Tatiana Țîbuleac, nada en Chisináu o 15 de outubro de 1978, é unha escritora, xornalista e tradutora moldova-romanesa.

Traxectoria Tatiana Țîbuleac naceu na capital de Moldova, Chisinau. O seu pai era xornalista e a súa nai editora, polo que creceu rodeada de libros e xornais e afeccionouse pronto á lectura.

Estudou xornalismo e comunicacións na Universidade Estatal de Moldova e durante eses anos xa empezou a colaborar con diversos medios en calidade de tradutora, correctora e reporteira.

En 1995 Țîbuleac empezou a traballar no xornal FLUX, de gran difusión nesa época en Romanía. Pouco despois tivo a súa propia columna, chamada "Povești adevărate" ("Historias verdadeiras").

Catro anos máis tarde pasou a traballar na televisión, nunha canle moldova chamada Pro TV Chișinăou, onde comezou como reporteira e posteriormente foi presentadora. Nalgunha ocasión comentou que no seu traballo tentaba escribir sobre persoas diferentes e non famosas, porque as atopaba máis interesantes. De feito, adoitaba dedicar días a coñecer persoas pobres, con enfermidades e en xeral con problemas sociais sobre os que despois escribir.

En 2007 deixou o xornalismo e trasladouse a París en 2008. Segundo ela contou, veulle moi ben o cambio de vida para atopar un modo novo de escribir.

Publicou en Moldova o seu primeiro libro Fabule Moderne, en 2014. Trátase dunha colección de 50 historias curtas sobre a migración. O libro tivo a súa orixe por mor de varias publicacións en Facebook, feitas co propósito de inspirar as persoas que vivían lonxe do seu fogar e falar sobre a migración desde unha perspectiva diferente. As opinións e os debates xerados na rede social fixeron de Fábulas modernas un fenómeno dos máis populares aquel ano.

A súa primeira novela Vara în care mama a avut ochii verzi publicouse en 2017. Segundo algúns medios, "unha crúa e íntima reflexión sobre as relacións maternofiliales que apela á forza do amor e o perdón" e tamén a crítica destacou a poesía que destila o estilo descarnado da autora. A novela gañou múltiples premios literarios e foi traducida ao francés e ao español. En Bucarest fíxose unha obra de teatro da novela.

En 2018 publicou a súa segunda novela Grădina de sticlă pola que lle concederon o Premio da Unión Europea de Literatura.

Obras 2014 Fabule Moderne 2017 Vara în care mama a avut ochii verzi (traducido ao galego como O verán no que miña nai tivo os ollos verdes) 2018 Grădina de sticlă

Premios 2020. Premio As Librarías Recomendan (CEGAL) 2019. Premio Cálamo Libro do ano 2019 por El verano que mi madre tuvo los ojos verdes. 2019. Libro do Ano das Librarías de Madrid (Finalista) 2018. Premio da Unión de Escritores Moldovos (Romanía) 2019. Premio Observator Cultural (Romanía) 2019. Premio Lyceum (Romanía) 2019. Premio de Literatura da Unión Europea.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Entrega Premios Cálamo 2019

Categoría:Nados en 1978 Categoría:Nados en Moldova Categoría:Personalidades da literatura Categoría:Escritores en lingua romanesa