Kang Kyung-hwa () nada en Seúl o 7 de abril de 1955, é unha diplomática surcoreana. Desde xaneiro de 2017 é asesora especial para asuntos políticos do Secretario Xeral da ONU António Guterres. Ten unha ampla experiencia en Nacións Unidas desde 2001, primeiro á fronte da delegación diplomática de Corea do Sur na ONU, e desde 2013 na Oficina da ONU para a Coordinación de Asuntos Humanitarios e como alta comisionada adxunta para os Dereitos Humanos.

Traxectoria Kang graduouse na Universidade Yonsei onde completou a súa licenciatura en ciencias políticas e diplomacia. Realizou un mestrado en comunicación e realizou a súa tese en comunicación intercultural na Universidade de Massachusetts Amherst, Estados Unidos.

No inicio da súa carreira profesional, traballou no Korean Broadcasting System en Seúl en programas sobre temas culturais e despois na Radio Internacional de Corea, e daba clases en universidades de Corea do Sur e os Estados Unidos.

Traballou para a Presidenta da Asemblea Nacional de Corea do Sur en temas relacionados con dereitos humanos, avances nos dereitos das mulleres e diplomacia parlamentaria e en diversas organizacións de mulleres en Corea, incluíndo o Consello Coreano da Muller.

En 1998, incorporouse ao Servizo Exterior de Corea. Foi embaixadora para Asuntos Multilaterais e Directora Xeral de Organizacións Internacionais no Ministerio de Exteriores da República de Corea.

Desde 2001 ten relación con Nacións Unidas. Primeiro estivo á fronte da Misión da República de Corea na ONU (2001-2005) momento no que asumiu a presidencia da Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller para os períodos de sesións 48.º e 49.º en marzo de 2005 que marcaron o décimo aniversario da Conferencia Mundial sobre a Muller e reafirmou a Declaración de Beixing e a Plataforma de Acción para o avance das mulleres e a igualdade de xénero.

De 2006 a 2013 foi Alta Comisionada Adxunta de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos nomeada polo entón Secretario Xeral de Nacións Unidas Kofi Annan.

Tamén foi directora xeral de Organización Internacional no Ministerio de Asuntos Exteriores e Comercio da República de Corea.

O 18 de marzo de 2013, o Secretario Xeral das Nacións Unidas Ban Ki-moon nomeouna Subsecretaria Xeral e Coordinadora Adxunta de Asistencia de Emerxencia da Oficina de Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA) substituíndo a Catherine Bragg coa misión de ser a asesora principal do Secretario Xeral da ONU en Asuntos Humanitarios e asegurar a cooperación entre Nova York e Xenebra co terreo.

En decembro de 2016 o novo Secretario Xeral da ONU António Guterres incorporouna ao seu equipo como Asesora especial para asuntos políticos.

Vida persoal Está casada con Yillbyung Le e ten dúas fillas e un fillo.

Recoñecementos

2006 foi elixida Muller do Ano pola Asociación Coreana de Mulleres Universitarias e o Instituto Coreano de Mulleres e Política.

Notas

Categoría:Alumnos da Universidade de Massachusetts Amherst Categoría:Nados en Seúl Categoría:Nados en 1955 Categoría:Políticos de Corea do Sur Categoría:Diplomáticos