Gastón Rodrigo Pereiro López, nado en Montevideo o 11 de xuño de 1995, é un futbolista uruguaio, de orixe galega. Xoga como centrocampista no Bari, da Serie B italiana.

Traxectoria Naceu na capital uruguaia nunha familia con raíces galegas, pois seu avó paterno é da parroquia cercedense de Rodís. Formouse na canteira de Nacional e debutou oficialmente co primeiro equipo o 28 de xaneiro de 2014 na cidade boliviana de Santa Cruz de la Sierra, na derrota por 1-0 contra o Oriente Petrolero, na Copa Libertadores. O adestrador Gerardo Pelusso deulle entrada no minuto 63 para substituír a Carlos de Pena. Catro días despois, marcou o seu primeiro gol, na vitoria por 2-0 sobre Racing no Estadio Centenario.

O 2 de xullo de 2015 fíxose oficial a súa chegada ao PSV Eindhoven por 7 millóns de euros. O club neerlandés comprou o 80% do seu pase e foi presentado oficialmente o 15 de xullo. O seu debut oficial tivo lugar na Supercopa dos Países Baixos contra o FC Groningen, un partido no que o PSV gañou o trofeo tras unha vitoria por 3-0. Na Eredivisie debutou contra o ADO Den Haag, entrando aos 80 minutos de xogo. Xogou por primeira vez como titular ante o Ajax, partido no que o PSV venceu por 2-1 con dous goles de Pereiro. Marcou o seu primeiro triplete na Copa dos Países Baixos, no que o seu equipo derrotou por 6-0 ao SC Genemuiden.

Nas súas catro tempadas e media no equipo neerlandés, conquistou dúas ligas e dúas Supercopas, e disputou tres edicións da Liga de Campións, na que debutou o 30 de setembro de 2015, nun encontro fronte ao CSKA de Moscova no Arena Khimki.

En xaneiro de 2020 o PSV tiña case pechado o seu traspaso ao Cincinnati da MLS, pero ante a intención do xogador de continuar en Europa, o seu representante, o célebre Paco Casal, conseguiu un acordo co Cagliari, club que pagou uns 12 millóns e euros polo traspaso e co que asinou un contrato ata xuño de 2024.

No club italiano compartiu equipo cos tamén uruguaios Nahitan Nández e Christian Oliva. Debutou na Serie A nun partido contra o Genoa e o 1 de marzo de 2020 marcou o seu primeiro gol no club italiano, nunha derrota por 3-4 contra a Roma. Durante os seguintes tres anos disputou 69 partidos co club sardo, anotando 12 goles.

En xaneiro de 2023 anunciouse a súa cesión ao Nacional, regresando así ao club no que se formara, despois e oito anos no estranxeiro. Co equipo da súa cidade disputou 24 encontros, nos que marcou tres goles, antes de regresar a Italia. Entre decembro de 2023 e xaneiro de 2024 participou co Cagliari en dous partidos da Copa Italia e a continuación volveu saír cedido, desta vez ao Ternana, da Serie B, co que disputou 20 encontros ata o final da campaña, marcando 6 goles.

En agosto de 2024 desvencellouse do Cagliari e despois de tres meses sen equipo, asinou co Genoa, da Serie A, club que estaba tendo problemas coas lesións de varios xogadores. Con todo, co club xenovés disputou só 29 minutos repartidos en dous encontros, ata que o primeiro día de febreiro de 2025 foi traspasado ao Bari, da Serie B. Debutou co equipo da Puglia ao día seguinte, nun partido contra o Frosinone, e unha semana despois marcou ante a Juve Stabia o seu primeiro gol.

Selección nacional

Categorías inferiores Foi preseleccionado coa selección uruguaia sub-20 o Mundial Sub-20 de 2013, cando tiña 17 anos, aínda que finalmente non entrou no cadro de xogadores final. En 2014 gañou un Cuadrangular Internacional Sub-20 disputado en Asunción en preparación para o Campionato Suramericano Sub-20.

O 3 de xaneiro de 2015 foi seleccionado para defender ao Uruguai no Campionato Suramericano Sub-20, no que o equipo rematou na terceira posición. Pereiro foi o segundo máximo goleador do torneo e o máximo goleador do Uruguai con cinco goles en oito partidos.

O 14 de maio foi incluído na lista de 21 futbolistas uruguaios que participarían no Mundial sub-20 de Nova Zelandia. Anotou o gol da vitoria no primeiro partido contra Serbia, que rematou 1-0.

Selección absoluta O 23 de agosto de 2017 foi convocado pola selección uruguaia absoluta para dous encontros de clasificación de cara ao Mundial de Rusia 2018, contra as seleccións da Arxentina e Paraguai. Debutou nun amigable contra Polonia en Varsovia o 10 de novembro de 2017.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador na Asociación Uruguaia de Fútbol .

Categoría:Nados en 1995 Categoría:Nados en Montevideo Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Uruguaios de ascendencia galega Categoría:Futbolistas do Uruguai Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Club Nacional de Football Categoría:Xogadores do PSV Eindhoven Categoría:Xogadores do Cagliari Calcio Categoría:Xogadores do Ternana Calcio Categoría:Xogadores do Genoa CFC Categoría:Xogadores do SSC Bari Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Uruguai