Lorenzo Buffon, nado en Majano, Udine, o 19 de decembro de 1929 e finado en Latisana, Udine, o 25 de novembro de 2025, foi un futbolista italiano que xogaba como porteiro. Disputou 277 partidos co AC Milan, e máis tarde xogou tamén no seu máximo rival, o Inter de Milán, así como noutros clubs italianos, gañando cinco títulos da Serie A. Foi 15 veces internacional coa selección italiana, á que capitaneou no Mundial de 1962 en Chile.
Está amplamente considerado como un dos mellores porteiros da súa xeración e un dos mellores porteiros italianos da historia. Foi elixido xunto ao porteiro soviético Lev Iashin, para representar ao equipo das estrelas da FIFA durante a década de 1960.
Traxectoria Disputou un total de 365 partidos en 15 tempadas na Serie A, repartidas entre o AC Milan (1949–59), o Genoa (1959–60), o Inter de Milán (1960–63) e a Fiorentina (1963–64). Comezou a súa carreira no Portogruaro en 1948 antes de fichar polo Milan na tempada seguinte. Co Milán, debutou na Serie A o 15 de xaneiro de 1950, mantendo a portería a cero na vitoria por 1-0 ante a Sampdoria. Xogou 277 partidos co club, e participou na conquista de catro títulos da Serie A e dúas Copas Latinas, a pesar de ter como competencia na portería a Narciso Soldan. Co Milan, alcanzou tamén a final da Copa de Europa de 1957/58 e as semifinais da 1955/56. Con 300 partidos co Milan, é un dos únicos catro porteiros da historia do club que alcanzou este fito, só por detrás de Christian Abbiati (380), Sebastiano Rossi (330) e Dida (302).
Posteriormente xogou unha tempada no Genoa, antes de fichar en 1960 polo rival histórico do Milan, o Inter de Milán, en ambas ocasións como substituto do que foi considerado como o seu máximo rival ao longo da súa carreira: Giorgio Ghezzi. Xogou tres tempadas no Inter de Helenio Herrera, gañando o seu quinto título da Serie A na tempada 1962/63.
A continuación xogou na Fiorentina e no Ivrea antes de retirarse en 1965. Trala súa retirada do fútbol profesional, traballou como buscador de talentos para o Milan.
Selección nacional Foi 15 veces internacional coa selección italiana entre 1958 e 1962. Debutou o 9 de setembro de 1958 nun amigable contra Francia que rematou 2-2. Capitaneou a azzurra no Mundial de 1962 en Chile, quedando eliminado na primeira fase.
Vida persoal É parente do tamén porteiro Gianluigi Buffon, pois é curmán do seu avó. Casou coa actriz e celebridade televisiva Edy Campagnoli, que anteriormente mantivera unha relación co seu rival Giorgio Ghezzi. Palmarés AC Milan
Serie A (4): 1950/51, 1954/55, 1956/57, 1958/59. Copa Latina (2): 1951, 1956.
Inter de Milán
Serie A (1): 1962/63.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas Lista de partidos internacionais en rsssf.com . Datos do xogador en national-football-teams.com .
Categoría:Nados en 1929 Categoría:Nados na provincia de Udine Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do AC Milan Categoría:Xogadores do Genoa CFC Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do ACF Fiorentina Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1962