José Enrique "Sito" Seoane Vergara, nado en Miami o 16 de marzo de 1989, é un exfutbolista galego-estadounidense, que xogaba como dianteiro. Despois de destacar no Laracha, desenvolveu a maior parte da súa carreira deportiva nos Estados Unidos, no Canadá e en Islandia.
Traxectoria Seu pai, Julio Seoane, natural de Carral, emigrou con 13 anos aos Estados Unidos e rexentou en Queens un bar, unha discoteca e un taller. Alí coñeceu a Elizabeth Vergara, unha emigrante colombiana coa que casou e tivo tres fillos, un deles José Enrique, que naceu en 1989, cando a familia estaba instalada en Miami. En 1992 o furacán Andrew esnaquizou dúas casas da familia, e esta decidiu trasladarse a Galicia, estabelecéndose na parroquia de Vigo, en Carral.
Criado en Galicia dende entón, entre Carral e Betanzos, formouse como futbolista nas canteiras do Marino CF de Mera, o Montañeros e o Maravillas, e xogou co Eirís na Segunda Autonómica. Pasou en 2009 ao Laracha de Preferente, onde tivo como adestradores a Javier Bardanca e José Luis Lemos. Trala chegada ao banco de Manuel Mosquera, este probouno como segundo dianteiro, e marcou 23 goles nas primeiras 28 xornadas da tempada 2011/12, liderando naquel momento a táboa de goleadores da categoría. Pero nese momento e animado por Mosquera, decidiu aceptar unha bolsa para estudar e xogar nos Estados Unidos, no San Jacinto College de Houston. En 2013 pasou a xogar co Austin Aztex, co que gañou o título da USL PDL, a cuarta categoría do país, sendo un dos xogadores de referencia do equipo. Marcou un gol nas semifinais e dous na final contra o Thunder Bay Chill, sendo elixido mellor xogador da final.
En 2014 realizou a pretempada co Houston Dynamo da MLS, a máxima categoría estadounidense, pero acabou sendo descartado trala fichaxe de DaMarcus Beasley. Xogou entón un ano co equipo da Southern New Hampshire University, onde acabou a súa carreira de Empresariais, e a continuación regresou a Europa.
En 2015 recibiu unha oferta para xogar nun equipo da segunda división de Dinamarca, pero case ao mesmo tempo recibiu outra para militar no ÍBV da Úrvalsdeild Karla, a máxima categoría de Islandia. Tras unha tempada en Vestmannaeyjar, trasladouse á capital do país, Reiquiavik, para xogar no Fylkir, co que acabou descendendo ao remate da campaña 2016.
A continuación mudouse ao Canadá, fichando polo Ottawa Fury da United Soccer League. Alí tivo como adestradores a Paul Dalglish, fillo do histórico Kenny Dalglish, e a Julián de Guzmán, e foi o segundo máximo goleador do equipo na tempada 2017, con sete goles. Comezou a tempada 2018 co equipo canadense, pero deixou o equipo en maio para regresar ao fútbol islandés, fichando polo Grindavík.
O 19 de decembro de 2018 asinou contrato co Chattanooga Red Wolves, club que se acababa de fundar en Chattanooga, Tennessee, e que competiría na seguinte tempada na USL League One. Apenas dispuxo de minutos na primeira parte da tempada, lastrado por unha lesión nun nocello, pero a situación mudou na segunda metade da campaña, facéndose coa titularidade e acabando o ano con 7 goles en 28 partidos. En 2020 volveu ao fútbol islandés, fichando de novo polo ÍBV, que viña de descender á 1. deild karla, segunda división islandesa. Na tempada 2021 foi o terceiro máximo goleador da liga, con 13 goles, contribuíndo ao ascenso do seu equipo de novo á Úrvalsdeild Karla.
Durante a tempada 2022 competiu na máxima división da illa nórdica e trala fin do campionato regresou a Galicia, onde fichou polo Bergantiños, da Segunda División RFEF. Debutou co club carballés en febreiro de 2023, nun partido ante o Avilés no estadio Román Suárez Puerta, e disputou un total de 12 partidos ata que o seu equipo pechou a tempada co descenso a Terceira. A continuación volveu de novo ao fútbol islandés, fichando polo KF Fjallabyggðar. Alí marcou oito goles en 11 partidos da 2. deild karla, a terceira división do país.
No mercado invernal de 2024 regresou de novo a Galicia, fichando polo Betanzos, da Terceira División RFEF. No conxunto betanceiro disputou un total de 15 partidos, anotando un gol ante o Silva. Na tempada 2024/25 militou no Carral, da Primeira Galicia.
A continuación deixou o fútbol e regresou a Miami para traballar como representantes de Estrella Galicia nos Estados Unidos.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
Datos do xogador na USL League One . Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en Soccerway .
Categoría:Nados en 1989 Categoría:Nados en Miami, Florida Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Estadounidenses de ascendencia galega Categoría:Estadounidenses de ascendencia colombiana Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Futbolistas dos Estados Unidos de América Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Xogadores do Laracha CF Categoría:Xogadores do Austin Aztex Categoría:Xogadores do Íþróttabandalag Vestmannaeyja Categoría:Xogadores do Fylkir Reykjavík Categoría:Xogadores do Ottawa Fury FC Categoría:Xogadores do UMF Grindavík Categoría:Xogadores do Chattanooga Red Wolves SC Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Xogadores do Betanzos CF