Héctor Núñez Bello, alcumado Pichón Núñez, nado en Montevideo o 8 de maio de 1936 e finado en Madrid o 19 de decembro de 2011, foi un futbolista e adestrador uruguaio de orixe galega.

Traxectoria

Orixes Naceu en Montevideo, sendo fillo de dous emigrantes galegos. Seu pai, Héctor Núñez, era de Meicende, e súa nai da Pastoriza (Arteixo). Súa nai era madriña de Ramón Alberto Villaverde, outro histórico futbolista uruguaio, tamén fillo de arteixáns.

Como futbolista Comezou a xogar ao fútbol no Liverpool da capital uruguaia, no equipo da quinta división. Alí chamou a atención do Club Nacional, que o fichou para as súas categorías inferiores. En 1954 entrou en contacto co Deportivo da Coruña, durante a súa xira suramericana, chegando a adestrar co equipo galego no Estadio Centenario, pero continuou no equipo uruguaio.

Debutou co primeiro equipo o 15 de decembro de 1956 nun partido amigable contra o Independiente arxentino, da man do adestrador Ondino Viera. Viera fixo debutar tamén aos compañeiros de Núñez no equipo xuvenil, Julio Acosta, Raúl Núñez e Héctor Rodriguez, que xunto a Guillermo Escalada, formarían unha das dianteiras máis célebres da historia do club.

Debutou na Primeira División en 1957, e ao remate da campaña o seu equipo acabou campión, sendo Núñez elixido mellor xogador uruguaio do ano. Ao ano seguinte viaxou co seu equipo á Coruña, para disputar a 13ª edición do Trofeo Teresa Herrera contra o Flamengo do Río de Xaneiro. Sobre o céspede de Riazor o equipo uruguaio bateu ao brasileiro, por dous goles a un, cun dos tantos anotados por Héctor Núñez. A súa actuación no torneo chamou a atención dos equipos españois, e foi fichado polo Valencia FC. No equipo valenciano xogou sete tempadas, nas que disputou 215 partidos, marcando 86 goles. Conquistou dúas Copa de Feiras consecutivas nas tempadas 1961/62 e 1962/63, marcando goles en ambas finais contra o FC Barcelona e o Dinamo Zagreb respectivamente.

No verán de 1965 fichou polo Mallorca, onde xogou unha tempada, non podendo evitar o descenso á Segunda División. A continuación xogou no Levante durante dúas tempadas, ao mesmo tempo que rexentaba un restaurante en Valencia xunto ao seu ex compañeiro Roberto Gil. No equipo levantino colgou as botas en 1968.

Adestrador Retirado como xogador, organizou unha axencia de fichaxes e comezou a súa carreira de adestrador. Así, dirixiu sucesivamente o Calvo Sotelo de Puertollano, o Tenerife, o Levante UD, o Rayo Vallecano, o Real Valladolid, e o Granada CF, todos eles na Segunda División. Na tempada 1977/78 volveu ao Rayo Vallecano, esta vez en Primeira División, rematando a tempada no décimo posto. Ao ano seguinte fichou polo Atlético de Madrid, pero foi cesado por Vicente Calderón despois de só seis partidos, e substituído por Luis Aragonés.

Despois regresou ao Rayo Vallecano e de novo ao Atlético, onde traballou como secretario técnico. Exercendo dito cargo no club madrileño, foi o artífice da chegada do mexicano Hugo Sánchez a España en 1981. Ese mesmo ano instalouse el mesmo en México, onde adestrou durante dúas tempadas ao Tecos FC, ata 1983.

De volta en España, dirixiu a UD As Palmas e, por cuarta vez, ao Rayo Vallecano. En 1989 adestrou por primeira vez no seu Uruguai natal, e fíxoo no mesmo club no que debutara como futbolista anos atrás, o Nacional de Montevideo. Conquistou co club de Montevideo a Copa Suramericana e a Copa Interamericana.

En 1992 dirixiu a Selección de Costa Rica e, despois dunha tempada de novo en España como adestrador do Valencia CF en Primeira, regresou a Uruguai como seleccionador nacional. Á fronte da selección uruguaia gañou a Copa América de 1995 en Montevideo e foi elixido adestrador do ano en América do Sur.

Posteriormente trasladouse a Arabia Saudita, onde estivo a cargo do Al-Nassr, e pechou a súa carreira en 2007, adestrando no seu país ao Tacuarembó FC.

Foi tamén profesor da Escola Nacional de Adestradores de España e secretario técnico do Valencia CF. Faleceu en Madrid o 19 de decembro de 2011, aos 75 anos de idade.

Palmarés Como futbolista Club Nacional Primeira división do Uruguai (1): 1957. Valencia CF

Copa de Feiras (2): 1961/62 e 1962/63.

Como adestrador Club Nacional Recopa Suramericana (1): 1989. Copa Interamericana (1): 1989. Selección uruguaia

Copa América (1): 1995.

Distincións individuais Futbolista uruguaio do ano (1): 1957. Adestrador do ano en América do Sur (1): 1995.

Notas

Categoría:Nados en Montevideo Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Nados en 1936 Categoría:Uruguaios de ascendencia galega Categoría:Futbolistas do Uruguai Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Club Nacional de Football Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do Levante UD Categoría:Adestradores de fútbol do Uruguai Categoría:Adestradores do CD Puertollano Categoría:Adestradores do CD Tenerife Categoría:Adestradores do Levante UD Categoría:Adestradores do Rayo Vallecano Categoría:Adestradores do Real Valladolid Categoría:Adestradores do Granada CF Categoría:Adestradores do Atlético de Madrid Categoría:Adestradores do CD Estudiantes Tecos Categoría:Adestradores da UD Las Palmas Categoría:Adestradores do Club Nacional de Football Categoría:Adestradores da selección de fútbol de Costa Rica Categoría:Adestradores do Valencia CF Categoría:Adestradores da selección de fútbol do Uruguai Categoría:Adestradores do Al-Nassr FC Categoría:Adestradores do Tacuarembó FC Categoría:Adestradores gañadores da Copa America