Victoriano Suárez Montero, coñecido como Picho, nado en Redondela o 29 de setembro de 1930 e finado no Brasil en 2015, foi un futbolista e adestrador galego que xogaba como interior dereito.
Traxectoria
Como futbolista Comezou a xogar ao fútbol en varios equipos modestos de Vigo, como o Rápido de Bouzas, o Deportivo Castro, o Deportivo Bouzas ou o Casablanca. Na tempada 1949/50 xogou co Berbés na Terceira División.
En 1950 fichou polo Celta de Vigo, que o cedeu á Ximnástica Lucense, club que iniciaba a súa segunda tempada na Segunda División. Debutou na categoría de prata nun encontro fronte ao Zaragoza, formando na dianteira xunto a Borbolla, Benito, Herráez e Roig. Foi titular durante a maior parte da tempada, sumando 23 partidos e 5 goles. De regreso ao Celta, este volveuno ceder para a tempada 1951/52, desta vez ao Pontevedra adestrado por Yayo, que militaba na Terceira División. No club pontevedrés marcou 10 goles en 21 partidos.
A continuación realizou o servizo militar e ao rematar militou no Atlético Guardés, da Serie A rexional, e no Turista. En xaneiro de 1954 fichou polo Racing de Ferrol, regresando así á Segunda División. Debutou con dous goles contra o Avilés no Inferniño e disputou de 13 partidos ata o final da tempada, marcando un total de 5 goles. En 1954 asinou co Hércules, da Primeira División. Debutou na máxima categoría nun encontro ante o Celta de Vigo en Balaídos, e xogou un total de 7 encontros de Primeira, marcándolle un gol ao Espanyol en Sarrià. Marcoulle tamén un gol a Carmelo Cedrún nos cuartos de final da Copa do Xeneralísimo, nos que o seu equipo caeu eliminado contra o Athletic Club.
En 1955 marchou a Portugal, onde ingresou nas filas do Covilhã. Alí realizou a mellor tempada da súa carreira deportiva, anotando 21 goles en 24 partidos, e rematando na terceira posición na táboa de máximos goleadores da liga portuguesa, só por detrás de José Águas e Jaburú. O equipo rematou a liga na quinta posición. Na seguinte tempada conseguiu 18 goles, o que o colocou no cuarto posto dos máximos goleadores da liga, pero o equipo acabou descendendo á Segunda División. Disputou ademais a final da Copa de Portugal, onde perdeu contra o Benfica de José Águas e Mário Coluna.
Para a tempada 1957/58 fichou polo Belenenses, onde tivo como adestrador ao célebre Helenio Herrera. Marcou 4 goles en 10 partidos, nun equipo no que xogaban entre outros os mozambicanos Vicente Lucas e Matateu, e acabou a liga no cuarto lugar. En marzo regresou a Galicia para fichar polo Ourense, co que debutou con dous tantos nunha goleada por 6-0 fronte ao Lemos no Couto. Disputou os restantes partidos da tempada e a fase de ascenso a Segunda, onde o equipo se enfrontou ao Deportivo da Coruña, caendo eliminado por un global de 4-1, sendo Picho o autor do único gol ourensán.
A continuación volveu ao Covilhã, de novo en Primeira, onde realizou dúas destacadas tempadas, con 15 goles en cada unha delas, e finalmente unha terceira tempada con números máis baixos debido a unha lesión. Tralo remate da tempada 1960/61, realizou unha proba para entrar no Lugo, pero foi insatisfactoria e regresou a Portugal, onde foi xogador-adestrador no CD Beja, da Segunda División. Máis tarde estableceuse definitivamente en Galicia, onde xogou durante uns anos ao fútbol praia antes de dedicarse plenamente á labor de adestrador.
Como adestrador En 1971 comezou a adestrar o Lemos, na Terceira División, ao que dirixiu durante dous anos, conseguindo en ambos a permanencia. En 1974 fichou como novo adestrador da SD Compostela, que militaba na Serie A rexional. Estivo á fronte do equipo durante 9 meses ata que en marzo de 1975 foi destituído, o que provocou unha crise no club e a dimisión de membros da directiva, que non estaban de acordo co seu despedimento.
A continuación regresou ao Lemos, ao que dirixiu durante a tempada 1975/76, antes de recalar no Estradense. Na tempada 1977/78 adestrou o Turista en Terceira, aínda que non conseguiu rematar a campaña, sendo cesado en marzo de 1978. En novembro do mesmo ano colleu as rendas do Sporting Celanova, tamén de Terceira, en substitución de Luis Soria, pero non conseguiu salvar a categoría.
Pouco despois emigrou ao Brasil, onde faleceu en 2015.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en zeroazero.pt .
Categoría:Nados en 1930 Categoría:Nados en Redondela Categoría:Finados en 2015 Categoría:Futbolistas de Redondela Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Club Berbés Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Xogadores do SC Covilhã Categoría:Xogadores do CF Os Belenenses Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Club Lemos Categoría:Adestradores da SD Compostela Categoría:Adestradores do CD Estradense Categoría:Adestradores do Celta de Vigo B Categoría:Adestradores do Sporting Celanova Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Xogadores da Sociedade Ximnástica Lucense