Fernando Carazo Castro, nado na Coruña o 6 de abril de 1904 e finado en Belo Horizonte o 18 de xullo de 1986, foi un futbolista e carpinteiro galego que destacou no Brasil.

Foi un dos primeiros ídolos do Cruzeiro, cando este aínda se chamaba Palestra Itália, así como o segundo estranxeiro en xogar no equipo. Con 44 goles anotados mantívose durante máis de 70 anos como o máximo goleador estranxeiro do club, ata que foi superado en 2014 polo boliviano Marcelo Moreno. Gañou en catro ocasións o Campionato Mineiro co Cruzeiro, e outra co Villa Nova, aos que sumou catro Campionatos Paulistas co Palmeiras.

Foi tamén o único español en todo o século XX en xogar no São Paulo, aínda que o fixo só en partidos amigables.

Traxectoria Emigrou ao Brasil en 1907, xunto a seus pais e tres irmáns, instalándose en São Paulo.

Carreira no fútbol A súa carreira futbolística comezou no Tapira, un club afeccionado en São Paulo, pasando logo por outros pequenos equipos, como o Antártida e o Linhagens.

En 1926 fichouno o Palestra Itália paulista, que anos máis tarde se convertería no Palmeiras. Alí o seu apelido foi en ocasións italianizado e escrito como Carazzo. Con este equipo gañou dous Campionatos Paulistas: o campionato extra de 1926, no que superaron na final ao Sírio cun gol de Amílcar Barbuy, e o de 1927.

A continuación marchou para o outro Palestra Itália, o de Minas Xerais, que anos despois cambiaría o seu nome a Cruzeiro. No equipo mineiro, o mozo galego formou parte do equipo coñecido como "Equipo Poesía", con Nininho, Piorra, Ninão e Bengala, gañando o Campionato Mineiro tres veces seguidas, entre 1928 e 1930. O seu debut produciuse na vitoria por 4-1 sobre o América, nun partido válido para a Copa Independencia, no estadio Juscelino Kubitschek de Oliveira, en Belo Horizonte.

En 1932 fichou polo Villa Nova do mesmo Estado, co que conquistou ese ano o seu sexto campionato estatal, o terceiro mineiro. Ao ano seguinte regresou ao Palmeiras, co que gañou o Campionato Paulista en 1933 e 1934. Tras un breve paso polo efémero Independente, en xuño de 1935 fichou polo Hespanha FC, que máis tarde pasaría a chamarse Jabaquara AC. O equipo acadou ese ano o 4º posto final na liga paulista.

A finais de 1935 decidiu deixar o Hespanha e regresar á cidade de São Paulo. Alí incorporouse ao São Paulo FC, que se tiña disolto uns meses antes e que se acababa de recuperar. Foi o primeiro español en xogar no equipo Tricolor e o único ata case 85 anos despois, coa chegada en 2019 de Juanfran. Con todo, o xogador non recibiu o pase por parte do Hespanha, tendo que regresar ao club a comezos de febreiro. Xogou co Hespanha fronte ao Clube Atlético Paulista e a continuación volveu disputar outro partido co São Paulo FC, fronte á Portuguesa Santista. Continuou o resto da tempada no Hespanha, acadando o 7º posto final no campionato.

Ao remate do seu contrato en 1936 volveu ao Palestra Itália de Minas Xerais, onde xogou ata o ano seguinte, cando volveu ao Villa Nova. Con este club quedou subcampión mineiro de 1937, despois de perder a final a tres partidos contra Siderúrgica. Entre 1940 e 1942 viviu a súa terceira e derradeira etapa no Cruzeiro,gañando outro Campionato Mineiro e elevando a súa cifra de goles ata 44. Foi durante máis de 70 anos o máximo goleador estranxeiro da historia do club, ata que foi superado en 2014 polo boliviano Marcelo Moreno.

A continuación pasou polo Sport Club Aeroporto e pechou a súa carreira no Metalusina, en Barão de Cocais. Ademais formou parte das seleccións de Belo Horizonte, e Minas Xerais.

Fóra do fútbol Debido a que na súa época o fútbol non era un deporte profesional, compaxinou a súa práctica coa súa profesión, carpinteiro, a mesma que tiñan os seus compañeiros do Cruzeiro Bengala e Piorra. Exerceu a profesión ata os 80 anos de idade, e morreu pouco despois, o 18 de xullo de 1986.

Palmarés

Palmeiras Campionato Paulista (4): 1926, 1927, 1933 e 1934. Torneo Río-São Paulo (1): 1933.

Cruzeiro Campionato Mineiro (4): 1928, 1929, 1930 e 1940.

Villa Nova Campionato Mineiro (1): 1932.

Notas

Categoría:Nados en 1904 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Finados en 1986 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do SE Palmeiras Categoría:Xogadores do Cruzeiro EC Categoría:Xogadores do São Paulo FC Categoría:Galegos do Brasil