Avril Phaedra Douglas Campbell, máis coñecida como Kim Campbell, nada en Port Alberni, Columbia Británica o 10 de marzo de 1947, é unha avogada e política canadense. Foi a primeira muller en acceder como primeira ministra do Canadá do 25 de xuño ao 3 de novembro de 1993.

Traxectoria Campbell naceu en Port Alberni, Columbia Británica, como filla de Phyllis "Lissa" Margaret (de solteira Cook; 1923–2013) e de George Thomas Campbell (1920–2002), un avogado que prestou servizo nun rexemento de infantaría do exército canadense en Italia. O seu pai naceu en Montreal, fillo de pais escoceses, provenientes de Glasgow. A súa nai abandonou a familia cando ela tiña doce anos, deixando á pequena Kim e a súa irmá Alix ao coidado do seu pai. Sendo adolescente, Campbell comezou a utilizar permanentemente o alcume de Kim.

Na súa preadolescencia, Campbell foi reporteira e condutora dun programa para nenos da CBC, chamado Junior Television Club.

Campbell e a súa familia mudáronse a Vancuver, onde asistiu á Prince of Wales Secondary School e foi unha estudante sobresaliente. Graduouse en 1964.

Carreira política Impartiu ciencias políticas na Universidade da Columbia Británica e exerceu a carreira de dereito durante dous anos antes de dedicarse á política. En 1988 foi elixida para o parlamento federal.

Primeira Ministra do Canadá Baixo o cargo do Primeiro Ministro Brian Mulroney, fíxose Ministra de Asuntos Indíxenas (1989), Ministra de Xustiza e Fiscal Xeral (1990) e Ministra de Defensa (1993). Despois da xubilación de Mulroney en xuño de 1993, pasou a ser a primeira muller en ocupar o posto de Primeiro Ministro do Canadá.

Derrota polos liberais O seu mandato foi breve; o 3 de novembro de 1993 o seu partido sufriu a peor derrota da súa historia e ela renunciou.

Notas

Categoría:Nados en 1947 Categoría:Nados en Port Alberni Categoría:Diplomáticos Categoría:Primeiros ministros do Canadá