Kelly Dawn Knight Craft (de solteira Guilfoil), nada en Lexington o 24 de febreiro de 1962, é unha política estadounidense, embaixadora dos Estados Unidos ante as Nacións Unidas desde 2019 até 2021. Anteriormente foi embaixadora dos Estados Unidos no Canadá, a primeira muller en ocupar o cargo.

Foi nomeada polo presidente George W. Bush como delegada dos Estados Unidos ante as Nacións Unidas en 2007, onde o seu enfoque incluíu a participación dos Estados Unidos en África.Foi delegada da Convención Nacional Republicana de 2016 por Kentucky. Dirixiu Kelly G. Knight LLC, unha firma de asesoría comercial con sede en Lexington (Kentucky).

Despois de ser confirmada polo Senado dos Estados Unidos, tomou xuramento oficial como embaixadora ante as Nacións Unidas o 10 de setembro de 2019. Presentou as súas cartas credenciais ao Secretario Xeral António Guterres o 12 de setembro de 2019.

Traxectoria Naceu en 1962 en Lexington (Kentucky). O seu pai era un activista do Partido Demócrata que unha vez foi presidente do Partido do Condado de Barren (Kentucky). Creceu en Glasgow (Kentucky), e graduouse en Glasgow High School en 1980. Recibiu un título de grao na Universidade de Kentucky en 1984.

Participación política Foi descrita como unha doante xenerosa para os candidatos políticos republicanos.

En 2004, foi unha destacada partidaria de George W. Bush, quen a designou delegada ante as Nacións Unidas en 2007. Como parte da delegación, as súas responsabilidades incluíron asesorar ao embaixador estadounidense sobre a política dos Estados Unidos en África.

En 2016, Craft e o seu esposo doaron millóns de dólares aos candidatos para o nomeamento republicano de 2016. Antes de doar máis de 2 millóns de dólares á campaña de Donald Trump, a parella apoiou a Marco Rubio. Craft e o seu esposo, Joe Craft, apoiaron firmemente a Mitch McConnell. McConnell á súa vez instou a Trump a nomear a Craft como embaixadora no Canadá. O matrimonio Craft ten membresía de "ouro" nos hoteis Trump, que é para clientes que se hospedaron máis de 20 veces nos seus hoteis; segundo o Washington Post, tales membresías son raras.

Integrou o consello de administración da súa alma mater, a Universidade de Kentucky, por un período que comezou en agosto de 2016, pero renunciou para aceptar o cargo de embaixadora no Canadá un ano despois.

Carreira diplomática O 15 de xuño de 2017, foi nomeada polo presidente Donald Trump para converterse en embaixadora no Canadá. Foi confirmada polo Senado o 3 de agosto e asumiu o cargo o 23 de outubro.

O 22 de febreiro de 2019, Trump anunciou a súa intención de nomear a Craft para substituír a Nikki Haley, quen renunciara o ano anterior, para ser a próxima embaixadora dos Estados Unidos ante as Nacións Unidas, e despois de retirar o nomeamento de Heather Nauert. O 2 de maio de 2019, o nomeamento de Craft foi enviado formalmente ao Senado estadounidense. O 19 de xuño de 2019, realizouse unha audiencia sobre o seu nomeamento ante o Comité de Relacións Exteriores do Senado. Durante a audiencia, Craft dixo que continuaría loitando contra os prexuízos contra Israel nas Nacións Unidas. O 31 de xullo de 2019, o seu nomeamento foi confirmado por unha votación de 56-34. Foi xuramentada polo vicepresidente Mike Pence o 10 de setembro de 2019.

Notas

Categoría:Nados en Lexington, Kentucky Categoría:Embaixadores dos Estados Unidos de América nas Nacións Unidas Categoría:Nados en 1962