Marie-Geneviève-Charlotte Thiroux d’Arconville, nada en París o 17 de outubro de 1720 e finada en París o 23 de decembro de 1805, máis coñecida como Geneviève Thiroux d’Arconville, foi unha escritora, tradutora e anatomista francesa. Estudou a putrefacción e a conservación de alimentos.
Traxectoria Filla de André-Guillaume Darlus, un rico fermier général e de Françoise Geneviève Gaudicher, que faleceu cando Geneviève Thiroux d’Arconville só tiña catro anos.
Creceu xunto á súa irmá máis nova e ambas foron educadas, como obrigaban as normas da época para nenas acomodadas, insistindo na súa formación artística. Neste contexto, Geneviève non aprendeu a escribir até os oito anos e aos catorce foi desposada nun matrimonio acordado con Louis-Lazare Thiroux d’Arconville (1712-1789), asesor do Parlamento de París e máis tarde presidente dunha das cámaras. O matrimonio tivo tres fillos: Louis Thiroux de Crosne (1736-1794), André-Claude Thiroux de Gervilliers (1737-1810) e Alexandre-Louis Thiroux de Montdésir (1739-1822).
Estes antecedentes -filla da nobreza financeira e parlamentaria e casada tan nova- non impediron que desenvolvese unha paixón pola física, a química, a medicina, a botánica, a literatura, a moral, as linguas e a historia. Até tal punto que, a pesar do seu interese tamén apaixonado pola arte, o teatro e a ópera, chegase a renunciar á vida en sociedade para dedicarse ao estudo destas materias.
É probábel que nesta decisión tivesen que ver as secuelas físicas consecuencia da variola que contraeu con vinte e tres anos, empuxándoa a retirarse da vida mundana.
Geneviève Thiroux d’Arconville publicou gardando o seu anonimato sen que se coñezan as razóns precisas de tal decisión. A información existente fai pensar que a súa condición de esposa dun personaxe público posibelmente a levou a esconder a súa identidade, así como o temor a sufrir as críticas ás que as mulleres científicas eran sometidas nun campo que se consideraba impropio do xénero feminino. Así pois, aínda que os seus escritos non ían dirixidos a outras mulleres, os seus textos estaban cheos de referencias que permitían chegar a recoñecela.
Faleceu o 23 de decembro de 1805. O seu sobriño, o médico e botánico Pierre Bodard de la Jacopière (1758-1826), lembrábaa naquel entón con estas palabras: «Con 85 anos, o seu espírito conservara toda a súa amabilidade, todo o seu lume, e a súa imaxinación non perdera nada da frescura e os encantos da mocidade. Case ao final dos seus días, aínda escribiu os seus Souvenirs, dos cales existe unha antoloxía de trece volumes manuscrito.»
Recoñecemento Está recoñecida como polímata.
Traballo científico miniatura|Vista frontal do esqueleto feminino, comparando as diverxencias co esqueleto masculino, con vista posterior (realizado por Jean J. Sue para o Traité d'Ostéologie de Marie-Geneviève-Charlotte Thiroux d’Arconville). A súa primeira obra científica publicada foi a tradución dun tratado de osteoloxía do médico británico Alexander Monro (1697-1767) titulado Osteology, A treatise on the anatomy of the human bones with An account of the reciprocal motions of the heart and A description of the human lacteal sac and duct. Na súa versión, e en contra da opinión de Monro, que sostiña que a única maneira de aprender era traballar directamente con cadáveres, Thiroux d’Arconville engadiu unha trintena de táboas de esqueletos, entre elas unha das primeiras representacións dun esqueleto feminino.
Tamén engadiu unha táboa de materias para visualizar a orde da obra, modificada por ela, unha dedicatoria a Alexander Monro, un longo prefacio, notas explicativas, así como comentarios. Mentres que a versión orixinal é un tratado de talle modesto e sen ilustracións, a versión francesa preséntase en forma de dous volumes e con ilustracións. Con todo, a pesar destas achegas, o libro non se publicou recoñecendo a autora destas achegas, cabe pensar que para preservarse das críticas que recibían as mulleres científicas da época. Finalizada en 1759, tras un longo proceso, a tradución publicouse baixo o nome de Jean-Joseph Sue (1710-1792), o anatomista que realizou os trinta e un debuxos da obra.
Entre 1755 e 1763, Geneviève Thiroux d’Arconville dedicouse ao estudo da putrefacción, que consideraba como a chave de todas as ciencias físicas e a base da historia natural. Estudou a conservación dos alimentos e, ademais, iniciou un estudo sobre a transformación da materia. Realizou varios centenares de experimentos sobre a conservación de substancias putrescíbeis (carnes, peixes, ovos, leite etc.) seguindo un rigoroso protocolo: anotaba cada día o estado de degradación das súas mostras xunto ás condicións exteriores (humidade, calor etc.).
Tamén introduciu o cloruro de mercurio como axente susceptíbel de loitar contra a putrefacción. Recompilando os resultados dos seus experimentos, publicou en 1766 o seu Essai pour servir à l’histoire da putréfaction.
Publicacións Entre as súas publicacións destacan:
Traducións
Avis d’un Père à sa Fille, 1756, traducido do inglés de Lord Halifax. Leçons de chimie, 1759, traducido do inglés de Shaw. Thiroux D’Arconville corrixiu erros do orixinal, engadiu experimentos do médico inglés, os descubrimentos que se fixeron desde o momento en que estas leccións se publicaron en Inglaterra até que se publicou a tradución que fixo en francés. Encabezando este tratado, escribiu un discurso preliminar onde describe o nacemento e o progreso da química. Romans, 1761, traducido do inglés de Littleton e de Aphra Behn.
Ensaios
De l’Amitié, 1761, no que fala das diferentes clases de amizade. Traité des passions, 1764. Méditations sur les tombeaux. Mélanges de littérature, de morale et de physique, 1775. Pensées et réflexions morales sur divers sujets, 1760, reeditado en 1766.
Novelas
Dona Gratia d’Ataïde, comtesse de Ménessés, histoire portugaise, 1770. Estentor et Thérisse. L'Amour éprouvé par la mort, 1763. Les Malheurs de la jeune Émilie. Les Samiens, conto. L’amour éprouvé par la mort, ou Lettres modernes de deux amans de Vieille-Roche, 1763. Mémoires de Mlle de Valcourt, 1767.
Historia
Histoire de François II, roi de France et d’Écosse, 1783. Histoire de Saint-Kilda. Vie de Marie de Médicis, princesse de Toscane, reine de France et de Navarre, 1774. Vie du cardinal d’Ossat, avec son Discours sur la Ligue, 1771.
Ciencia
Traité d’ostéologie. Essai pour servir à l'histoire de la putréfaction, 1766. Tratado froito das súas experiencias e reflexións. Notas
Véxase tamén
Bibliografía Marie-Laure Girou Swiderski, Écrire à tout prix. La présidente Thiroux d’Arconville. Polygraphe (1720-1805) , Les écrits féminins non-fictionnels du Moyen Âge au XVIIIe siècle. Un inventaire raisonné, Universidade de Ottawa. Jean-Joseph Sue, Traité d’ostéologie : ou l’on a ajouté des planches en taille-douce, qui représentent au naturel tous les os de l’adulte & du foetus, avec leurs explications , 1759
Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1720 Categoría:Finados en 1805 Categoría:Personalidades da ciencia