José Antonio Kast Rist, nado en Santiago de Chile o 18 de xaneiro de 1966, é un avogado e político chileno, Presidente de Chile dende marzo de 2026. Militante da Unión Demócrata Independente, primeiro, e, logo fundador do Partido Republicano, foi concelleiro, deputado e candidato á Presidencia de Chile en 2017, 2021 e 2025.

Traxectoria

Familia e mocidade Os seus pais, Miguel Kast Schindele, veterano da segunda guerra mundial e membro do Partido Nazi, e Olga Rist Hagspiel, emigraron a Chile dende Alemaña logo da segunda guerra mundial. É o menor dos dez fillos da parella, a familia falaba en alemán no fogar. Estudou no Colexio Alemán de Santiago e logo Dereito na Pontificia Universidade Católica de Chile, conseguindo ser avogado en 1990. Fundou o bufete Kast, Pinochet, De la Cuadra y cia. en 1989, no que se mantivo ata 2002, e dende 1991 é avogado ante a Corte Suprema. Ademais, foi docente de dereito civil e comercial na Facultade de Ciencias Económicas e Administrativas da Universidade Católica de Chile.

Varios dos seus irmáns ocuparon responsabilidades políticas. Destacan Miguel (1948-1983, ministro de Planificación e de Traballo, así como presidente do Banco Central de Chile durante o réxime de Pinochet) e Bárbara (concelleira en Paine). Tamén é tío de Felipe e Pablo Kast, deputados da formación Evolución Política.

Declárase católico practicante e pertence ao Movemento Apostólico de Schönstatt, como varios dos seus familiares. Casou en 1991 con María Pía Adriasola, con quen tivo nove fillos.

Inicios políticos Sendo alumno universitario comezou a súa militancia política: candidato á presidencia da Federación de Estudantes, foi membro do Centro de Alumnos da Escola de Dereito, onde coñeceu a Jaime Guzmán, asesor do réxime de Augusto Pinochet, quen o convidou a militar na Unión Demócrata Independente (UDI). En 1988 participou nun anuncio de televisión da campaña polo "si" de cara ao plebiscito dese ano sobre a continuidade do xeneral Augusto Pinochet á fronte da xefatura do Estado. O seu primeiro cargo público foi de concelleiro entre 1996 e 2000 na municipalidade de Buin na Rexión Metropolitana.

En 2001 foi electo por primeira vez deputado pola UDI representando o distrito 30 da Rexión Metropolitana de Santiago, sendo escollido sucesivamente ata 2014. Nesa convocatoria cambiou de distrito para ser electo por La Reina e Peñalolén, na cidade de Santiago de Chile. Durante estes anos, ademais de ser xefe do grupo da UDI en 2007, 2008 e 2011, logrou ser o secretario xeral do partido entre 2012 e 2014. En 2015 anunciou a súa intención de competir nas primarias do centro dereita contra Sebastián Piñera nas seguintes eleccións. Finalmente acabou por deixar a UDI en 2016 alegando diferenzas coa dirección do partido, manténdose na Cámara de Deputados como independente.

Campaña presidencial 2017 Presentouse ás eleccións presidenciais de 2017 sen o apoio dun partido político. Nun dos actos de campaña dixo defender "con orgullo a obra do goberno militar", en referencia ao réxime de Augusto Pinochet, e afirmou que as forzas de seguridade do Estado estaban sendo vítimas de persecucións. Tamén se pronunciou contra o aborto e o matrimonio entre persoas do mesmo sexo. Presentándose como o candidato máis á dereita do espectro político, logrou reunir o 7,9% dos votos, aínda que pediu o voto por Sebastián Piñera na segunda volta. O seu resultado foi o dobre do que estimaban as enquisas previas o que fixo que gañase grande notoriedade pública dende entón, sendo coñecido como "fenómeno Kast".

2018-2021 Logo disto, en abril de 2018 fundou unha plataforma política, Acción Republicana, e en decembro confesou a idea de presentarse ás eleccións presidenciais de 2021. En 2019, fundou o Partido Republicano e en xullo de 2021 proclamou a súa candidatura á xefatura do Estado. Foi moi crítico coa xestión do presidente Piñera en xeral e no relativo ás multitudinarias protestas de 2019 e o aumento da inseguridade na Araucanía en particular. Tamén votou contra a reforma da Constitución que se someteu a plebiscito en outubro de 2020, opción que sería derrotada.

Foi gañando apoios ata ser un dos favoritos para as eleccións de novembro de 2021, cando tivo lugar a primeira volta. Presentouse pola Fronte Social Cristiá, unha coalición formada polo seu Partido Republicano e o Partido Conservador Cristián. Durante a campaña, Kast incidiu na súa defensa da orde pública e dos valores tradicionais, así como no endurecemento da política de inmigración e un programa económico centrado no control da inflación e redución do peso do Estado. Acadou a primeira posición co 27,92% dos votos, mentres que o candidato da esquerda, Gabriel Boric, logrou quedar na segunda posición co 25,83%. José Antonio Kast triunfou tamén na maior parte das rexións, ao gañar en Arica e Parinacota, Tarapacá, O'Higgins, Maule, Ñuble, Biobío, Araucanía, Los Ríos, Los Lagos e Aysén. Destaca entre elas o resultado da Araucanía onde sumou o 42,6% dos votos fronte o 16,6% de Boric, onde se considera que rendibilizou a súa retórica dura contra a conflitividade mapuche. miniatura|Derradeiro debate nos comicios presidenciais de novembro de 2021, onde participaron 6 dos 7 candidatos. Os resultados supuxeron un troco importante en Chile, pois por primeira vez dende a fin do réxime de Pinochet os candidatos de centro dereita e centro esquerda non foron quen de pasar á segunda volta. De cara a ela, que se celebrará o 19 de decembro, Kast obtivo o apoio das forzas do centro-dereita chileno.

Durante a campaña da segunda volta fixo unha viaxe aos Estados Unidos mantendo unha reunión co senador estadounidense Marco Rubio e fixo fronte ás revelación de que seu pai, Michael Kast, fora militante nazi. Aínda que durante anos, José Antonio Kast negara esa vinculación, a principios de decembro varios medios publicaron o carné de afiliación do proxenitor de Kast no que se sinalaba que se integrara en 1942 no Partido Nacionalsocialista Alemán.

No serán do 19 de decembro de 2021, antes dunha hora e media logo do peche dos colexios electorais, José Antonio Kast recoñeceu a súa derrota fronte Gabriel Boric. Kast sumou o 44,13% dos votos fronte o 55,87 de Gabriel Boric, que foi electo xefe do Estado co maior número de votos ata ese momento. En xaneiro de 2022 comunicou a súa renuncia á presidencia do Partido Republicano, anunciando que centraría o seu traballo na Acción Republicana, unha plataforma aliñada con posicións políticas e sociais de dereitas.

Posicións políticas A súa formación política, o Partido Republicano é cualificado como "populista". Malia a que el se autodefine como de "dereitas", José Antonio Kast é catalogado como "ultradereitista" e de "extrema dereita" pola maioría de analistas. Cualificou a vitoria de Jair Bolsonaro como "a esperanza" do Brasil, tamén aprobou o indulto a Alberto Fujimori no Perú. Cultivou relacións cordiais con forzas ultraconservadoras como Vox en España e outros membros do partido de Conservadores e Reformistas Europeos.

É considerado como moi próximo ao pinochetismo, ao que algúns dos membros do seu movemento están moi vencellados ou sobre o que se manifestaron a favor. José Antonio Kast non se considera pinochetista, aínda que valora positivamente o goberno militar entre 1973 e 1990, e tamén en, 2020, aprobou o golpe de Estado do 11 de setembro de 1973 contra Salvador Allende. Aínda así, non nega a existencia de violacións de dereitos humanos durante ese período. Por estas posicións, durante a campaña da segunda volta de 2021, un grupo de persoeiros políticos e intelectuais de todo o mundo asinaron unha proclama na que cuestionaban a relación de José Antonio Kast co pinochetismo. Entre os asinantes destacan Noam Chomsky, Naomi Klein, Yanis Varoufakis, Ada Colau e o galego Antón Gómez-Reino.

Acusado de homofobia en diversas ocasións, rexeita esa cualificación, aínda que afirma que existe unha "ditadura gai" que intenta dirixir Chile. Tampouco é favorable ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo, algo que si apoian algúns partidos do centro dereita chileno, razón polo que na campaña da segunda volta afirmou que se é aprobado polo parlamento, non impediría a súa ratificación. Tamén, como deputado, expresou as súas reservas coa a lexislación sobre persoas transxénero e os anticonceptivos. Ademais, é contrario ao aborto e á súa autorización parcial en Chile.

Durante a campaña de 2021 tamén houbo controversia por se Kast era negacionista do cambio climático e sobre as súas propostas enerxéticas e medioambientais. Posteriormente, afirmou que non nega o cambio climático e que está en contra da construción de novas centrais termoeléctricas, contradicindo o seu propio programa electoral.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Páxina web da campaña presidencial de José Antonio Kast Ficha na Biblioteca do Congreso Nacional de Chile

Categoría:Nados en 1966 Categoría:Políticos de Chile Categoría:Nados en Santiago de Chile Categoría:Chilenos de ascendencia alemá Categoría:Alumnos da Pontificia Universidade Católica de Chile