Victor Frederick Buckingham, coñecido como Vic Buckingham, nado en Greenwich o 23 de outubro de 1915 e finado en Chichester o 26 de xaneiro de 1995, foi un futbolista e adestrador inglés. Desenvolveu toda a súa carreira como futbolista no Tottenham Hotspur, na segunda división inglesa. Como adestrador gañou a FA Cup de 1954 co West Bromwich Albion, co que ademais acabou subcampión da liga esa mesma tempada. Adestrou durante dous períodos o AFC Ajax, levando o equipo a gañar a Eredivisie de 1960 e facendo debutar en 1964 a Johan Cruyff. En 1971 gañou a Copa do Xeneralísimo co FC Barcelona e foi subcampión de liga. Tamén pasou polos bancos do Fulham FC, o Sheffield Wednesday e de varios equipos gregos. Está considerado como un pioneiro da filosofía futbolística coñecida como fútbol total, que posteriormente desenvolveu o seu pupilo Johan Cruyff.
Traxectoria Entrou no Tottenham Hotspur en 1934 e xogou a primeira tempada no filial deste, o Northfleet United. Na seguinte campaña debutou co primeiro equipo na Segunda División, onde acumulou durante os seguintes anos 230 partidos, primeiro como centrocampista defensivo e máis tarde como defensa.
Comezou a súa carreira como adestrador na Universidade de Oxford entre 1949 e 1950. A continuación dirixiu o equipo de afeccionados conxunto das universidades de Oxford e Cambridge, o Pegasus. Con este equipo gañou en 1951 a FA Amateur Cup, derrotando ao Bishop Auckland na final por 2-1, ante unha multitude de 100.000 persoas no estadio de Wembley. Entre 1951 e 1953 dirixiu o Bradford Park Avenue.
En 1953 foi contratado polo West Bromwich Albion como substituto de Jesse Carver que regresou a Italia. Gañou a FA Cup en 1954, derrotando na final ao Preston North End de Tom Finney por 3-2, e estivo a piques de sumar un segundo título esa mesma tempada, ao acabar segundo na liga.
En 1959 converteuse no adestrador do Ajax de Ámsterdam, co que gañou a Eredivisie 1959/60. Por motivos persoais deixou o club a finais de maio de 1960, un par de semanas antes de rematar a tempada 1960/61.
A continuación fichou polo Sheffield Wednesday, subcampión do campionato inglés 1960/61, onde substituíu a Harry Catterick. Adestrou o Wednesday ata o seu despedimento en 1964, obtendo tres sextos postos consecutivos na liga.
Para a tempada 1964/65 regresou ao Ajax, onde o seu único éxito foi facer debutar a Johan Cruyff. Por outra banda, os malos resultados, incluída unha derrota por 4-9 en Rotterdam ante o Feyenoord, fixeron que o Ajax caese preto da zona de descenso. Foi substituído por Rinus Michels.
De regreso a Inglaterra, uniuse ao Fulham FC de Londres a metade da tempada 1964/65. Adestrou o club ata 1968, cando acabou descendendo.
Despois dunha breve etapa en Grecia foi contratado en 1969 polo FC Barcelona. Co club catalán gañou a Copa do Xeneralísimo 1970/71, tras derrotar por 4-3 na prórroga da final ao Valencia. Esa mesma tempada o Barcelona foi subcampión da liga, por detrás do propio Valencia, despois de rematar empatados a puntos. Foi de novo substituído por Rinus Michels.
En febreiro de 1972 foi contratado polo Sevilla FC para tentar evitar o descenso, pero non o conseguiu. Despois volveu a Grecia, onde se converteu no adestrador do Olympiacos, co que acabou terceiro na liga. O seu último traballo como adestrador foi co AS Rodos, equipo tamén da primeira división grega, e co que non puido conseguir a permanencia.
Vida persoal Era fillo de Annie Elizabeth Jenkins e William George Buckingham. Casou con Lilian Emma King e tivo tres fillos. Morreu aos 79 anos en Chichester.
Palmarés West Bromwich Albion
FA Cup (1): 1954.
Ajax
Eredivisie (1): 1959/60.
Barcelona
Copa do Xeneralísimo (1): 1970/71.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en BDFutbol .
Categoría:Nados en Greenwich Categoría:Nados en 1915 Categoría:Finados en 1995 Categoría:Futbolistas de Inglaterra Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Tottenham Hotspur FC Categoría:Adestradores de fútbol de Inglaterra Categoría:Adestradores do West Bromwich Albion FC Categoría:Adestradores do AFC Ajax Categoría:Adestradores do Fulham FC Categoría:Adestradores do FC Barcelona Categoría:Adestradores do Sevilla FC Categoría:Adestradores do Olympiakos FC