Carl Philipp Emanuel Bach, nado en Weimar, o 8 de marzo de 1714 e finado en Hamburgo o 14 de decembro de 1788, foi un músico, compositor e profesor alemán.
Segundo fillo de Johann Sebastian Bach e Maria Barbara Bach, manifestou o seu talento xa na infancia, recibindo unha completa e esmerada educación musical da man do seu pai, mais inicialmente quería adicarse profesionalmente ao dereito, estudando na Universidade de Leipzig e na Universidade de Frankfurt. Ao terminar o curso en 1738 foi contratado polo rei Frederico II de Prusia como cravista, para quen traballou os seguintes trinta anos. En 1768 sucedeu a seu padriño, Georg Philipp Telemann, no posto de kantor do Johanneum de Hamburgo, unha escola latina, así como tamén se converteu en director de música municipal, responsable da música das cinco principais igrexas da cidade e da ornamentación de cerimonias cívicas, onde permaneceu activo ata a súa morte en 1788. Foi un gran dinamizador do ambiente musical de Hamburgo, amais de reunirse con importantes figuras da literatura e da filosofía, participando en clubs e sociedades de debates.
Deixou unha obra extensa, con máis de 750 composicións entre pezas para teclado solo, concertos, sinfonías, música sacra, música de cámara e lieder. Cravista virtuoso, case a metade da súa produción foi escrita para teclado, amais de ter deixado un importante tratado técnico que exerceu grande influencia. A súa música é louvada pola súa orixinalidade, vigor, elegancia e expresividade infrecuente, caracterizando o chamado Estilo Galante ou Rococó. Introduciu importantes innovacións en termos de forma, estilo, estrutura e harmonía, contribuíu significativamente no desenvolvemento da sonata clásica, e é considerado un dos precursores da formación do idioma e das formas musicais típicas do Clasicismo. Ao mesmo tempo, a intensidade da expresión emocional, a imprevisibilidade e os fortes contrastes da súa música cualifícano tamén como un dos primeiros románticos.
Gozou de gran prestixio durante a súa vida, sendo considerado un dos maiores virtuosos, compositores e profesores da súa época, mais na primeira metade do século XIX declinou radicalmente e a súa produción permaneceu esquecida durante moito tempo. A súa obra comezou a ser rescatada na década de 1860, mais aínda que volvera ser máis apreciado, continuaba a ser visto como unha figura menor, de talento limitado, máis importante por ter sido un axente destacado na consolidación da linguaxe clásica que polos méritos intrínsecos das súas composicións. Esta visión só comezou a ser revertida na segunda metade do século XX, cando os estudos ao seu respecto iniciaron unha fase de acelerada multiplicación e afondamento, mais mantivo a súa influencia ata a década de 1990. Desde entón a súa reputación se está a recuperar rapidamente, sendo xa considerado en boa medida como un dos compositores máis importantes, orixinais e influentes do século XVIII.
Traxectoria Primeiros anos miniatura|esquerda|Retrato de Carl Philipp Emanuel Bach realizado polo seu primo Gottlieb Friedrich Bach en torno a 1733. Carl Philipp Emanuel Bach naceu en Weimar o 8 de marzo de 1714, sendo o segundo dos fillos de Johann Sebastian Bach coa súa primeira esposa, Maria Barbara Bach, que era a súa prima. Aínda que seu pai sexa universalmente coñecido como "Bach", neste artigo o nome "Bach" remitirá sempre a Carl Philipp Emanuel. Ao contrario da súa música, que é amplamente estudada, a súa biografía continúa chea de lagoas. A correspondencia de carácter persoal que sobreviviu é escasa, outras fontes contemporáneas case só mencionan o seu traballo musical, e a autobiografía que deixou é moi breve e imprecisa.
Bach formaba parte dunha familia que durante xeracións viña dando músicos notables. Seu pai hoxe é considerado un dos maiores xenios da música occidental, varios dos seus irmáns foron músicos talentosos, e tivo como padriño un famoso compositor, Georg Philipp Telemann. A súa nai faleceu cando el tiña seis anos, mais seu pai casou de novo e a súa madrasta, Anna Magdalena Wilcke, como toda a familia Bach, tiña inclinación pola música. Bach medrou, xa que logo, nun ambiente cheo de música, revelando o seu propio talento moi cedo. En 1720 seu pai mudouse a Leipzig, un dos maiores centros culturais de Alemaña, onde Bach foi matriculado na escola da Igrexa de Santo Tomé, da cal o pai convertérase en kantor.
A partir dos quince anos comezou a participar regularmente nos concertos organizados polo seu pai, tanto na Igrexa como na sociedade musical do Collegium Musicum, e pasou a servir tamén como secretario e copista para seu pai. Despois de recibir a formación básica, en 1731 ingresou na Universidade de Leipzig para estudar Dereito. Sobre a súa vida antes de chegar a Leipzig non se sabe nada salvo que comezou a recibir formación musical de seu pai. Nesta cidade comezou a compoñer, sobrevivindo desta etapa dez sonatas para teclado, unha suite, dous concertos e sete tríos.
En 1733 Bach tentou conseguir un emprego como organista en Naumburg. Non tivo éxito, mais a tentativa mostra que a súa educación musical xa estaba completada. O ano seguinte mudouse a Frankfurt co fin de continuar os seus estudos superiores na Universidade Viadrina, graduándose en 1738, mais entón decidiu abandonar este camiño profesional, decidido a adicarse por completo á música. En Frankfurt dirixiu a presentación de varias obras vocais e instrumentais, chamando a atención da corte.
Berlín Aínda en 1738 mudouse a Berlín, onde probablemente logo entrou ao servizo de Frederico, príncipe herdeiro de Prusia, mais só se estableceu oficialmente logo do seu ascenso ao trono en 1740 como Frederico II, máis tarde chamado O Grande, que se rodeou de intelectuais e artistas e mantivo unha corte brillante, sendo el mesmo un bo frautista e compositor de certo mérito. Para el Bach adicou en 1742 unha das súas primeiras composicións importantes, un ciclo de seis sonatas para teclado. O rei debía telo en moita estima, xa que lle pagaba un dos salarios máis altos de entre os músicos da corte. Frederico converteu Berlín nunha das máis importantes capitais de Europa, e a nobreza e a burguesía acompañaban o interese da corte pola arte, creando condicións para un gran florecemento cultural, onde a música ocupaba un lugar destacado.
miniatura|Detalle dunha pintura de Adolph von Menzel mostrando a Frederico II tocando a frauta acompañado por Bach.
En 1744 Bach casou con Johanna Maria Dannemann, filla dun comerciante de viño, coa que tería tres fillos: Johann Adam (1745–1789, máis tarde coñecido como Johann August), que se converteu en avogado; Anna Carolina Philippina (1747–1805), que levou adiante os negocios que herdaría de seu pai, que incluían unha editorial de partituras; e Johann Sebastian (1748–1778), que tiña talento para a pintura mais faleceu sendo aínda novo en Roma.
O traballo de Bach na corte era principalmente dar clases a outros músicos e tocar o teclado, moitas veces como acompañante do propio rei. As súas obrigas oficiais non eran excesivamente pesadas e deixábanlle tempo para participar nun crecente número de concertos públicos, e probablemente organizou varios deles, amais de adicarse de xeito privado e con moito degoiro á composición, unha actividade que non formaba parte das atribucións do seu emprego. A Guerra dos Sete Anos, iniciada en 1756, que trastornou a vida cotiá de Berlín e practicamente suspendeu as actividades culturais da corte, parece ter sido a principal perturbación dunha rutina que transcorreu con tranquilidade, alternándose entre a capital e Potsdam, a residencia de verán da corte. Tamén puido realizar algunhas viaxes a outras cidades, como Bückeburg, Hamburgo, Eisenach, Gotha e Kassel, onde presentou obras súas e estabeleceu contactos con parentes e figuras influentes da nobreza. Ao mesmo tempo, era convidado frecuentemente a reunións culturais privadas e debates culturais realizados nas casas de Christian Gottfried Krause, o membro máis representativo da escola de lieder de Berlín, do crítico musical Friedrich Wilhelm Marpurg, e do compositor e musicólogo Johann Philipp Kirnberger.
Durante os primeiros quince anos en Berlín compuxo principalmente sonatas e concertos para teclado e algunhas pezas de música de cámara, principalmente trío sonatas. Máis tarde diversificou os seus intereses, pasando a compoñer varias obras vocais, principalmente cancións alemás (lieder), amais de sinfonías, pezas de cámara máis variadas e un novo xénero de concerto para teclado, ao cal deu o nome de sonatina. En 1749 publicou a súa composición máis ambiciosa ata a data, un Magnificat para solistas, coro e orquestra. Desta época tamén data o primeiro volume do seu famoso tratado sobre a "verdadeira" arte de tocar o teclado, titulado Versuch über die wahre Art das Clavier zu Spielen (1753). No período berlinés estableceuse a súa reputación como un dos grandes virtuosos do teclado do seu tempo.
En 1768 Bach dimitiu. Ao ser liberado por Frederico, ao parecer despois de longas negociacións, foi nomeado para o cargo de compositor da corte da súa irmá, a princesa Ana Amalia, mais o nomeamento foi só honorífico. Con todo, o interese de Ana Amalia polo oratorio puido ter desempeñado algún papel na produción de Bach neste xénero.
Hamburgo miniatura|esquerda|Detalle do Johanneum de Hamburgo en 1744. Instalado en Hamburgo, alí sucedeu ao seu padriño Telemann como kantor do colexio latino Johanneum e director musical municipal, con responsabilidade sobre a música executada nas cinco principais igrexas e en cerimonias cívicas, sendo instalado oficialmente o 9 de abril. Non están moi claros os motivos polos cales abandonou o seu posto ben remunerado e confortable na corte prusiana, mais o contexto xa non era o mesmo que encontrara ao inicio e semella que considerou que alí se esgotaran as posibilidades de crecer na súa carreira. Hamburgo, de feito, era un lugar moi dinámico musical e culturalmente. Era unha gran cidade e tiña unha elite intensamente adicada ao mecenado artístico, constituíndo un gran mercado para a música, sendo tamén un dos principais centros operísticos de Alemaña. Bach nunca se adicou á ópera, mais organizábanse en torno a 200 concertos anuais nas cinco principais igrexas. Asumir o cargo municipal representou para Bach manter unha actividade intensa e incesante, mais colocouno nunha posición de gran prestixio e influencia. Tamén organizaba concertos en sociedades musicais laicas, onde tocaba e dirixía. Deste xeito, Bach chegou a dominar gran parte da vida musical dunha cidade que era unha das principais referencias culturais de Alemaña.