O monte de piedade é unha institución benéfica adicada á concesión de préstamos a baixo interese con garantía de xoias, roupas ou outros efectos (crédito pignoraticio). miniatura|Le Mont de Piété. Jean Béreaud
Nacemento A súa orixe remóntase á Idade Media, cando os altos xuros dificultaban o crédito. Seguindo á Biblia, que xa no Antigo Testamento a censuraba (como no Éxodo 22, 22), Igrexa católica condenou a usura e escolásticos como Anselmo de Canterbury, Boaventura de Bagnoregio e Tomé de Aquino foron moi críticos con esta práctica. Mais, aínda que no III Concilio de Letrán (1179) se chegou a privar de comuñón e sepultura aos logreiros, a usura continuou sendo común. Foi así que en 1462 os franciscanos Bernabé de Terni e Michele Carcano fundaron o primeiro Monte de Piedade en Perugia. O obxectivo era que aquel que o precisase puidese obter cartos mediante a entrega de prendas: as prestacións serían feitas polos veciños ricos da cidade e poderían ser recuperadas sen interese a cambio de ofrecer sufraxios a Deus. Da man dos franciscanos, os montes de piedade espalláronse por Italia ao tempo que perfeccionaron o seu funcionamento con Bernardino da Feltre. Este, nas décadas de 1480 e 1490, fundou montes de piedade que daban os empréstitos a cambio dun interese moi baixo en comparación cos outros prestamistas, mormente xudeus. Aínda que os dominicos, rivais dos franciscanos nesa época, cuestionaron o interese do préstamo, o apoio do papa León X fixo que os montes de piedade se difundiran por Francia e a Península Ibérica. A mediados do século XVI, fundouse o primeiro en España, en Dueñas (Palencia) baixo o patrocinio do Conde de Buendía. En 2009, Bieito XVI na súa encíclica Caritas in veritate, louvounos como exemplos de microfinanciamento.
Evolución Considérase que os montes de piedade son os precedentes históricos das caixas de aforro e en moitos países fóronse asimilando, de feito, en España estas entidades financeiras adoitaron empregar o nome de "caixa de aforro e monte de piedade". Logo da reestruturación bancaria española que seguiu a crise económica de 2008, a gran maioría das caixas de aforro desapareceron pero as fundacións bancarias herdeiras mantiveron os montes de piedade. Por exemplo, o das antigas caixas galegas é xestionado por Afundación, que destina a totalidade do seu lucro á obra social. En 2020, o Monte de Piedade de Afundación condeceu 3 500 créditos por un valor total dun millón de euros. Nese ano, en España os montes de piedade fixeron créditos que ascendían a máis de 152 millóns de euros. Hoxe en día tamén existen montes de piedade en Malta, México e Bélxica, onde teñen o monopolio legal en materia de empeños. A nivel internacional, a Asociación Internacional de Establecementos Públicos de Crédito Pignoraticio fundouse en Milán en 1957 e agrupa a 54 entidades.
Notas
Categoría:Bancos e caixas de aforro