Mónica Carrera Mouriño, nada en Ponteareas en 1977, é unha científica galega. A súa especialidade é a proteómica avanzada e a bioloxía de sistemas, no contexto da seguridade alimentaria e a alerxia aos alimentos de orixe mariña.

Traxectoria É licenciada en Bioloxía pola Universidade de Vigo (1996-2000). Realizou a súa tese de doutoramento sobre proteómica e autenticación de alimentos de orixe mariña no Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) no ano 2008. Realizou a súa primeira estancia de post-doutoramento no Institute of Molecular Systems Biology de Zürich durante os anos 2008 ao 2013. No ano 2013 obtivo un contrato Marie Curie que desenvolveu no IIM-CSIC entre 2013 e 2015. No 2015 foi convidada pola empresa Thermo Fisher Scientific para traballar en California. Posteriormente, no 2018 obtivo un contrato como Investigadora Ramón y Cajal no IIM-CSIC de Vigo. Desde agosto de 2020 é Científica Titular do IIM-CSIC onde está traballando na actualidade.

Carrera é experta en Proteómica Top-down e bottom-up para o control da calidade e seguridade dos alimentos. A súa actividade e experiencia científica viuse reflectida coa participación e liderado de numerosos proxectos nacionais e internacionais, colabora activamente impartindo clases oficiais en diferentes programas de mestrado e doutoramento, participa en diferentes actividades de divulgación da ciencia e é conselleira de diferentes sociedades internacionais de Proteómica e Alimentos. É autora de máis de 50 publicacións científicas.

Recoñecementos 2009: Premio á mellor Tese de Doutoramento 2009. Deputación de Pontevedra. 2010: Premio á mellor publicación científica 2010. Sociedade Española de Proteómica (SEProt). 2012: Premio á mellor moderadora de Congreso. Sociedade Española de Proteómica (SEProt). 2016: Premio de Investigación Ernesto Vieitez 2016 á Mellor Publicación Científica. Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). 2017: Distinción honorífica Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Perfil de Mónica Carrera en researchgate.net

Categoría:Nados en 1977 Categoría:Nados en Ponteareas Categoría:Científicos de Galicia