Antonio Lázaro Candal Bravo, nado na Coruña o 4 de decembro de 1931, foi un ex futbolista, narrador e xornalista deportivo galego. Desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional en Venezuela, onde se converteu nun dos narradores deportivos máis coñecidos do país.

É pai do tamén narrador deportivo Álex Candal.

Traxectoria Naceu na rúa coruñesa do Orzán, sendo fillo do derradeiro condutor de tranvías da Coruña, Antonio Candal, e da ama de casa Jesusa Bravo. Xogou ao fútbol en varios equipos da cidade como o Alameda, no que coincidiu con Luis Suárez e Carlos Torres, o Torre SD, o Imperátor, ou o Orzán.

Comezou no xornalismo no semanario deportivo Riazor e en La Voz de Galicia, onde asinaba como Candy, antes de marchar en 1956 a Costa Rica xunto con José María Penabad, "Zoquiñas". Alí traballou na sección de deportes do diario El Nacional e fichou polo Gimnástica Española de San Xosé. Con ese equipo xogou dúas tempadas na Primeira División de Costa Rica e a continuación fichou polo Club Sport La Libertad.

En 1959 instalouse en Caracas, onde fichou polo La Salle FC da Primeira División de Venezuela, e traballou como correspondente para La Voz de Galicia e Marca, ademais de noutros diarios e radios venezolanas. Xogou tamén no Deportivo Español, retirándose en 1963, e logo foi secretario técnico do Deportivo Galicia.

En 1967 comezou a narrar os partidos dos equipos venezolanos na Copa Libertadores, tarefa que realizou durante 33 anos. En 1974 foi o narrador do Mundial de Alemaña en Venevisión, e fixo o meso coas seguintes nove Copas do Mundo, a partir da de 1986 en Radio Caracas Televisión. Durante ese tempo narrou tamén a liga española, as Copas de Europa, Eurocopas, Copas América e os Xogos Olímpicos entre outros.

Foi ademais vicepresidente durante vinte anos da Liga Nacional de Fútbol Menor, creou o Premio ao Mellor Futbolista Suramericano do Ano e fundou o Mundial de Fútbol da Emigración. Levou en tres ocasións o Deportivo da Coruña a Venezuela, e foi galardoado coa insignia de ouro do club.

Premios e galardóns Durante a súa longa carreira foi galardoado con numerosos premios e recoñecementos, entre eles os seguintes:

14 Premios Espectáculos ao Mellor Narrador Deportivo de Venezuela. Premio Guaicaipuro de Ouro como Mellor Narrador Deportivo (1974). 7 Premios Meridiano de Ouro ao Mellor Narrador Deportivo (1982 a 1988). Diploma de Honra e Botón de Ouro da Federación Venezolana de Fútbol (1986). Orde do Mérito ao Traballo, entregada polo presidente da República Jaime Lusinchi (1986).

Premio á Hispanidade do Instituto de Cultura Hispánica (1988). Trofeo Venus da Prensa como Mellor Narrador Deportivo de Venezuela (1990). Premio Cacique de Ouro como Mellor Narrador Deportivo do Ano (1992 e 1994). Orde de Cabaleiros de María Pita (1995). Distinguido como Fillo Ilustre de Maracaibo (2007). Orde de Honra ao Mérito do Fútbol Suramericano pola Confederación Suramericana de Fútbol (2007). Ademais leva o seu nome un campo de fútbol na cidade de Clarines, Anzoátegui.

Obras Hacia el mundial de España (1982). México 1986 (1986). El fútbol es risa... y poesía (2002). Fútbol es (2006). La historia de la Vinotinto (2014).

Notas

Categoría:Nados na Coruña Categoría:Nados en 1931 Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Orzán SD Categoría:Xornalistas da Coruña Categoría:Xornalistas deportivos Categoría:Galegos de Venezuela Categoría:Finados en 2023