José Manuel Crespo Villanueva, nado en Marín o 4 de abril de 1972, é un ex-piraguista galego, que competía na modalidade de augas tranquilas. Foi varias veces campión de España e participou en dous Xogos Olímpicos: Atlanta 1996 e Sydney 2000.
Traxectoria Comezou a practicar piragüismo no Club Piragüismo Tambo de Marín, pasando logo á Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra. En 1990 conseguiu cinco medallas no Campionato Europeo de Piragüismo Júnior celebrado en Nottingham, catro delas de ouro.
En 1993, con 21 anos, foi seleccionado pola Federación Española para participar no Campionato Mundial absoluto pero declinou a invitación ao non poder deixar o seu traballo como estibador no porto de Marín. Si participou no Mundial do ano seguinte en México, nas probas de C1 200m e C1 500m, pero non conseguiu o pase ás finais. Repetiu participación no Mundial de 1996 en Duisburgo, nas mesmas probas, clasificándose esta vez para a final de ambas, e logrando un oitavo posto nos 500m e un quinto nos 200. Ese mesmo ano proclamouse campión de España nas tres distancias do C1, nas tres veces por diante de Alfredo Bea e David Mascato.
Estes bos resultados permitíronlle participar nos Xogos Olímpicos de 1996 en Atlanta, onde competiu en dúas distancias diferentes (C1 500 e C1 1000), aínda que non conseguiu meterse na final en ningunha das dúas. Nos seguintes anos debutou no renacido Campionato Europeo e continuou disputando o Mundial, tendo como mellor resultado un quinto posto no Mundial de 1999 en Szeged, no C1 1000m. No ano 2000 participou en Sydney nos seus segundos Xogos Olímpicos, de novo nas distancias de 500 e 1000 metros, obtendo a 11ª e 15ª prazas respectivamente.
Tralos Xogos Olímpicos de Sydney comezou a competir tamén no C4 e en xullo de 2001 disputou en Milán o Campionato Europeo formando equipo con David Cal, Alfredo Bea e David Mascato. Lograron o sexto posto no C4 500 metros e o sétimo no C4 1000 metros, mentres que Crespo quedou tamén sexto no C1 1000 metros. No Mundial celebrado en Poznan ese mesmo ano, quedou sétimo no C1 1000 e sétimo tamén no C4 1000, xunto a David Cal, Rafael Menéndez e Marcel Glăvan. Tamén en 2001 foi campión de España en C2 500 e C2 1000, xunto a Óscar Graña. No ano 2002 en Sevilla, disputou o seu último Campionato do Mundo.
Vida persoal Casou coa tamén piragüista Ana María Penas, que participou en tres Xogos Olímpicos. O seu fillo Pablo é tamén piragüista, especializado na modalidade de maratón.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do piragüista no sitio web oficial do Comité Olímpico Internacional . Datos do piragüistaen sports-reference.com. Arquivado dende o orixinal .
Categoría:Nados en 1972 Categoría:Nados en Marín Categoría:Piragüistas olímpicos de Galicia Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 1996 Categoría:Piragüistas nos Xogos Olímpicos de 2000