Derry Girls é unha serie de televisión británica, creada e escrita por Lisa McGee e estreada o 4 de xaneiro de 2018 a través de Channel 4. É a comedia máis exitosa da canle dende Father Ted, e está inspirada nas propias experiencias de McGee crecendo en Derry na década de 1990, durante os anos finais do conflito de Irlanda do Norte. Está protagonizada por Saoirse-Monica Jackson, Louisa Harland, Nicola Coughlan, Jamie-Lee O'Donnell e Dylan Llewellyn, no papel de cinco adolescentes que viven no Derry de mediados de 1990 e asisten ao Instituto Our Lady Immaculate, un instituto de secundaria ficticio baseado no real Thornhill College, onde estudou McGee. Foi producida pola compañía británica Hat Trick Productions, e foi rodada en Irlanda do Norte, sendo rodadas a maioría das escenas en Derry e algunhas en Belfast.

Sinopse Derry Girls está ambientada na vida de catro adolescentes de Derry, Irlanda do Norte, e un de Londres na década de 1990 que estudan nun colexio feminino de monxas católicas. A protagonista é Erin Quinn, unha moza ambiciosa e sarcástica, e o resto do grupo está formado pola súa curmá Orla, as súas amigas Claire e Michelle, e o primo inglés desta última, James. Erin vive na mesma casa cos seus pais, o seu avó materno, a súa tía e a súa curmá.

A historia desenvólvese nos anos 90 e está marcada polo final do conflito de Irlanda do Norte, que tivo en Derry a un dos seus máis tristes protagonistas: a cidade estivo tradicionalmente dividida entre barrios católicos —quen a chaman Derry— e protestantes —Londonderry—, e foi foco de conflitos como a batalla do Bogside (1969) ou o Domingo Sanguento (1972). A pesar diso, a maioría das historias están relacionadas coa adolescencia e a transición cara á madurez. A propia autora, Lisa McGee, é norteirlandesa e baseouse na súa infancia para perfilar a maioría das historias.

O elenco protagonista está formado por xente que xa interpretara algúns papeis en series británicas e irlandesas, mentres que os secundarios son defendidos por xente con experiencia. Entre eles cabe destacar a Ian McElhinney (Game of Thrones), Tommy Tiernan (The Tommy Tiernan Show), Tara Lynne O'Neill (EastEnders) e Ardal O'Hanlon (Father Ted).

Elenco e personaxes Saoirse-Monica Jackson como Erin Quinn Louisa Harland como Orla McCool Nicola Coughlan como Clare Devlin Jamie-Lee O'Donnell como Michelle Mallon Dylan Llewellyn como James Maguire Tara Lynne O'Neill como Mary Quinn Tommy Tiernan como Gerry Quinn Kathy Kiera Clarke como Sarah McCool Ian McElhinney como Joe McCool Siobhán McSweeney como irmá George Michael Leah O'Rourke como Jenny Joyce

Episodios TempadaEpisodiosEmisión orixinalInicioFinal164 de xaneiro de 20188 de febreiro de 2018265 de marzo de 20199 de abril de 20193712 de abril de 202218 de maio de 2022

Recepción Derry Girls converteuse na serie de televisión máis vista en Irlanda do Norte desde que se teñen rexistros, cun 54% de cota de pantalla en termos xerais e un 64% entre o público obxectivo de 16 a 34 anos. A raíz do éxito de audiencia do primeiro episodio, Channel 4 confirmou a segunda tempada e vendeu os dereitos de emisión internacional a Netflix.

As valoracións da crítica especializada foron positivas en termos xerais. O diario The Guardian valorou a súa autenticidade, a súa visión da adolescencia, e a súa capacidade para explicar o día a día da sociedade norteirlandesa, cos mesmos soños e preocupacións que o resto do país.

A serie foi galardoada como «mellor comedia» nos Premios da Televisión Irlandesa de 2018 e nos da Royal Television Society de 2019.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Artigo en The Independent

Categoría:Series de televisión en lingua inglesa Categoría:Series de televisión iniciadas en 2018 Categoría:Series de televisión finalizadas en 2022 Categoría:Series de televisión do Reino Unido Categoría:Series de televisión ambientadas na década de 1990