Nadia Al-Sakkaf ( ) nada o 8 de marzo de 1977, é unha exministra e política iemení. Foi redactora xefe do Yemen Times desde 2005 até 2014, antes de converterse na primeira ministra de Información do Iemen. Fuxiu do seu país en 2015 despois do golpe de estado e actualmente é investigadora independente en política, medios, desenvolvemento e estudos de xénero con sede no Reino Unido. En 2011, Al-Sakkaf deu unha popular charla TED chamada "Ver o Iemen a través dos meus ollos" que tivo máis de medio millón de visitas e foi traducida a 34 idiomas.

Infancia e formación Al-Sakkaf naceu en marzo de 1977. Os seus pais foron Aziza e Abdulaziz Al-Saqqaf. O seu pai era profesor de economía na Universidade de Saná, fundador da Organización Árabe de Dereitos Humanos e fundou o Yemen Times en 1990. Ten dous irmáns e unha irmá. Licenciouse en Ciencias da Computación no Birla Institute of Technology na India, fixo un máster en Administración de Sistemas de Información na Universidade de Stirling no Reino Unido e un doutoramento en ciencias políticas na Universidade de Reading.Mentres estudaba colaborou con Amnistía Internacional.

Traxectoria Al-Sakkaf traballou como analista de sistemas no Arab Experts Center for Consultancy and Systems. En xullo de 2000 incorporouse ao Yemen Times como tradutora e reporteira. O seu pai, fundador dese xornal, morreu en 1999 tras ser atropelado por un automóbil, aínda que Al-Sakkaf e o seu irmán cren que foi asasinado por oporse ao réxime do presidente Ali Abdullah Saleh. Converteuse en editora asistente en setembro de 2000.

Al-Sakkaf traballou nun programa humanitario de Oxfam en 2003. En marzo de 2005 converteuse na redactora xefe do Yemen Times. En 2011, durante a Primavera Árabe no Iemen, Al-Sakkaf e o seu equipo participaron en protestas esixindo que Ali Abdullah Saleh renunciase e desempeñaron un papel importante en informar sobre a Revolución Iemení ao resto do mundo. Al-Sakkaf é membro do Sindicato de Xornalistas Iemenís e do Sindicato Internacional de Xornalistas. É unha defensora dos dereitos das mulleres: contrata a mulleres xornalistas para conseguir equilibrio de xénero entre o persoal do xornal e publica artigos sobre temas como a mutilación xenital feminina.

En 2012 lanzou Radio Yemen Times, unha estación de radio FM que foi a primeira plataforma pública gratuíta de expresión do Iemen e que transmite dez horas ao día como alternativa aos medios de comunicación estatais. En 2014 lanzou Radio Lana, a primeira radio comunitaria no sur do Iemen.

Al-Sakkaf foi nomeada ministra de Información do primeiro ministro Khalid Bahah en 2014.O 20 de xaneiro de 2015, cando os combatentes hutíes irromperon na capital e tomaron o control de todos os medios de comunicación, recorreu a Twitter para informar do golpe. Máis tarde dixo: "Sentínme máis como unha reporteira que como unha ministra de información. Non estaba asustada nese momento, pero estíveno despois cando me dei conta das implicacións. O meu nome estaba en todas partes. Tiven máis de 20.000 seguidores máis en Twitter nun día". En maio de 2015 exiliouse en Riad como membro do goberno iemení recoñecido internacionalmente que buscaba restaurar no poder ao presidente Abdrabbuh Mansur Hadi. Actualmente é a directora do Foro Iemen 21, unha ONG de desenvolvemento con sede en Saná.

Al-Sakkaf publicou cumpridamente sobre política, medios de comunicación e desenvolvemento. Ten moitos artigos de investigación e política, capítulos de libros e é autora de dous libros sobre o apoderamento das mulleres iemenís. Tamén publicou unha colección de libros sobre as experiencias das mulleres iemenís como candidatas electorais dispoñible en árabe e inglés.

É membro de varias plataformas locais e internacionais como o Sindicato de Xornalistas Iemenís, Mulleres sen Fronteiras e a Iniciativa Islámica de Mulleres en Espiritualidade e Igualdade.

Recoñecementos Al-Sakkaf foi a primeira gañadora do premio Gebran Tueni en 2006, outorgado pola Asociación Mundial de Xornais e Editores de Noticias e polo xornal An-Nahar en Beirut. Recibiu o premio Free Media Pioneers Award do Instituto Internacional de Prensa de Viena en nome do Yemen Times ese mesmo ano.En 2013, recibiu o premio Oslo Business for Peace, un premio outorgado polos gañadores dos premios Nobel de Economía e Paz e que se concede aos líderes do sector privado que "demostraron un cambio transformador e positivo a través de prácticas comerciais éticas". Foi recoñecida pola BBC como unha das "100 mulleres que cambiaron o mundo" en 2013.Tamén foi elixida polo Foro Económico Mundial como unha das novas líderes mundiais distinguidas de 2015.

A súa charla TED "Iemen a través dos meus ollos" é un dos vídeos máis coñecidos sobre Iemen.

Obras

Notas

Categoría:Personalidades do xornalismo Categoría:Políticos do Iemen Categoría:Alumnos da Universidade de Reading Categoría:Alumnos da Universidade de Stirling Categoría:Nados en 1977 Categoría:Nados no Iemen