miniatura|Vitiza. Trixésimo cuarto rei dos visigodos en Hispania. Akhila II, nado no 695 e finado no 716, foi un rei dos visigodos entre 710 e 713. Trala toma violenta do poder por parte de Rodrigo, produciuse a secesión da parte nororiental do reino, onde reinou Akhila II. Aínda que apenas existen testemuños da súa existencia, atopáronse moedas acuñadas no seu nome. Foi sucedido por Ardón.

As fontes A Crónica mozárabe do ano 754 ofrece pouca información sobre os acontecementos ocorridos inmediatamente despois do reinado de Vitiza. Indica que Rodrigo se apoderou do trono e que reinou durante un ano, así como que houbo unha guerra civil antes da invasión dos árabes e engade que foi traizoado por algunhas das súas tropas. Non obstante, non menciona a Akhila II, nin que os partidarios de Vitiza realizasen a traizón, nin que en ningún caso se enviase unha petición de axuda para destronar a Rodrigo.

A Chronica regnum Visigothorum rexistra os nomes dos reis visigodos e os anos dos seus reinados. Despois da entronización de Ervixio, os manuscritos difiren na continuación dos seguintes reis. A Continuatio codicis C Parisini, que aparece nun manuscrito do século XII, non menciona a Rodrigo e indica que Vitiza foi sucedido por Akhila e despois de tres anos, este, foi sucedido por Ardón. Mais a Continuatio Legionensis, que aparece nun manuscrito do século XI, afirma que Vitiza foi sucedido por Rodrigo, que reinou durante sete anos e seis meses. Non obstante, non se sabe cando se compilaron por primeira vez e, xa que asignan diferentes durante os reinados dos sucesores de Ervixio, é posible que houbese erros de transcrición. Así a todo, o que está implícito que Vitiza foi sucedido por dous reis que controlaban diferentes partes do reino. A partir da existencia de moedas cos nomes respectivos, Collins afirma que Rodrigo controlaría Toledo e maila Lusitania mentres que Akhila controlaría a Tarraconense e a Narbonense, sen que se saiba cal era a situación na Bética nin na Gallaecia. miniatura|Don Rodrigo, segundo algunhas fontes, o derradeiro rei do reino visigodo de Toledo. Segundo outras, un usurpador do trono. Nin na Crónica mozárabe nin nas crónicas asturianas posteriores -a Crónica Albeldense e a Crónica de Afonso III- hai mención a Akhila II, nin nas crónicas árabes. Dáse a situación de que as crónicas escritas na área de influencia de Akhila II non coñeceron a existencia de Rodrigo até despois de mediados do século XIII, cando se traduciu a obra do bispo Rodrigo Ximénez de Rada. Porén, houbo un derivación metodolóxica errónea ao tentar axustar o nome de Akhila con calquera dos personaxes das Crónicas cuxo nome non se dá, como facelo fillo de Vitiza, cuxo nome non aparece nas crónicas asturianas e incluso acomodalo como fillo ou parente de Vitiza, que estaba asociado ao trono no nordeste da Península Ibérica. Non se coñecen as orixes familiares de Akhila II, polo que asignar a Akhila unha filiación vitizá é un erro consecuente a datos contraditorios e lendarios da historiografía hispanoárabe. As crónicas asturianas, dada a súa concepción de que Rodrigo fora o último rei visigodo e que o reino de Asturias foi identificado como o seu sucesor, eliminaron a Akhila, quen reinou dous anos máis, e engadiron eses anos ao reinado de Rodrigo, para que este reinase tres anos.

Debate sobre a sucesión de Vitiza Non hai constancia da súa morte nin das circunstancias da sucesión de Vitiza, aínda que se pode deducir que non foi pacífica. Segundo a Chronica Regum Visigothorum, o reinado de Vitiza rematou no 710, mentres que a Crónica mozárabe sitúao no 711. Xeralmente, hai dúas tedencia sobre o reinado de Vitiza: se se considera que era fillo da raíña Cixilo, o reinado remataría ao morrer e contaría cuns vinte e cinco anos, mais se se considera que Vitiza non era o fillo de Cixilo, senón dun matrimonio anterior de Éxica, entón tería unha idade relativamente avanzada no momento da súa morte.

Do seguinte rei, Rodrigo, a Crónica mozárabe parece indicar que se apoderou do trono dun xeito violento co apoio dunha parte significativa da aristocracia que conformaba a elite secular e eclesiástica do reino que, daquela, interviña na elección do rei. Segundo esta hipótese, Vitiza foi derrocado e moi probablemente asasinado pois se morrese por causas naturais e Rodrigo tivese sido elixido, non se tería producido ningunha situación de conflito. Outra hipótese suxire que tamén puido suceder que Vitiza morrese por causas naturais e que Rodrigo se levantase para evitar que os familiares de Vitiza nomeasen para o trono a un dos seus membros.

Igualmente, tense apuntado que puido haber un interregno de varias semanas ou meses no que puido haber unha guerra civil entre Rodrigo e outros aspirantes ao trono. Este golpe de estado non produciu un consenso entre a aristocracia, e a chegada de Rodrigo ao trono houbo provocar conflitos internos que se produciron no momento en que os musulmáns comezaran a atacar poboacións do sur da Península Ibérica. A elite nobre estaría dividida e, como sucedeu coa sucesión de Chindasvinto no 653 e Recesvinto no 672, houbo unha rebelión rexional de territorios que non recoñecían a autoridade de Rodrigo, polo que é posible que este tivese que facer fronte á división do reino polos apoios a Akhila II no nordeste, que é de onde proceden as moedas cuñadas en nome de Akhila II, en concreto da Narbonense e da Tarraconense (nas cecas de Narbona, Lleida, Xirona, Tarragona e Zaragoza) sen que se produza unha superposición xeográfica coas moedas cuñadas a nome de Rodrigo.

Reinado Cando morre Vitiza no 710, unha parte da nobreza xunto coa súa viúva, promoven para o trono a Akhila, que era parente ou quizais fillo de Vitiza, mentres outra facción apoia ao conde da Bética, Rodrigo. Tras enfrontarse, Rodrigo venceu e Akhila II centrouse en controla-la Septimania, dende Zaragoza até Nimes, onde cuñou moeda.

Dende aquela, os partidarios do bando vitizán e máis os apoios de Akhila entran en contacto co prefecto bizantino de Ceuta, o Conde Julián, e con Tariq ibn Ziyad, o gobernador musulmán de Tánxer.

Invasión musulmá Tralos primeiros tanteos, prodúcese o desembarco musulmán que levou á desfeita do exército visigodo do rei Rodrigo e á desaparición ou morte do propio monarca na batalla de Guadalete. Aínda que inicialmente este desastre fora provocado polos rivais de Rodrigo, que o traizoaron para que fose eliminado ou moi debilitado e así poder tomar o poder, e non entregar o reino aos invasores; en ningún momento houbo unha aproximación a Akhila II para deter os avances dos conquistadores musulmáns.

A seguir, os musulmáns emprenderon a conquista do reino visigodo respectando Tariq, inicialmente, o tratado. Así, ocupa rapidamente as terras dos partidarios de Rodrigo e evitando os dominios de Akhila e dos partidarios de Vitiza. Porén, cando chega a península, o superior de Tariq, Musa ibn Nusayr, as circunstancias cambian e non respecta os acordos anteriores polo que se producen enfrontamentos. Daquela, case toda Hispania, agás a Gallaecia, Asturias, o norte cantábrico e o val do Ebro, pasaron a poder musulmán en apenas dous anos, trala morte de Rodrigo. No 713, os árabes e mailos seus aliados bérberes principiaron a conquista do val do Ebro, tomando Zaragoza. Estes feitos, coinciden con final do reinado dos tres anos de Akhila e poden explica-la súa morte en batalla contra os invasores. Por outra banda, tamén hai quen opina que aceptou a dominación musulmá a cambio de mante-las súas terras e posesións.

Despois da súa morte, Ardón foi elixido rei e só reinou na Narbonensis ao norte dos Pireneos e, probablemente, morreu na invasión musulmá da zona no 721.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Lista dos reis visigodos

Categoría:Nados en 695 Categoría:Reis visigodos Categoría:Historia de España do século VIII Categoría:Finados en 716