Henrique Peón Mosteiro, ou Quique Peón, nado na Coruña o 1 de novembro de 1963, é un bailador, investigador e divulgador do folclore tradicional galego.
Traxectoria esquerda|miniatura|Un momento do espectáculo Ovay de Quique Peón Cía. Iniciouse na música e no baile tradicional galego con só 14 anos, no ano 1978. Naquela data formou, canda outras persoas ligadas ao mundo do folclore da Coruña, a Asociación Cultural Xacarandaina. O grupo creouse con directores e bailes procedentes dos Coros e Danzas franquistas. Cando no 1982 Quique Peón asumiu o cargo de director artístico, viuse na necesidade de diferenciar o repertorio da agrupación, pois os coros de danzas continuaban existindo.
Comezou daquela, un intenso labor de recollas de novos materiais polo rural galego. Estes traballos de campo, comezados naquel altura, continúan a día de hoxe e, froito dos mesmos, o seu arquivo persoal e o de Xacarandaina, atesouran unha gran cantidade de bailes e melodías, moitas aínda inéditas.
As músicas e bailes recuperados foron adaptados e levados aos escenarios por Quique Peón e Xacarandaina, ao longo dos anos, en actuacións por todo o mundo. Con el creáronse tamén unha serie de grandes espectáculos etnográficos: Costumes e saberes dun pobo, Unha viaxe por noutrora, Ribeirana, Atruto, Dengue, Camiño do Sul, Galicien Amerika Line, Patrimonio Inmaterial.
No ano 2007 iniciou un achegamento ao mundo da danza contemporánea, colaborando co Centro Coreográfico Galego na obra O Kiosco das almas perdidas. No ano seguinte formou a súa propia compañía: Quique Peón Cía, coa que produciu diferentes obras nas que mestura o baile tradicional e a danza moderna: Ovay (2008), Aléndacroa (2010), Seisdecatro (2011), Amizade (2012) e O Poder do Arcabuz (2016), este último xunto a Xacarandaina.
Noutra faceta artística formou no 2013, xunto a Xurxo Fernandes, o grupo musical Radio Cos co que publicou dous traballos discográficos: Radio Cos (2013) e Pasatempo (2016).
Tamén participa no grupo de cantareiros de Xacarandaina: Os do fondo da barra, un grupo co que se tenta recuperar a tradición popular dos cantos de taberna.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Xacarandaina - TVG (Alalá nº 47 - 2007) Pesquequiz - Quique Peón - Proxecto Pesquedellas (2020) - Youtube. Baile tradicional e o folclore no sistema actual da danza en Galicia: memoria e transmisión - Consello da Cultura Galega (2020) - Youtube.
Categoría:Nados en 1963 Categoría:Coreógrafos Categoría:Personalidades da música e o baile tradicional de Galicia