Iván Espinosa de los Monteros y de Simón, nado en Madrid o 3 de xaneiro de 1971, é un promotor inmobiliario e político español que foi vicesecretario de Relacións Internacionais do partido político Vox. Foi deputado da XIII e XIV lexislaturas das Cortes Xerais, onde exerceu de voceiro do Grupo Parlamentario de Vox no Congreso dos Deputados.

Traxectoria

Orixes e primeiros anos Nado en Madrid o 3 de xaneiro de 1971, é fillo do empresario Carlos Espinosa de los Monteros y Bernaldo de Quirós, IV marqués de Valtierra, e de María Eugenia de Simón y Vallarino. É descendente de Carlos Espinosa de los Monteros y Sagaseta de Ilurdoz, militar e diplomático español, a cuxo favor foi creado o marquesado de Valtierra por Afonso XIII en 1907.

Estudou Ciencias Económicas e Empresariais en ICADE e obtivo un MBA de finanzas nos Estados Unidos e fala tres idiomas. En 2001, contraeu matrimonio con Rocío Monasterio, arquitecta hispanocubana, con quen tivo catro fillos. O matrimonio en ocasións traballou conxuntamente no sector da construción, comprando espazos sen uso para convertelos en vivendas de luxo deseñadas por Monasterio. Espinosa tamén traballou en empresas de consultoría, xestión e investimento.

Colaborou como tertuliano en programas de televisión como El Gato al Agua (IntereconomíaTV) ou Espejo Público (Antena 3).

Dirixente de Vox Ligado ao partido político Vox dende a súa fundación en 2013, ocupou o cargo de secretario xeral da Comisión Organizadora Provisional antes da celebración do primeiro congreso do partido. A continuación pasou a ocupar a Secretaría Xeral do partido até outubro de 2016, cando tomou cargo da Vicesecretaría de Relacións Internacionais. Foi número 2 da lista electoral do partido para as eleccións ao Parlamento Europeo de 2014 encabezada por Alejo Vidal-Quadras, e que non obtivo representación.

Tamén se presentou como candidato por Vox a senador por Madrid nas eleccións ao Senado de 2015 e de 2016. En marzo de 2019, foi confirmado como terceiro na lista de Vox para as eleccións ao Congreso por Madrid do 28 de abril encabezada por Santiago Abascal. Elixido deputado nos comicios ao obter a candidatura de Vox 5 deputados na circunscrición, a partir da constitución da XIII lexislatura da cámara baixa, o 21 de maio de 2019, pasou a exercer de voceiro do Grupo Parlamentario de Vox. Nas eleccións xerais de novembro de 2019, volveu ser terceiro na lista de Vox ao Congreso dos Deputados por Madrid, revalidando o seu escano como deputado para a XIV lexislatura.

O 8 de agosto de 2023, anunciou publicamente a súa dimisión como deputado nunha rolda de prensa, alegando motivos persoais. Non obstante, manifestou a súa intención de seguir sendo membro de Vox. Macarena Olona, ​​que tamén abandonara o partido por motivos de saúde, expresou o seu apoio e advertiu de que non toleraría ataques do partido contra a exportavoz, como ela mesma experimentara. Espinosa de los Monteros xa falara con Abascal, advertíndoo do auxe da á falanxista, liderada por Jorge Buxadé e Javier Ortega Smith, dentro do partido.

Abandono da política activa Tras deixar a política activa, en 2025, promoveu o laboratorio de ideas Fundación Atenea.

O 26 de marzo de 2026, a través das redes, anunciou que Vox lle informara da apertura de expediente disciplinario contra el, previo á súa expulsión do partido, debido á súa campaña de peticións esixindo un congreso extraordinario do partido. Este expediente continuaba a lista de expedientes contra exdirixentes como Javier Ortega Smith, Juan García-Gallardo, José Ángel Antelo e mesmo Ignacio Ansaldo, outro dos fundadores do partido e co carné número 1.

Ideoloxía e posicións políticas Espinosa é un exvotante do Partido Popular e, posteriormente, pasou a criticar a este partido, especialmente, trala creación de Vox. Criticou a Lei de Violencia de Xénero en varias ocasións e contra a inmigración. Tamén se pronunciou a favor da ilegalización de partidos opostos á unidade de España e que non renunciasen ao marxismo. Adoita manifestarse a favor da unidade de España e da monarquía.

Dentro de Vox, foi varias veces mencionado como representante da ala máis liberal, especialmente, no eido económico. No social, manifestou a súa neutralidade cobre a xestación subrogada, malia que o ideario do seu partido é absolutamente contrario.

Polémicas

Problemas xudiciais En abril de 2019, o xornal en liña eldiario.es informou de que un xulgado de Madrid ordenara a unha empresa, da que Espinosa era o único accionista e administrador, que pagase parte dunha débeda que contraera cunha construtora que contratara para levar a cabo reformas na súa casa en Madrid. Xurdiron desacordos sobre os traballos e Espinosa pagara algunhas das reparacións necesarias, cuxo custo o xulgado deduciu da cantidade reclamada. A sentenza foi confirmada pola Audiencia Provincial de Madrid. En setembro de 2019, un xulgado de primeira instancia de Madrid ordenou a Espinosa que pagase a débeda (57.038 €), xa que a súa empresa se declarara indebidamente en concurso de acredores. O Tribunal Supremo confirmou a sentenza en decembro de 2021, segundo a cal o político madrileño tiña que pagar 63.183 € máis xuros —así como cubrir as custas xudiciais— por cometer fraude de acredores.

Tres meses despois, un xulgado de Madrid ordenou o embargo do seu salario como deputado, xa que aínda non pagara a cantidade establecida na sentenza. En abril de 2023, a Axencia Tributaria española descubriu que Espinosa de los Monteros, xunto coa súa esposa Rocío Monasterio, tamén líder de Vox, emitiran facturas falsas por valor de 169.000 euros e inventaron que dúas das súas empresas venderan un edificio por valor de 625.000 euros.

Notas

Categoría:Nados en 1971 Categoría:Nados en Madrid Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XIII Lexislatura) Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (XIV Lexislatura) Categoría:Políticos de Vox