Mario Soriano Carreño, nado en Alcalá de Henares o 22 de abril de 2002, é un futbolista español, que xoga de centrocampista no Deportivo da Coruña, da Primeira División.

Traxectoria

Atlético de Madrid Ingresou na canteira do Atlético de Madrid con cinco anos, no 2007, e foi subindo por todas as categorías do club. En 2019 debutou co Atlético de Madrid B na Segunda División B, nun partido contra o Peña Deportiva no Cerro del Espino, no que entrou como substituto de Sanabria.

Na tempada 2019/20 gañou un posto no filial adestrado por Nacho Fernández, disputando 21 partidos e marcando o seu primeiro gol, contra o Villarrubia. Ademais, o 6 de xaneiro de 2021 debutou co primeiro equipo do Atlético de Madrid na Copa do Rei, no partido no que o seu equipo caeu eliminado contra o Cornellà. Diego Simeone deulle entrada na segunda parte, substituíndo a João Félix.

Cesión ao Deportivo da Coruña En agosto de 2021 saíu cedido ao Deportivo da Coruña para a tempada 2021/22, na nova Primeira División RFEF. Aínda que comezou como suplente no equipo de Borja Jiménez, acabou facéndose coa titularidade na segunda metade da tempada, e acabou sendo o xogador máis destacado do equipo na promoción de ascenso. Marcou un gol nas semifinais contra o Linares e puxo por diante ao Deportivo na final contra o Albacete, antes de que os goles de Alberto e Jordi Sánchez lle desen a volta ao marcador e deixasen ao club galego sen ascenso.

Deportivo da Coruña O seu bo rendemento na parte final da tempada, así como a súa vontade de continuar no club galego, fixo que o Deportivo chegase a un acordo co Atlético de Madrid para o traspaso definitivo do xogador, a pesar de contar con ofertas de categorías superiores. Asinou un contrato por dúas tempadas e cambiou o dorsal número 8 polo 10.

Foi un fixo nas aliñacións dos tres adestradores que pasaron polo banco do Deportivo na tempada 2022/23 (Borja Jiménez, Óscar Cano e Rubén de la Barrera), acabando como o xogador de campo con máis minutos durante a campaña, superado só polo porteiro Ian Mackay. Disputou un total de 38 partidos, nos que marcou 8 goles e repartiu 6 asistencias. Foi titular nos dous partidos da promoción de ascenso a Segunda, na que o Deportivo caeu eliminado diante do Castellón.

Cesión ao Eibar O seu bo rendemento fixo que recibise ofertas de superior categoría, e tras non conseguir o ascenso co Deportivo decidiu xogar en Segunda División, aceptando a proposta do Eibar, ao que marchou cedido. Debutou na categoría de prata na primeira xornada da tempada 2023/24, nunha derrota por 4-0 ante o Racing de Santander no Sardinero. Titular indiscutible no equipo de Joseba Etxeberria, disputou un total de 45 partidos, 41 deles como titular, e xogou a promoción de ascenso a Primeira, na que o seu club caeu eliminado en semifinais contra o Oviedo.

Regreso ao Deportivo Para a tempada 2024/25 regresou ao Deportivo, que viña de ascender a Segunda, e asinou un novo contrato ata 2028. Na primeira metade da tempada xogou en varias posicións diferentes, ao estar a súa ocupada polo capitán Lucas. Trala marcha deste en xaneiro consolidouse na súa posición e realizou destacadas actuacións, pechando a tempada como o único xogador do equipo en participar en todos os partidos de liga e Copa. Disputou un total de 43 encontros, sumando 5 goles e repartindo 4 asistencias, superando por terceira tempada consecutiva os 3.000 minutos de xogo.

Na campaña 2025/26 foi titular nos 42 partidos de liga, sendo o xogador de campo con máis minutos de xogo de toda a competición (3.616). Comezou como mediapunta, pero Antonio Hidalgo acabou atrasando a súa posición ata un posto de organizador, para solucionar os problemas que o equipo tiña coa saída do balón. Foi o xogador máis destacado do equipo durante a tempada, que culminou co ascenso á Primeira División. Marcou seis goles, tendo especial importancia o da xornada 40 ante o Andorra en Riazor (2-1), que ademais de ser elixido mellor gol da xornada, contribuíu a unha vitoria que deixou ao club galego con pé e medio en Primeira. En xuño recibiu o Premio Virgilio Rodríguez Rincón de DxT Campeón ao mellor xogador do Deportivo durante a tempada.

Debutou na máxima categoría na primeira xornada da tempada 2026/27 contra o Elche en Riazor, formando no centro do campo titular xunto a Amatucci.

Estatísticas ClubTempadaDivisiónLigaCopa do ReiOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Primeira e Segunda División.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesAtlético de Madrid B2019/20Segunda B20----202020/21Segunda B211----211Total club2310000231Atlético de Madrid2020/21Primeira0010--10Deportivo da Coruña2021/221ª RFEF29320221232022/231ª RFEF368002010Eibar2023/24Segunda 41 3 2020 453Deportivo da Coruña2024/25Segunda 42 5 10- - 4352025/26Segunda42630--456Total club14922604215924Total carreira 213 26 906 2 22828

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en LaPreferente.es .

Categoría:Nados en 2002 Categoría:Nados en Alcalá de Henares Categoría:Futbolistas da Comunidade de Madrid Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid B Categoría:Xogadores do Atlético de Madrid Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do SD Eibar