985. Nos últimos anos da súa carreira militou no Cruzeiro, Río Branco e no extinto Colorado, antes de retirarse nas filas do Paulista de Jundiaí.
Instalado dende a súa retirada en Campinas, cidade na que conseguiu ser ídolo dos dous equipos arquirrivais do Estado, o Guaraní e o Ponte Preta, pasou por unha serie de dificultades económicas, de saúde e familiares, agravadas polo seu alcoholismo. Faleceu por problemas cardíacos aos 51 anos e foi soterrado en Valinhos, cidade próxima a Campinas.
Palmarés Náutico Campionato Pernambucano (1): 1974. Torneo Gobernador Cortez Pereira (1): 1975.
Palmeiras Campionato Paulista (1): 1976.
Guarani Taça de Prata (1): 1981.
Individual Bola de Prata da Revista Placar (1): 1979.
Notas
Categoría:Nados no estado do Río de Xaneiro Categoría:Nados en 1954 Categoría:Finados en 2006 Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Bangu Categoría:Xogadores do Clube Náutico Capibaribe Categoría:Xogadores do SE Palmeiras Categoría:Xogadores do Vasco da Gama Categoría:Xogadores do Guarani FC Categoría:Xogadores do AA Ponte Preta Categoría:Xogadores do Rio Branco Esporte Clube Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1978