Dora Özer, nada en Çanakkale, 1988/1989 e finada en Kuşadası, provincia de Aydın, o 9 de xullo de 2013, foi unha prostituta transexual turca. Asasinada apenas dous días antes que a sueca Eva Marree Kullander Smith en 2013, a morte de Özer suscitou unha onda mundial de protestas contra a violencia contra as traballadoras sexuais e as persoas trans, e en pro da despenalización completa do traballo sexual.
Traxectoria Dora Özer naceu co nome de Hüseyin Uğur Özer en Çanakkale, unha pequena cidade xunto a estreito dos Dardanelos. Con 18 ou 19 anos, fuxiu da casa e mudouse cara Esmirna, onde, dadas as dificultades para achar traballo provocadas pola percepción social da súa identidade de xénero, comezou a exercer o traballo sexual. Debido ao ambiente opresivo contra as prostitutas en Esmirna nese momento, Dora mudaríase de novo, pouco despois, a Kuşadası, unha cidade turística na costa do mar Exeo. Aí permanecería durante varios anos e comezaría unha nova vida, sen perder o contacto cos seus seres queridos doutras localidades. Se ben ao marchar da casa familiar tivera problemas cos seus parentes, no momento da súa morte arranxara xa a relación coa súa familia.
Asasinato Dora Özer foi asasinada por apuñalamento aos seus 24 anos o 9 de xullo de 2013, na súa casa de Kuşadasi. O seu corpo foi encontrado sobre as 19:00 dese día pola súa compañeira de piso, outra muller trans identificada soamente como Hande. O seu cadáver presentaba feridas de arma branca en catorce lugares distintos do seu corpo.
O asasino de Dora, identificado como Serdar Ö, un panadeiro de Kuşadasi de 22 anos, foi detido ás 10:00 AM do día seguinte. Tendo sido identificado mediante gravacións con cámaras de seguridade e polas declaracións de testemuñas, a policía levou a cabo unha redada na súa casa, onde acharon o bolso, o teléfono móbil e o ordenador portátil de Dora. Serdar Ö. confesou o crime nun primeiro interrogatorio, explicando que el era un cliente de Dora, coa que discutiu tras teren tido relacións sexuais, e á que matou tras a discusión. Despois do interrogatorio, Serdar Ö. foi trasladado ao Pazo de Xustiza de Kuşadasi, e máis tarde á prisión de Söke.
O corpo de Özer foi levado ao Hospital Estatal de Kuşadasi para a realización da autopsia. Os seus amigos e familia levaron de volta os seus restos a Kuşadasi, e, tras o oficio dunha pregaria fúnebre na Mesquita Hanım, enterrárona no cemiterio de Adalızade.
Repercusións O asasinato de Özer, xunto co de Kullander Smith, xerou unha grande onda de protestas a nivel mundial, que implicaron manifestacións de traballadoras sexuais en 36 cidades ante as embaixadas de Suecia e Turquía o 19 de xullo. Se ben, a organización coordinadora de ditas manifestacións foi o Comité Internacional polos Dereitos das Traballadoras Sexuais de Europa, as manifestacións mesmas foron levadas a cabo por organizacións locais de persoas LGBT e traballadoras sexuais.
A Rede Global de Proxectos de Traballo Sexual criticou a relación entre o asasinato de Özer e a regulación da prostitución en Turquía. Nese país, as prostitutas só poden traballar en bordeis legalmente autorizados, sendo aquelas que traballan por conta propia (ilegalmente) especialmente vulnerábeis, ao ter que traballar en contornos de alto risco. Pye Jakobsson e Carol Leigh manifestáronse en contra do estigma das prostitutas no seu vídeo Jasmine and Dora 4-Ever.
Dentro de Turquía, o asasinato de Özer provocou manifestacións o venres 12 de xullo en Istanbul, Ankara, Esmirna, Mersin, Adana, Diyarbakır e Eskişehir. En Istanbul, a policía impediu aos manifestantes chegar á Praza Taksim. Perante a morte de Dora, o activista Kemal Iffetsiz Asyu Ayrikotu, presidente da asociación turca polos dereitos das traballadoras sexuais Red Umbrella Sexual Health and Human Rights Association, destacou nunha entrevista a motivación tanto transfóbica como putofóbica do seu asasinato, e criticou a desprotección das traballadoras sexuais turcas e a esaxerada asociación dada na Turquía actual ao pretender que as mulleres trans son prostitutas por definición. A pesar da presión exercida por activistas LGBT, o Ministerio de Familia e Políticas Sociais de Turquía negouse a facer comentarios referentes á morte de Özer.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Hande Kader Eva Marree Kullander Smith
Categoría:Nados en ano descoñecido Categoría:Finados en 2013 Categoría:Prostitutos Categoría:Persoas trans