Aristide Guarneri, nado en Cremona o 7 de marzo de 1938, é un exfutbolista italiano, que xogaba como defensa. Formou con Armando Picchi a parella de centrais do Inter de Milán de Helenio Herrera, co que conquistou tres títulos da Serie A, dúas Copas de Europa e dúas Copas Intercontinentais. Foi internacional coa selección italiana, coa que gañou a Eurocopa de 1968.
Traxectoria
Como xogador Comezou a xogar na Juventina (equipo xuvenil de Cremona) e no Codogno (na Promozione), pasando en 1957 ao Como, da Serie B. Gañou a titularidade debido á exclusión dun compañeiro por motivos disciplinarios, e o técnico arxentino Hugo Lamanna colocouno como lateral esquerdo.
En 1958 fichou polo Inter, onde foi utilizado por primeira vez como defensa central polo adestrador Giulio Cappelli debido ás decepcionantes actuacións do titular Cardarelli, e a proposta de Gianni Invernizzi, designado inicialmente para o posto. Debutou cos nerazzurri o 10 de outubro no triunfo por 8-0 ante o SPAL, e pronto se converteu nun titular indiscutible. A partir de 1962 formou con Armando Picchi a parella defensiva de centrais do Grande Inter adestrado por Helenio Herrera. Gañou tres títulos da Serie A, dúas Copas de Europa e dúas Copas Intercontinentais.
Deixou o Inter en 1967 para xogar unha tempada no Bologna e outra no Napoli, onde ofreceu un rendemento por baixo das expectativas. En 1969 volveu unha última tempada ao Inter, onde Heriberto Herrera substituíra a Helenio no banco, pero non atopou espazo co técnico paraguaio, disputando só dous partidos da Copa de Feiras e tres ao final do campionato.
En xaneiro de 1971, a pesar de ser solicitado polo Palermo, pasou a xogar no Cremonese, da Serie D, deixando o Inter tras 335 partidos e catro goles. Co equipo da súa terra obtivo o ascenso á Serie C, xogando outros dous anos como capitán na terceira categoría antes de retirarse en 1973, aos 35 anos.
Selección italiana esquerda|miniatura| Guarneri (de pé, segundo pola dereita) coa selección italiana na final da Eurocopa de 1968. Debutou coa selección italiana o 12 de maio de 1963 nunha vitoria por 3-0 contra o Brasil campión do mundo. Xogou un total de 21 partidos coa azzurra, coa que participou no Mundial de 1966 e na Eurocopa de 1968, logrando o título nesta última. Disputou a final contra Iugoslavia, que precisou dun partido de desempate. Anotou o seu único gol internacional en 1966, nun amigable contra a URSS, onde lle marcou ao histórico gardameta Lev Iashin.
Como adestrador Trala súa retirada pasou a ser adestrador do equipo xuvenil do Cremonese, co que gañou o campionato de Serie C xuvenil en 1974. Máis tarde foi segundo adestrador de Giancarlo Danova no Sant'Angelo e no Parma e adestrou a Fiorenzuola, na Interregionale, e a Viadana e a Soresinese en competicións de afeccionados. Na tempada 1991/92 foi segundo adestrador do coruñés Luis Suárez no banco do Inter, trala destitución de Corrado Orrico.
Trala súa experiencia como adestrador, realizou diversas funcións no Inter de Milán, entre elas a de observador na procura de novos talentos para o club. Características técnicas Comezou a súa carreira xogando como lateral, pasando logo ao posto de defensa central, papel no que prefería o xogo da anticipación ás intervencións sobre o rival. Non foi nunca expulsado na súa carreira, polo que era alcumado lo stopper gentiluomo ("o central cabaleiro").
Palmarés Inter de Milán Serie A (3): 1962/63, 1964/65, 1965/66. Copa de Europa (2): 1963/64, 1964/65. Copa Intercontinental (2): 1964, 1965.
Selección italiana Eurocopa (1): 1968.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Datos do xogador en Transfermarkt . Datos do xogador en worldfootball.net . Datos do xogador en eu-football.info .
Categoría:Nados na provincia de Cremona Categoría:Nados en 1938 Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Calcio Como 1907 Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do Bologna FC 1909 Categoría:Xogadores do SSC Napoli Categoría:Xogadores do US Cremonese Categoría:Futbolistas gañadores da Liga de Campións da UEFA Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1966 Categoría:Futbolistas gañadores da Eurocopa Categoría:Adestradores de fútbol de Italia