miniatura|450px|O experimento de Griffith descubriu a existencia dun "principio transformante" na bacteria pneumococo. O experimento de Griffith, realizado en 1928 por Frederick Griffith, proporcionou os primeiros datos experimentais que indicaban que as bacterias podían transferir información xenética por medio dun proceso que se coñeceu como transformación. Griffith supuxo que algunha substancia pasaba dunha cepa de bacteria a outra causando a transformación, pero non puido determinar a natureza química da substancia. Os descubrimentos de Griffith foron seguidos por outras investigacións realizadas nas décadas de 1930 e 40 que determinaron que o ADN era o material que transmitía a información xenética.
A pneumonía era unha importante causa de morte durante a pandemia de gripe de 1918 (a "gripe española" despois da primeira guerra mundial), e Griffith estaba estudando a posibilidade de crear unha vacina para ela. Griffith usou dúas cepas de pneumococos (Streptococcus pneumoniae) bacteria que podía infectar ratos: a cepa de tipo III-S (lisa), que era virulenta, e a de tipo II-R (rugosa), que non era virulenta. Estas bacterias forman colonias que vistas ao microsocpio teñen aspecto liso (smooth en inglés, de aí a súa denominación S) ou rugoso (as R), respectivamente. A cepa III-S sintetizaba unha cápsula de polisacárido que a protexía do sistema inmunitario do hóspede, e orixinaba a morte do hóspede, mentres que a cepa II-R carecía desa cápsula protectora e era neutralizada doadamente polo sistema inmunitario do hóspede, o que explicaba a súa falta de virulencia. Un bacteriólogo alemán, Fred Neufeld, descubrira os tres tipos de pneumococos (I, II e III) e tamén a reacción ou proba de quellung para identificalos in vitro.Lehrer, Steven. Explorers of the Body. 2ª edición 2006 p 44 Ata o experimento de Griffith os bacteriólogos crían que estes tipos de pneumococos estaban fixados e non podían cambiar dunha xeración a outra.
Neste experimento Griffith tomou bacterias da cepa III-S, que eran primeiro matadas con calor e os seus restos eran engadidos a un medio con bacterias II-R vivas. Se inoculaba por separado en ratos bacterias III-S ou bacterias II-R en ningún dos casos o rato morría, pero cando os inoculaba coa mestura das dúas cepas (das cales só a II-R estaba viva) a infección era grave e o rato morría. Griffith despois illou as bacterias tomadas do sangue dos cadáveres dos ratos e entre elas había tanto bacterias II-R vivas coma bacterias III-S tamén vivas (a pesar de que estas últimas se inocularan mortas). Griffith concluíu que o que pasara era que algunhas das bacterias vivas de tipo II-R (non virulentas) se "transformaran" na cepa letal III-S porque captaron algún "principio transformante", unha substancia que formaba parte das bacterias III-S mortas da mestura inicial inoculada. Este fenómeno coñeceuse como transformación bacteriana.
Naquela época non se sabía cal era a molécula que almacenaba a información xenética. Moitos científicos pensaban que eran as proteínas e outros que era o ADN. Hoxe sabemos que o "principio transformante" do que falaba Griffith é o ADN das bacterias das cepas III-S, que contén o xene para a formación da cápsula protectora. Aínda que as bacterias III-S foran matadas con calor, o seu ADN estaba intacto e presente no medio da mestura, e este foi captado do medio polas bacterias II-R, o que lles permitía formar a cápsula, é dicir, transformarse en III-S e ser virulentas e letais. A natureza exacta do principio transformante (ADN) non foi verificada ata décadas despois grazas aos experimentos realizados por Avery, MacLeod e McCarty e por Hershey e Chase.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
(Referencias sobre o experimento orixinal de Griffith: Artigo orixinal e reimpresión no 35º aniversario.) 854 páxinas.
Outros artigos Experimento de Avery, MacLeod e McCarty Experimentos de Hershey e Chase
Categoría:Microbioloxía Categoría:Xenética Categoría:Experimentos