Carlos Gil Pérez, nado en Santiago de Compostela o 28 de xaneiro de 1931 e finado en Salamanca o 25 de decembro de 2009, foi un atleta, adestrador e dirixente deportivo galego.
Traxectoria Aínda que naceu en Santiago de Compostela viviu a maior parte da súa vida en Salamanca. Nesa cidade adestrou ducias de deportistas entre 1955 ata 2009, case todos homes e case todos velocistas. En 1958, un dos seus pupilos, José Luís Albarrán, proclamouse campión de España de 200 metros no vello Estadio de Anoeta en Donostia, e en 1960 converteuse no primeiro salmantino en participar nuns Xogos Olímpicos. Despois del fixérono José Luis Sánchez Paraíso, Rosa Colorado e Antonio Sánchez, así como o zamorano Frutos Feo. Os seus atletas acadaron numerosos campionatos e récords de España.
De 1979 a 1988 asumiu o cargo de director técnico da Real Federación Española de Atletismo. Con el chegaron ao atletismo español as primeiras medallas olímpicas en Moscova 1980 e nos Ánxeles 1984. Foi durante anos seleccionador español de atletismo e no Campionato de Europa de Atletismo en Pista Cuberta de Milán en 1982 España marcou un dos seus grandes fitos, conseguindo cinco metais.
Tamén destacou na xestión deportiva e foi un dos impulsores do deporte en España. Na Real Federación Española de Atletismo reestruturou toda a parte técnica con adestradores expertos e impulsou a creación de axudas aos deportistas que acabarían derivando nas bolsas ADO, ofrecendo 80 000 pesetas durante catro anos a algúns deportistas que brillasen nos Xogos Olímpicos e nos campionatos de primeiro nivel.
Dedicou a súa vida ao deporte e era fácil velo nas pistas do Helmántico con máis de 70 anos adestrando deportistas. Na súa última etapa adestrou entre outros a Adrián Ingelmo, Ángel García, Saturnino González, David Berrocal, Pedro Ceballos e Elvis González. Tamén foi profesor do INEF, a facultade de ciencias do deporte, en Madrid.
Ademais da súa faceta estritamente deportiva, escribía artigos para El Adelanto, o xornal local.
Recoñecementos En 1968 recibiu en Salamanca a Medalla da Real Orde ao Mérito Deportivo de mans de Juan Antonio Samaranch. En 2007 recibiu a medalla de prata de mans do rei Xoán Carlos I, e en 2010 a medalla de ouro a título póstumo.
En Salamanca celébrase desde 1999 o Memorial Carlos Gil Pérez, un evento de atletismo. Tamén leva o seu nome a pista cuberta de La Aldehuela, unha vila nos arrabaldes de Salamanca.
Abusos En 2024 unha investigación do xornal El País publicou que dous antigos atletas foran vítimas de abusos sexuais por parte de Carlos Gil nas décadas de 1970 e 1980, mentres adestraban con el ou eran amigos de xente que adestraba con el. A mesma investigación tamén recolle testemuños doutros atletas que non sufriron abusos.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Nados en 1931 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Finados en 2009 Categoría:Medalla de Ouro da Real Orde do Mérito Deportivo Categoría:Atletismo en España Categoría:Adestradores de Galicia Categoría:Atletas de Galicia Categoría:Finados por cancro de pulmón