miniatura|upright=1|Unidade repetida de tetranucleótido A hipótese do tetranucleótido de Phoebus Levene foi unha hipótese inicial sobre a estrutura do ADN. Propoñía que o ADN estaba composto de secuencias repetidas dos catro nucleótidos. Isto orixinaba que o ADN tivese unha secuencia monótona, coa mesma secuencia de catro nucleótidos repetida unha e outra vez, o que facía imposible que o ADN puidese almacenar información xenética. Naquela época a maioría dos científicos pensaban que o ADN tiña unha función estrutural nos cromosomas e que era o compoñente proteico dos cromosomas o que era a base da herdanza. A hipótese foi moi influente durante tres décadas a principios do século XX e seguiu sendo elaborada por Levene polo menos ata a década de 1930. O diagrama da dereita ilustra as ideas de Levene e Tipson sobre a cuestión. En 1940, cando morreu Levene, Bass escribiu na súa necrolóxica o seguinte:

Como resultado do traballo de Levene temos un concepto exacto das estruturas destas enormes moléculas, probablemente os materiais biolóxicos máis complexos cuxa imaxe arquitectónica fora reconstruída.

A hipótese implicaba que as catro bases dos nucleótidos estaban presentes en igual cantidade no ADN e as pequenas variacións nos valores experimentais considerábase que eran o resultado de erros experimentais.

Porén, Erwin Chargaff demostrou que as frecuencias dos catro nucleótidos (A, G, C, T) non eran iguais, e as variacións atopáronse consistentemente en diferentes estudos. Tamén eran distintas en distintas especies. Concretamente, segundo as regras de Chargaff as relacións correctas son G = C ≠ A = T. As igualdades G = C e A = T suxerían que estas bases estaban emparelladas, este emparellamento era a base da estrutura do ADN que hoxe sabemos que é correcta e é resultado de que as febras do ADN son complementarias en bases. Inversamente, as desigualdades G ≠ A, G ≠ T, C ≠ A, C ≠ T significan que o ADN non podía ser unha repetición sistemática da mesma unidade fundamental de tetranucleótido, como requiría a hipótese do tetranucleótido. Así, non había ningunha razón para que a secuencia non puidese almacenar información. Os experimentos de Avery, MacLeod e McCarty (ao que inicialmente se lle puxeron moitas obxeccións debido á influencia da hipótese do tetranucleótido) e de Hershey e Chase demostraron definitivamente que o ADN portaba a información xenética.

En anos posteriores algunhas autoridades consideraron que a hipótese do tetranucleótido fora prexudicial para o desenvolvemento da bioloxía molecular. Bentley Glass, por exemplo, chamouna "catástrofe científica". Máis recentemente, Hargittai considerouna de maneira máis positiva, e Frixione e Ruíz-Zamarripa escribiron sobre ela o seguinte: O traballo [de Levene] culminou no informe de Levene e Tipson de 1935 que mostraba con exactitude por primeira vez a verdadeira estrutura molecular do ADN, así como unha representación case correcta da estrutura do ARN. Este logro merece a distinción deste artigo como un clásico da literatura da bioloxía molecular.

Notas

Categoría:Bioquímica Categoría:Bioloxía molecular Categoría:ADN Categoría:Ácidos nucleicos Categoría:Estrutura das proteínas Categoría:Teorías científicas obsoletas Categoría:Historia da química