María Luz Loureiro García, nada na Pontenova en 1972, é unha economista e catedrática no Departamento de Fundamentos de Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela.
Traxectoria Licenciada en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela, cun máster e doutoramento pola Washington State University (EUA). Anteriormente foi profesora na Universidade Estatal de Colorado (EUA) e profesora visitante na Universidade Carlos III de Madrid, volvendo á USC da man do Programa Ramón y Cajal en 2004, onde agora é catedrática.
O seu campo de especialización é a economía ambiental e dos recursos naturais, e é a directora científica de Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS, integrado por investigadores das tres universidades galegas no eido das ciencias sociais. Realizou unha avaliación do impacto ambiental e económico do afundimento do petroleiro Prestige, presentada como informe pericial pola Fiscalía na Audiencia Provincial da Coruña no ano 2013 e posteriormente ratificada no fallo do Tribunal Supremo, no ano 2016. En 2022 declarou nunha entrevista: "A Universidade debera ser un dos lugares máis paritarios do mundo, no senso de que as boas ideas téñenas tanto homes coma mulleres. Agora ben, as implementacións das ideas parece estar máis apoiada cara os homes que cara as mulleres e iso é certo".
Distincións
En 2022 ingresou como académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias na sección de Ciencias Económicas e Sociais. É membro da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega.
En 2024 a Unidade da Muller e da Ciencia da Xunta de Galicia concedeulle o Premio María Josefa Wonenburger Planells.
Notas
Categoría:Catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Economistas de Galicia Categoría:Nados na Pontenova Categoría:Nados en 1972 Categoría:Membros da Real Academia Galega das Ciencias