Diego Martínez Penas, nado en Vigo o 16 de outubro de 1980, é un adestrador de fútbol galego.

Dirixiu varios clubs da Primeira e a Segunda División (Sevilla Atlético, Osasuna, Granada e Espanyol), así como o Olympiacos, da Superliga grega. En 2024 foi escollido como adestrador da selección de fútbol de Galicia.

Está considerado como o mellor adestrador da historia do Granada, ao que adestrou durante tres anos, levándoo da Segunda División á Europa League.

Traxectoria

Inicios Vigués de nacemento, xogou nove anos nas categorías inferiores do Celta de Vigo ata que marchou ao Cádiz CF onde durante un tempo compaxinou os estudos co fútbol. Aos vinte anos, cando xogaba no Imperio de Albolote sufriu unha grave lesión de xeonllo que o apartou dos terreos de xogo durante meses. Nese momento o adestrador do equipo, Óscar Cano, animouno a adestrar a un dos equipos cadetes do club. A partir de aí, deixou a práctica do fútbol e centrouse na súa formación como adestrador, onde intuía que se lle abría un futuro máis esperanzador.

En 2004 marchou con Cano ao Arenas de Armilla, onde foi o segundo adestrador deste, así como o adestrador do equipo xuvenil. En 2006 colleu as rendas do primeiro equipo en Terceira División tras a saída de Cano, e despois pasou ao Motril, co que estivo a piques de ascender á Segunda B. Nese momento recibiu a chamada de Monchi que lle ofreceu incorporarse á estrutura deportiva do Sevilla.

Sevilla FC Chegou a Sevilla en 2009 dentro da área de metodoloxía, liderando o campo de tecnificación, para despois pasar ao banco, adestrando ao Sevilla C e ao equipo da División de Honra xuvenil, co que se proclamou campión en maio de 2012.

Unhas semanas despois pasou a ocupar o cargo de auxiliar técnico do primeiro equipo, substituíndo a Javi Navarro.

En 2014 fíxose cargo do Sevilla Atlético, de Segunda División B, tras a marcha de Ramón Tejada do club. Esa primeira tempada salvou o equipo do descenso a Terceira División e ao ano seguinte conseguiu o ascenso a Segunda, convertendo o equipo no único filial que xogaba naquel momento na división de prata do fútbol español.

CA Osasuna O 14 de xuño de 2017 anunciouse a súa fichaxe por dúas tempadas polo Osasuna, en Segunda División. Con todo, foi destituído despois dunha soa tempada, despois de non conseguir clasificar ao equipo para a promoción de ascenso.

Granada CF En xuño de 2018 chegou ao Granada FC, tamén de Segunda. Despois de 41 xornadas logrou o ascenso á Primeira División, tras empatar 1-1 contra o Mallorca e asegurar a segunda posición e o ascenso directo. O bo facer na tempada e o éxito do ascenso valéronlle o Trofeo Miguel Muñoz.

O 13 de novembro de 2019, tras completar un brillante comezo de tempada, renovou o seu contrato co club por un ano máis. O equipo, cun dos orzamentos máis baixos da liga, rematou a tempada na sétima posición e clasificándose para a UEFA Europa League, despois do regreso do fútbol que se paralizara debido á pandemia de COVID-19. Un logro histórico para o club, xa que era a primeira vez na historia que o Granada se clasificaba para competicións europeas. Na tempada 2020/21, tras superar as tres xornadas clasificatorias previas da Europa League, o seu equipo logrou o segundo posto do grupo, por detrás do PSV, e clasificouse para os 1/16 de final, quedando encadrado na eliminatoria co Napoli de Gennaro Gattuso. Venceu ao equipo italiano no Nuevo Los Cármenes por 2-0, con goles de Herrera e Kenedy, e conseguiu manter a vantaxe no partido de volta no San Paolo de Nápoles, onde perdeu por 2-1. Repetiu idénticos resultados na seguinte rolda ante o Molde noruegués, conseguindo así o pase aos cuartos de final, onde finalmente caeu ante o Manchester United de Solskjær.

No campionato de liga, o Granada chegou á metade da competición na sétima posición, mellorando o rendemento da tempada anterior ao obter 28 puntos en 19 partidos. Os resultados empeoraron lixeiramente na segunda volta, e o equipo rematou a liga na novena posición, que foi, con todo, o segundo mellor resultado na historia do club dende que a liga conta con 20 equipos. Ao remate da campaña decidiu deixar o club, aclamado pola prensa e a afección como o mellor adestrador da historia do club.

Espanyol Despois de deixar o Granada, pasou un ano sabático antes de fichar o 31 de maio de 2022 polo Espanyol. Adestrou o club "perico" durante dez meses, ata que foi destituído trala xornada 27, despois de catro derrotas e co equipo ocupando a antepenúltima posición da Primeira División.

Olympiacos En xuño de 2023 foi nomeado novo adestrador do Olympiacos, da Superliga de Grecia, cargo no que permaneceu durante cinco meses e medio. Foi cesado en decembro, co equipo na cuarta posición da táboa e despois de quedar eliminado da Europa League na fase de grupos.

Selección galega Foi o seleccionador da selección galega para o partido contra Panamá disputado no Estadio de Balaídos o 31 de maio de 2024, que finalizou con derrota (0–2).

Las Palmas En outubro de 2024 regresou á Primeira división española, como novo adestrador da UD Las Palmas, substituíndo ao cesado Luis Carrión. Colleu o equipo na derradeira posición da táboa, con só tres puntos nas primeiras nove xornadas, e aínda que conseguiu sacar o conxunto dos postos de descenso e levalo ata a 14ª posición na metade da tempada, os malos resultados no treito final do campionato condenaron o club ao descenso á Segunda División. Ao remate da tempada, o club anunciou que non seguiría como adestrador.

Clubs

Como adestrador Actualizado o 18 de xuño de 2025. +InicioFinEquipoPTPGPEPP% PG20062007Arenas de Armilla382061252,6320072009Motril8039202148,7520102011Sevilla C3812151131,5813 de xuño de 201414 de xuño de 2017Sevilla B12443473434,6814 de xuño de 20177 de xuño de 2018Osasuna4417161138,6414 de xuño de 201827 de maio de 2021Granada FC14669304747,2631 de maio de 20223 de abril de 2023Espanyol31991329,0320 de xuño de 20235 de decembro de 2023Olympiacos21134461,908 de outubro de 20245 de xuño de 2025Las Palmas321051731,25Total55323115217041,77

Notas

Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1980 Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Adestradores do Sevilla Atlético Categoría:Adestradores do CA Osasuna Categoría:Adestradores do Granada CF Categoría:Adestradores do RCD Espanyol Categoría:Adestradores do Olympiakos FC Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores da UD Las Palmas