Ermitas Fernández Fernández, nada en Vilar de Cas (Moreira, Castroverde) en 1945, é unha mestra, pedagoga e profesora galega.
Traxectoria Diplomouse en Maxisterio en Lugo. Cando rematou os estudos, o seu primeiro destino como mestra foi un colexio en Vilarbuxán, Bóveda.
No ano 1968 marchou traballar a unha escola unitaria de Maderne (A Fonsagrada), na que pasou nove anos, onde impartiu clase a 52 nenos de idades diferentes nunha mesma aula. Durante ese tempo coñeceu varios mestres da Acción Católica, cuns fortes ideais innovadores, influíndo sobre o seu pensamento pedagóxico. Deste xeito, Ermitas comeza a transformar a súa clase nun espazo no que prima a liberdade, empregando fundamentalmente a conversación e o diálogo.
En 1977 formou parte do arranque do programa Preescolar na Casa, co que recorreu toda Galicia. Durante os anos 80 e 90 participou en abundantes encontros e intercambios con proxectos educativos, relacionados coa infancia, a familia e o medio rural, a nivel nacional e internacional (fundamentalmente en América Latina e a Unión Europea).
No ano 2001 constitúese a Fundación Preescolar na Casa, na que Ermitas asume o cargo de directora executiva. Actualmente participa no programa AMIE (Actores Medio Rural Infancia) sendo a única das tres importantes pedagogas galegas ―María Barbeito, Antonia de la Torre e Ermitas Fernández― que continúa activa. Agora, defende que a educación do ser humano non debe comezar no momento no que este nace, senón con anterioridade, e resalta tamén a importancia de educar aos futuros pais e nais para que poidan tomar conciencia do que supón ter un fillo.
Formou parte das trinta docentes máis innovadoras da escola española durante a etapa do franquismo, ata os primeiros anos do século XXI, aparecendo no ano 2004 na revista Cuadernos de Pedagogía.
Recoñecementos En 2006, foi elixida polo Grupo El Correo (El Correo Gallego, Galicia Hoxe e Radio Obradoiro) como "galega do mes" polo seu papel como directora do programa "Preescolar na Casa".
Forma parte da selección de educadoras senlleiras da mostra Educación en feminino, un paseo pola historia, organizado polo alumnado da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Couceiro Castro M. (2021). A Galiza feminista. Tebras e alboradas. Galaxia
Outros artigos
Preescolar na casa Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy
Ligazóns externas
Historia de Preescolar na casa. Asociación socio-educativa Antonio Gandoy.
Categoría:Profesores de Galicia Categoría:Nados en Castroverde Categoría:Nados en 1945 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes