Edmundo Nóvoa de María, nado en Montevideo no século XIX, foi un futbolista e diplomático galego-uruguaio. Afeccionado a varios deportes, destacou especialmente no fútbol, xogando de defensa. Formou parte do Pontevedra Sporting Club dende a súa fundación, conquistou a Copa do Rei de 1908 co Madrid FC e foi internacional coa selección uruguaia nunha ocasión. Foi durante anos cónsul do Uruguai en Vilagarcía de Arousa. De ideoloxía republicana e galeguista, durante a guerra civil usou o seu consulado para protexer numerosas persoas da represión franquista, arranxando papeis para saír cara América e usando o seu coche con bandeira diplomática para transportar xente a través da fronteira con Portugal. Posteriormente foi cónsul no Porto e en Filadelfia.
Foi pai do pintor e escultor Leopoldo Nóvoa.
Traxectoria
Como futbolista Naceu en Montevideo, sendo fillo dos pontevedreses Edmundo Nóvoa Couto e Justina de María. Instalado en Salcedo dende novo, foi afeccionado a varios deportes como vela, esgrima ou tiro, e foi un dos grandes impulsores do fútbol na cidade. Formou parte do primeiro equipo do Pontevedra Sporting Club, co que xogou durante varios anos, facendo parella de defensas xunto a Alejandro Mon. En 1908, xunto ao seu compañeiro Cipriano Prada, reforzou ao Madrid FC para a disputa da Copa do Rei no estadio de O'Donnell de Madrid contra o Vigo FC, logrando a vitoria.
Selección uruguaia Foi internacional coa selección uruguaia nunha ocasión, en 1911, nun partido contra a Arxentina correspondente á Copa Premio Honor Argentino. Naquel partido, que acabou con vitoria arxentina por 2-0, formou na defensa xunto a Jorge Pacheco, Miguel Aphesteguy e Ramón Ríos.
Como diplomático Foi propietario dunha granxa avícola e en 1925 foi nomeado cónsul do Uruguai en Vilagarcía de Arousa. Tralo golpe de Estado de 1936 e a posterior guerra civil utilizou valeuse do seu consulado para protexer a numerosas persoas da represión franquista. Usou o seu vehículo con bandeira diplomática para cruzar persoas a través da fronteira portuguesa e arranxou papeis para sacar a outros por barco cara América. Foi expulsado de España e pasou a ser cónsul uruguaio no Porto, e máis tarde en Filadelfia.
Vida persoal Casou en 1914 con María de las Mercedes García Solís, filla do que fora alcalde de Pontevedra, Aquilino García Estévez. Tiveron varios fillos, un deles o pintor e escultor Leopoldo Nóvoa.
Palmarés Madrid FC Copa do Rei (1): 1908.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do futbolista no sitio web da Asociación Uruguaia de Fútbol .
Categoría:Nados en Montevideo Categoría:Nados no século XIX Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Finados en ano descoñecido Categoría:Galegos do Uruguai Categoría:Futbolistas do Uruguai Categoría:Futbolistas da provincia de Pontevedra Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Pontevedra Sporting Club Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Diplomáticos do Uruguai Categoría:Nacionalistas galegos