Mark Freuder Knopfler, nado o 12 de agosto de 1949, é un cantante, compositor, guitarrista e produtor musical británico. Nado en Escocia e criado en Inglaterra, foi o guitarrista principal, cantante e compositor da banda de rock Dire Straits. Dedicouse á súa carreira en solitario tras a disolución da banda en 1988. Dire Straits reuniuse de novo en 1990, mais disolveuse outra vez en 1995; Knopfler agora é un artista independente.

Naceu en Glasgow, Escocia, e foi criado en Blyth, preto de Newcastle, en Inglaterra, desde que tiña sete anos. Após se graduar na Universidade de Leeds e traballar durante tres anos de profesor universitario, Knopfler fundou Dire Straits co seu irmán máis novo, David Knopfler. A banda gravou seis álbums, incluíndo Brothers in Arms (1985), un dos discos máis vendidos da historia. Despois de se disolver en 1995, Knopfler empezou unha carreira en solitario e ten producido nove álbums. Ten composto e producido bandas sonoras para nove filmes, incluíndo Local Hero (1983), Cal (1984), The Princess Bride (1987), Wag the Dog (1997) e Altamira (2016). Ten producido álbums para Tina Turner, Bob Dylan e Randy Newman.

Descrito por Classic Rock como un virtuoso, Knopfler é un guitarrista de fingerstyle e foi colocado no cuadraxésimo cuarto posto na listaxe dos cen mellores guitarristas da historia da revista Rolling Stone. En 2009 el e Dire Straits venderan máis de 120 millóns de discos. Gañador de catro premios Grammy, Knopfler foi galardoado co premio Edison, o premio Steiger e o premio Ivor Novello, ademais de lle seren outorgados tres doutorados honorarios en música por universidades no Reino Unido. Knopfler foi admitido no Salón da Fama do Rock como membro de Dire Straits en 2018.

Xuventude (1949—1976) Mark Freuder Knopfler naceu o 12 de agosto de 1949 en Glasgow, Escocia, de nai inglesa, Louisa Mary (Laidler de solteira) e de pai xudeu húngaro, Erwin Knopfler. A súa nai era mestra e o seu pai era un arquitecto e xogador de xadrez que deixou a súa Hungría natal en 1939 para escapar dos nazis. Knopfler describiu máis tarde o seu pai como un marxista agnóstico.

A familia Knopfler viviu na área de Glasgow onde naceu David, o irmán novo de Mark, o 27 de decembro de 1952. A irmá vella de Mark, Ruth, naceu en Newcastle, onde casaron os seus pais en 1947. A familia mudouse a Blyth, a cidade natal da nai de Knopfler, preto de Newcastle, no Nordeste de Inglaterra, cando el tiña sete anos. Mark foi á escola primaria de Bearsden en Escocia durante dous anos; ambos irmáns foron ao instituto Gosforth en Newcastle.

Inspirado inicialmente pola harmónica do seu tío Kingsley e o estilo de piano boogie-woogie, Mark familiarizouse rapidamente con moitos estilos musicais. A pesar de lle insistir ao seu pai para que lle comprara unha cara guitarra eléctrica Fender Stratocaster Fiesta Red como a de Hank Marvin, tivo que conformarse cunha Höfner Super Solid de duplo captador de 50£, máis acorde cos ingresos familiares.

En 1963, cando tiña 13 anos, aceptou un traballo os sábados no xornal Evening Chronicle de Newcastle por seis xilins con seis peniques. Alí coñeceu o vello poeta Basil Bunting, quen era editor do xornal. Os dous tiñan pouco que dicirse entre eles, mais en 2015 Knopfler escribiu unha canción no seu honor.

Nesta época Knopfler viaxou polo país maiormente á bolea, ademais de facelo tamén por Europa unhas cantas veces.

Na década de 1960 formou e uniuse a varias bandas e escoitaba música como a do Elvis Presley e a de guitarristas como Chet Atkins, Scotty Moore, B.B. King, Django Reinhardt, Hank Marvin e James Burton. Con dezaseis anos fixo unha aparición na televisión local como parte dun dúo harmónico coa súa compañeira de aula Sue Hercombe.

En 1967, após estudar Periodismo durante un ano no Harlow College, Knopfler foi contratado como reporteiro novel en Leeds para o Yorkshire Evening Post. Nesta etapa coñeceu un restaurador de mobles local, entusiasta do country blues e intérprete a media xornada Steve Phillips, un ano máis vello ca el, de cuxa colección de discos e estilo de tocar a guitarra Knopfler adquiriu un enorme coñecemento dos primeiros artistas de blues e os seus estilos. Os dous formaron un dúo chamado The Duolian String Pickers e tocaron en sitios locais de folk e blues acústico. Dous anos despois Knopfler decidiu ampliar a súa educación e graduouse máis tarde en Inglés na Universidade de Leeds. En abril de 1970, mentres vivía en Leeds, gravou a demo dunha canción orixinal súa, "Summer's Coming My Way". A gravación contaba con Knopfler (guitarra e voz), Steve Phillips (segunda guitarra), Dave Johnson (baixo) e Paul Granger (percusión). Johnson, Granger e o vocalista Mick Dewhirst tocaron con Knopfler nunha banda chamada Silverheels; Phillips uniríase máis tarde a Knopfler de novo no efémero proxecto paralelo a Dire Straits The Notting Hillbillies.

Despois de se graduar en 1973, Knopfler mudouse a Londres e uniuse a unha banda de High Wycombe chamada Brewers Droop, participando no álbum The Booze Brothers. Unha noite, mentres estaba con amizades, só había dispoñíbel unha vella guitarra acústica co brazo moi cambado e con cordas moi finas para poder ser tocada. Aínda así, só foi capaz de tocala cos dedos, desenvolvendo así o seu particular estilo de tocar. Nunha entrevista posterior dixo que «Aí foi cando atopei a miña "voz" na guitarra». Tras un curto período con Brewers Droop, Knopfler aceptou un traballo como profesor no Loughton College en Essex, posto que mantivo durante tres anos. Durante este tempo continuou a tocar con bandas de pubs locais, incluíndo Café Racers.

A mediados da década de 1970, Knopfler concentrou moitos dos seus esforzos musicais no seu grupo Café Racers. O seu irmán mudouse a Londres, onde compartía un piso con John Illsley, un guitarrista que se cambiara ao baixo. En abril de 1977, Mark marchou do seu piso en Buckhurst Hill e mudouse con David e John. Os tres comezaron a tocar música xuntos e Mark convidou rapidamente a John a se unir a Café Racers.

Carreira

Dire Straits (1977–1995) As primeiras demos de Dire Straits foron gravadas en tres sesións en 1977, con David Knopfler de guitarrista rítmico, John Illsley de baixista e Pick Withers de batería. O 27 de xullo de 1977 gravaron en cinta as demos de cinco cancións: "Wild West End", "Sultans of Swing", "Down to the Waterline", "Sacred Loving" (unha canción de David Knopfler) e "Water of Love". Máis tarde gravaron "Southbound Again", "In the Gallery" e "Six Blade Knife" para BBC Radio London e, finalmente, o 9 de novembro fixeron as demos de "Setting Me Up", "Eastbound Train" e "Real Girl". Moitas destas cancións baseábanse nas experiencias de Knopfler en Newcastle, Leeds e Londres, e foron incluídas no seu primeiro álbum, o epónimo Dire Straits, sacado á venda o ano seguinte."Down to the Waterline" lembraba imaxes da vida en Newcastle; "In the Gallery" é un tributo a un artista e escultor de Leeds chamado Harry Phillips (pai de Steve Phillips); e "Lions", "Wild West End" e "Eastbound Train" foron tiradas dos primeiros días de Knopfler na capital inglesa.

No lanzamento inicial, o álbum Dire Straits foi recibido con pouco entusiasmo no Reino Unido, mais cando "Sultans of Swing" foi publicada como un sinxelo converteuse un éxito nos Países Baixos e as vendas do disco disparáronse, primeiro por Europa e despois nos Estados Unidos e no Canadá e, finalmente, no Reino Unido. O segundo álbum do grupo, Communiqué, producido por Jerry Wexler e Barry Beckett, seguiuno en 1979.

O seu terceiro álbum, Making Movies, lanzado en 1980, moveuse cara a uns arranxos e unha produción máis complexa, o cal continuou durante a carreira restante da banda. O álbum incluíu moitas das composicións máis persoais de Mark Knopfler, especialmente "Romeo and Juliet" e "Tunnel of Love".

Houbo cambios frecuentes na formación da banda tras Making Movies, con Mark Knopfler, John Illsley e o teclista Alan Clark como únicos membros constantes.

O seguinte álbum de estudio foi Love Over Gold, publicado en 1982. Este contén as cancións "Private Investigations", "Telegraph Road", "Industrial Disease", "It Never Rains" e "Love Over Gold", a cal dá nome ao álbum.

Con Love Over Gold aínda nas listaxes clasificatorias de discos, a banda lanzou un EP de catro cancións titulado ExtendedancEPlay a comezos de 1983. Incluíndo o exitoso sinxelo "Twisting by the Pool", esta foi a primeira produción da banda que contou co novo batería Terry Williams, quen anteriormente fixera parte de Rockpile e de Man e que substituíu a Pick Withers en novembro de 1982. A seguir tivo lugar a xira de oito meses Love over Gold Tour, a cal rematou con dous concertos coas entradas esgotadas no Hammersmith Odeon londiniense os días 22 e 23 de xullo de 1983. En marzo de 1984 foi lanzado o duplo álbum Alchemy Live, o cal recolle as gravacións destas dúas actuacións finais. Tamén foi publicado en VHS e chegou ao número tres na UK Albums Chart, alén de ser reeditado en formato DVD e Blu-Ray no 2010.

Durante 1983 e 1984, Knopfler estivo tamén involucrado en outros proxectos como escribir e producir a banda sonora do filme Local Hero, a cal foi un grande éxito e foi seguida en 1984 polas súas composicións para os filmes Cal e Comfort and Joy. Durante esta época tamén produciu o álbum Infidels de Bob Dylan, así como Knife de Aztec Camera. Tamén escribiu a canción "Private Dancer" para o álbum homónimo de regreso de Tina Turner. Aparece tamén canción "She Means Nothing to Me" de Phil Everly e Cliff Richard, incluída no álbum Phil Everly de 1983.

O quinto disco de estudio de Dire Straits, Brothers in arms, foi o máis exitoso con diferenza, gravado nos Air Studios de Montserrat e lanzado en maio de 1985. Converteuse nun éxito de vendas internacional que xa leva vendidas máis de 30 millóns de copias en todo o mundo, sendo o cuarto álbum máis vendido na historia das listaxes británicas. Brothers in Arms figurou en varias listaxes de sinxelos, incluíndo o número 1 nos Estados Unidos "Money for Nothing", cuxo vídeo foi o primeiro en ser retransmitido na MTV británica. Foi tamén o primeiro compact disc en vender un millón de copias e acredítaselle a introdución do formato CD, xa que tamén foi un dos primeiros CD tipo DDD xamais lanzados. Outros sinxelos de éxito foron "So Far Away", "Walk of Life" e a canción que dá título ao álbum. A banda embarcouse entre 1985 e 1986 na xira mundial Brothers in Arms, con máis de 230 concertos de moi alta asistencia.

Após isto, Dire Straits parou de traballar durante un tempo, xa que Knopfler se concentrou principalmente nas bandas sonoras. Uniuse ao grupo benéfico Ferry Aid en "Let It Be" a raíz do desastre do transbordador de Zeebrugge. A canción alcanzou o número 1 nas listaxes de sinxelos do Reino Unido en marzo de 1987. Knopfler escribiu a banda sonora para o filme A princesa prometida, lanzado a finais de 1987.

Mark Knopfler tamén fixo parte nun número cómico do programa French and Saunders titulado The Easy Guitar Book Sketch ('a sátira do libro de tablaturas') co cómico Rowland Rivron e colegas como David Gilmour, Lemmy, Mark King e Gary Moore. Phil Taylor explicou nunha entrevista que Knopfler usou o equipo de Gilmour e conseguiu o seu son persoal cando tocou no número.

Dire Straits uniuse de novo o 11 de xuño de 1988 para a homenaxe ao 70.º aniversario de Nelson Mandela, un concerto que tivo lugar no estadio de Wembley e que eles mesmos encabezaron, acompañados de Elton John e Eric Clapton, sendo este último xa un grande amigo de Knopfler para aquel momento. Pouco tempo despois, o batería Terry Williams deixou a banda. En 1988, Mark Knopfler anunciou a disolución oficial de Dire Straits, alegando que "necesitaba un descanso". En outubro de 1988 foi lanzado un disco de recompilación, Money for Nothing, chegando ao número un no Reino Unido.