José Antonio Barrios Olivero, nado en Santa Cruz de Tenerife o 21 de marzo de 1949, é un exfutbolista e exadestrador español.

Traxectoria

Como futbolista Formouse na canteira do Tenerife, debutando co primeiro equipo na Segunda División con 17 anos, nun partido contra o Burgos no Plantío, correspondente á tempada 1966/67. Habitual no once titular, disputou un total de 24 partidos de liga e un de Copa na súa primeira campaña, marcando un total de 11 goles. Foi o máximo goleador do equipo na seguinte tempada, con 15 goles, pero o Tenerife acabou descendendo á Terceira División.

A continuación fichou polo Granada CF, adestrado por Marcel Domingo, co que debutou na Primeira División nun encontro fronte ao Málaga. Marcou os seus primeiros tres tantos nunha goleada por 4-6 contra o Mallorca no estadio Lluís Sitjar. Xogou un total de 103 partidos co Granada, marcando 24 goles e acadando un sexto posto en liga na tempada 1971/72, con Joseíto no banco.

En 1972 fichou polo Barcelona de Rinus Michels, no que xogou durante as seguintes dúas tempadas. Na primeira delas foi unha peza importante do equipo, sendo titular na maioría de partidos e anotando 8 goles en liga. Acadou o subcampionato ligueiro por detrás do Atlético de Madrid e debutou ademais na Copa da UEFA, marcándolle un gol ao Porto no estadio das Antas.

Na tempada 1974/75 fichou polo Hércules, que se reforzou ese ano con outros xogadores como Santoro, Giuliano, Quique, Juan Carlos ou Arieta II. Na súa primeira tempada, ás ordes de Arsenio Iglesias, o conxunto alacantino logrou a mellor clasificación da súa historia en Primeira División, un quinto posto, sendo Barrios o máximo goleador do equipo, con 13 tantos. Xogou catro campañas no Hércules, disputando un total de 137 partidos oficiais, e marcando 48 goles. A continuación pasou polo Levante, co que logrou o ascenso a Segunda División, e pechou a súa carreira no mesmo club no que a comezara, o Tenerife.

Xogos Olímpicos Foi internacional con España nos Xogos Olímpicos de 1968 en Cidade de México, onde foi titular no partido contra o Xapón.

Como adestrador Trala súa retirada continuou traballando no Tenerife, e foi o director deportivo durante os ascensos de 1987 e 1989, dende Segunda B ata Primeira. Nos seguintes anos foi adestrador de varios equipos, entre eles o Granada e o Vitória de Setúbal, este último na Primeira Liga portuguesa.

Despois de anos afastado do Tenerife, volveu para traballar como axudante do adestrador Martín Marrero primeiro e de Pepe Moré despois. Pasou a dirixir o primeiro equipo a metade da campaña 2004/05, facendo unha boa segunda volta, e continuou como adestrador na tempada seguinte. Tras un bo comezo, acadando o liderado despois de catro vitorias nos cinco primeiros partidos, os resultados deixaron de acompañar e despois de 11 xornadas foi apartado do cargo, aínda que continuou un tempo máis no club. O seu posto foi ocupado provisionalmente por Quique Medina, que tras un partido deu paso a Antonio López Habas.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do adestrador en BDFutbol .

Categoría:Nados en Santa Cruz de Tenerife Categoría:Nados en 1949 Categoría:Futbolistas das Canarias Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do CD Tenerife Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Xogadores do Levante UD Categoría:Futbolistas nos Xogos Olímpicos de 1968 Categoría:Futbolistas olímpicos de España Categoría:Adestradores de fútbol de España Categoría:Adestradores do CD Mensajero Categoría:Adestradores do Granada CF Categoría:Adestradores do Vitória de Setúbal Categoría:Adestradores do CD Tenerife Categoría:Directores deportivos de fútbol de España