Rubén de la Barrera Fernández, nado na Coruña o 18 de xaneiro de 1985, é un adestrador de fútbol galego, que dende xuño de 2026 adestra a UD Las Palmas, da Segunda División.

Traxectoria

Comezos Tras xogar no Ural CF, o Orillamar e o Victoria CF, e de xogar un torneo de Brunete co Deportivo da Coruña, colgou as botas aos 18 anos. Iniciou entón a súa carreira nos bancos, comezando no Ural, onde adestrou o equipo de benxamíns, colaborou co equipo xuvenil e dirixiu a escola de fútbol do club. Adestrou logo os xuvenís do Arteixo e os do Montañeros, estes últimos na División de Honra.

En 2010, con 25 anos, deu o salto á Terceira División, facéndose cargo do Villaralbo, da provincia de Zamora, onde permaneceu dúas tempadas, clasificando o equipo para dúas promocións de ascenso. A continuación foi contratado polo Guijuelo, de Segunda División B, co que rematou a tempada 2013/14 como cuarto na táboa, clasificando así o equipo para disputar a fase de ascenso a Segunda División por primeira e única vez na súa historia. Alí caeu eliminado contra o Leganés, que finalmente sería un dos equipos ascendidos.

Na tempada 2014/15 adestrou o Valladolid Promesas, filial do Real Valladolid que acababa de ascender á 2ª B, rematando a liga na novena posición. Volveu a continuación ao Guijuelo, que se clasificou sexto ao remate da tempada.

Cultural Leonesa (1ª etapa) En maio de 2016 converteuse no novo técnico da Cultural Leonesa, tamén en Segunda B. Tras unha gran tempada regular na que só perdeu 4 partidos de 38, o equipo acabou como primeiro clasificado do grupo I. Xogou entón a promoción de ascenso, onde derrotou ao Barcelona B e ao Lorca FC, proclamándose así campión da Segunda B e ascendendo o equipo leonés á categoría de prata 43 anos despois. Continuou no club o seguinte ano, pero non puido conseguir a permanencia, caendo de novo á 2ª B na derradeira xornada de liga.

Qatar e Romanía Comezou a tempada 2018/19 como segundo adestrador de Asier Garitano na Real Sociedad, posto que ocupou só uns meses ata novembro, cando marchou rumbo a Qatar para adestrar o Al-Ahli de Doha, club da máxima categoría qatarí. Rematou a tempada en quinta posición e continuou no club para unha segunda campaña. Con todo, foi cesado en decembro de 2019, ocupando o equipo a sétima posición da táboa. En agosto de 2020 chegou á Liga I, a primeira división romanesa, fichando polo FC Viitorul Constanța, club propiedade de Gica Hagi. O seu paso por Constanța durou só catro meses, deixando o equipo en novembro de 2020.

Deportivo da Coruña (1ª etapa) O 12 de xaneiro de 2021 anunciouse a súa contratación polo Deportivo da Coruña, en Segunda División B, en substitución de Fernando Vázquez, destituído un día antes. Colleu o equipo na segunda praza da táboa e rematou a primeira fase na cuarta posición, perdendo calquera posibilidade de ascenso a Segunda. Finalmente na segunda fase clasificou ao equipo para a nova Primeira RFEF. Ao remate da tempada, e cando parecía que o seu contrato ía ser renovado, o Deportivo rompeu a súa relación con el, argumentando que estaba a negociar o seu futuro coa UD Las Palmas. O técnico defendeu posteriormente que, aínda que se reuniu co director deportivo Luis Helguera, non chegou a haber ningunha oferta do club canario. Foi substituído por Borja Jiménez.

Albacete En xuño de 2021 asinou como novo adestrador do Albacete, da Primeira División RFEF. Mantívose case toda a tempada entre os tres primeiros clasificados, ocupando o liderado durante varias xornadas, e rematou finalmente na terceira posición. Clasificouse así para a promoción de ascenso, na que eliminou nas semifinais en Balaídos ao Rayo Majadahonda por 2-1, meténdose deste xeito nunha final na que se enfrontou ao seu anterior equipo, o Deportivo da Coruña. Nun Riazor con máis de 27 000 espectadores o Albacete repúxose tralo tanto inicial de Mario Soriano e empatou o partido por medio de Alberto, forzando a prórroga. Ao equipo coruñés bastáballe co empate no templo suplementario, pero un gol de Jordi Sánchez no minuto 113 deulle o ascenso ao conxunto de Rubén de la Barrera, o segundo ascenso á categoría de prata para o técnico galego. Só catro días despois de subir o Albacete a Segunda, o club anunciou que chegara a un acordo co adestrador para rescindir o ano de contrato que lle restaba.

Deportivo da Coruña (2ª etapa) Tras case un ano afastado dos bancos, en maio de 2023 regresou ao Deportivo da Coruña, sendo o adestrador elixido pola directiva do club tralo cesamento de Óscar Cano, con quen o equipo viña de perder as súas opcións de ascenso directo. Dirixiu o equipo nos dous últimos partidos da liga regular, unha vitoria por 4-0 sobre o Algeciras na casa e un empate a un gol contra o Pontevedra en Pasarón, antes de encarar a promoción de ascenso. No partido de ida das semifinais ante o Castellón, diante dos 28.828 espectadores de Riazor (cifra récord para a categoría), o Deportivo conseguiu unha vitoria pola mínima. Con todo, na volta en Castàlia, o Deportivo volveu quedar eliminado por segundo ano consecutivo, despois dun intenso partido con sete goles e unha prórroga que o club coruñés disputou con dez xogadores, trala expulsión do porteiro Ian Mackay, que sufriu o encontro máis desafortunado da súa carreira.

O novo fracaso deportivo provocou a dimisión do Consello de Administración do club e a destitución do adestrador, a pesar de que este dirixiu o equipo en só catro partidos e contaba cun grande apoio entre a afección. O 29 de xuño milleiros de seareiros do Deportivo levaron a cabo unha histórica manifestación contra as últimas decisións de Abanca, entidade propietaria do club, entre elas o despedimento do técnico.

O Salvador En setembro do mesmo ano foi anunciado como novo seleccionador nacional do Salvador, equipo que levaba máis dun ano sen gañar un partido. Debutou á fronte do equipo centroamericano o 14 de outubro de 2023, caendo derrotado ante Martinica na Liga das Nacións da CONCACAF, derrota que certificou o seu descenso á Liga B. Dirixiu o combinado centroamericano en tres partidos máis, un contra Martinica de novo e dous máis fronte a Curaçao, obtendo tres empates. O 19 de decembro, 89 días despois da súa chegada, anunciou a súa marcha da selección salvadoreña para aceptar a oferta do Vizela, da Primeira Liga de Portugal.

Vizela No momento da súa chegada ao banco do Vizela, o club do distrito de Braga ocupaba a penúltima posición da táboa, con só 2 vitorias en 14 xornadas. O adestrador galego non conseguiu endereitar o rumbo do equipo e ao remate da tempada consumouse o seu descenso á Segunda Liga. Comezou a seguinte campaña á fronte do club portugués, pero foi destituído en novembro, co equipo na décima posición e despois de cinco xornadas sen vencer.

Cultural Leonesa (2ª etapa) En febreiro de 2026 regresou ao banco da Cultural Leonesa, despois de que o club leonés destituíse a "Cuco" Ziganda. Colleu o equipo na 20ª posición e non conseguiu endereitar o rumbo do equipo. Sumou só dúas vitorias en 15 partidos e rematou a liga na penúltima posición, consumando así o descenso do club á Primeira Federación. Ao remate da tempada anunciouse que non seguiría o seguinte ano.

Las Palmas En xuño de 2026 anunciouse a súa fichaxe pola UD Las Palmas, da Segunda División.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do adestrador en BDFutbol . Datos do adestrador en lapreferente.com .

Categoría:Nados en 1985 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do CD Guijuelo Categoría:Adestradores do Real Valladolid B Categoría:Adestradores da Cultural Leonesa Categoría:Adestradores do Al-Ahli SC Doha Categoría:Adestradores do FC Viitorul Constanţa Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores do Albacete Balompié Categoría:Adestradores da UD Las Palmas Categoría:Adestradores da selección de fútbol do Salvador